A Consolidación do Poder Real en Galicia: Os Reis Católicos e a Transformación do Reino

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,47 KB

A Transformación de Galicia baixo os Reis Católicos: Afirmación do Poder Real

Todos os autores concordan en que o reinado dos Reis Católicos foi decisivo para Galicia, aínda que por razóns diferentes, tanto negativas como positivas. Deixando ao marxe debates, parece ben asentado que desde 1480, principalmente, comeza para Galicia, no terreo político e social, un tempo novo. Esta novidade vén determinada pola afirmación do poder real cunha intensidade antes descoñecida, que se concreta en varios aspectos:

  • O sometemento (polas boas ou polas malas) da nobreza.
  • A cobranza de tributos (alcabalas, servizos).
  • Os inicios da reforma dos mosteiros beneditinos e cistercienses.

Institucións Clave para o Control Real

Para levar a cabo este ambicioso programa, os monarcas crearon institucións que encarnaban o seu poder nun territorio periférico como Galicia:

  • O Gobernador: Posteriormente intitulado Capitán Xeneral, este cargo estaba provisto de poderes extraordinarios de tipo represivo. Contaba co apoio de tropas traídas a Galicia expresamente para tal fin e, posteriormente, coas da Santa Irmandade.
  • A Real Audiencia: Un tribunal de letrados que se foi formando xunto ao gobernador, con membros procedentes tanto de Galicia como de fóra do reino.

O Mito da Autonomía Galega

A pesar de afirmacións como a de que os Reis Católicos remataron coa “autonomía” de Galicia, cómpre deixar claro que, cara a 1470 e moito antes, Galicia era un “reino” nominal. Carecía de calquera institución propia ou ordenamento xurídico-político diferenciado dentro da Coroa de Castela. Unha cousa é que os monarcas católicos establecesen en Galicia institucións novas, que actuaban no seu nome, e outra que desaparecese o que en realidade non existía.

A suposta autonomía de Galicia consistía na case ausencia do poder real, debido á incapacidade que durante o século XV tiveron os monarcas para exercelo fronte aos poderosos señoríos das principais liñaxes nobres e tamén de institucións eclesiásticas, como os arcebispos de Santiago.

Impacto Social e Económico da Intervención Real

Os nobres, unha vez sometidos política e militarmente, foron obrigados a saír para Granada en compaña dos monarcas, quen visitaron Galicia en 1486. Algúns mesmo foron axustizados en diferentes situacións. Esta realidade non concordaría coa opinión dos cronistas que puidesen idealizar a situación, nin tampouco coa de moitas familias plebeas que en 1490 tiveron que pagar pesados tributos cobrados á forza polas tropas da Santa Irmandade.

Porén, parece certo que as novas institucións (gobernadores e Real Audiencia) espertaron en moitos concellos unha confianza que, en moitas ocasións, quedou frustrada. Os veciños agardaban verse libres das rendas que viñan pagando aos señores desde facía décadas. Ao final, salvo cargas moi arbitrarias, as sentenzas deixaron en vigor as prestacións que lles foran impostas aos labregos.

É dicir, a nobreza foi moi ben tratada desde o punto de vista patrimonial, pois viu garantida no novo contexto político a maior parte das súas rendas, aínda que moitas delas fosen obtidas violentamente.

Entradas relacionadas: