Conflitos da Guerra Fría: De Berlín a Afganistán e a Perestroika

Enviado por pablo y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 14,68 KB

O Bloqueo de Berlín e as súas Consecuencias

Na Conferencia de Potsdam decidiuse a división de Alemaña e a súa capital en catro zonas de ocupación administradas conxuntamente por EE. UU., Francia, Gran Bretaña e a URSS. Esta división considerábase transitoria, ata que os aliados chegasen a un acordo sobre o tratado de paz que se imporía a Alemaña. A comezos de 1948, EE. UU. e os seus aliados xestionaban a creación dun Estado alemán independente; nas negociacións deixaron de lado aos soviéticos e, como resposta, os soviéticos cortaron as comunicacións terrestres con Berlín, de modo que quedaban bloqueados os sectores occidentais da capital. Norteamericanos e ingleses reaccionaron poñendo en marcha unha ponte aérea, coa que levaron todo tipo de subministracións a Berlín. O bloqueo non resultou eficaz e foi levantado ao ano seguinte.

Consecuencias do Bloqueo de Berlín

Esta crise do bloqueo de Berlín acelerou o proceso de división de Alemaña e a configuración dos bloques. En 1949, os aliados occidentais uniron as súas zonas e nacía a República Federal Alemá (RFA). A resposta soviética foi crear na súa zona a República Democrática Alemá (RDA). Nese mesmo ano, os occidentais creaban a OTAN e os soviéticos o COMECON.

A Construción do Muro de Berlín

En 1961, a tensión entre os bloques con respecto a Berlín estaba nun punto álxido. O desenvolvemento da zona occidental deu lugar a un progresivo transvasamento de berlineses desde o sector oriental ao occidental. Para acabar con esta situación, o Goberno da RDA decretou o pechamento da fronteira berlinesa e a construción dun muro de cemento e arames para separar as zonas. O Muro da Vergoña acrecentou os sentimentos de unión dos occidentais, reflectida na frase de Kennedy: "Ich bin ein Berliner".

A Caída do Muro de Berlín

En setembro de 1989, Hungría abriu a súa fronteira con Austria, provocando a primeira fenda no Pano de Aceiro. Por esta fenda escaparon milleiros de cidadáns da RDA cara á RFA. Isto veu acompañado de numerosas manifestacións na RDA. Ao mesmo tempo, desde Rusia, Mikhail Gorbachev condenou explicitamente a Doutrina Brezhnev, feito que foi aproveitado polos comunistas reformistas na RDA para asumir o poder e abrir o Muro de Berlín o 9 de novembro de 1989.

A Crise dos Míseis de Cuba

O 1 de xaneiro de 1959, Fidel Castro logrou conquistar o poder en Cuba tras unha revolución vitoriosa que derrocou o réxime ditatorial de Batista. Poucas semanas despois, o novo Goberno revolucionario puxo en marcha un programa de transformación de carácter socialista. Os EE. UU. non recoñeceron o novo réxime e decretaron un boicot económico que obrigou a Cuba a buscar apoio na URSS. A tensión entre Cuba e os EE. UU. foi en aumento. Os EE. UU. intentaron rematar co réxime castrista financiando un desembarco na Baía de Cochinos. Así, o Goberno cubano recibiu toda clase de armamento soviético para a súa defensa. Avións espías norteamericanos detectaron a presenza de ramplas de lanzamento de mísiles nucleares orientados cara aos EE. UU. O presidente Kennedy decretou un bloqueo militar á illa e puxo en estado de máxima alerta ao exército. A tensión foi máxima e os respectivos bloques preparáronse para unha guerra que parecía inevitable. Ante a posibilidade dun conflito atómico que ninguén desexaba, tanto Kennedy como Khrushchev intercambiaron unha serie de mensaxes e ofertas co obxectivo de chegar a un acordo. O 28 de outubro, os soviéticos aceptaron retirar os mísiles a cambio da garantía dos norteamericanos de non invadir Cuba e de levantar o bloqueo militar. A crise de Cuba foi o punto máis grave de toda a Guerra Fría.

A Guerra de Corea e as súas Repercusións

Tras a capitulación de Xapón, Corea quedou dividida en dúas zonas de ocupación separadas polo paralelo 38: o norte baixo control soviético e o sur baixo control norteamericano. En 1948, as potencias ocupantes transformaron as súas respectivas zonas en Estados independentes: o norte na República Popular de Corea e o sur na República Democrática de Corea. O triunfo da revolución comunista liderada por Mao Zedong en China en 1949 estimulou os desexos de expansión dos gobernos comunistas da URSS e de Corea do Norte. En 1950, as tropas de Corea do Norte invadiron Corea do Sur e conquistaron a maior parte do seu territorio. Truman denunciou o ataque no Consello de Seguridade da ONU; o exército da ONU, apoiado pola VII Frota norteamericana e dirixido polo xeneral MacArthur, obrigou aos norcoreanos a se retirar preto da fronteira chinesa. Intervén o Goberno comunista de China. As tropas da ONU sufriron graves derrotas e foron obrigadas a retroceder cara ao sur. A fronte estabilizouse sobre o paralelo 38. En 1953 asinouse o tratado de paz no que se perpetuaba a anterior división do territorio. Logo de tres anos de guerra, a situación volvía ser practicamente a mesma que antes de que se iniciase o conflito.

Consecuencias da Guerra de Corea

Tras esta guerra, os dous grandes reforzaron o seu armamento. Para evitar un caso parecido ao de Corea en Europa, Alemaña occidental foi rearmada e integrada na OTAN; a resposta soviética foi a creación do Pacto de Varsovia. No Extremo Oriente, a China de Mao converteuse nunha potencia con gran influencia na zona, mentres que os EE. UU. incrementaban a súa presenza militar e estimulaban a reconstrución económica de Xapón, convertido en aliado.

O Conflito de Oriente Medio

Antecedentes e Nacionalismo Xudeu

Desde finais do século XIX, baixo a influencia das ideas nacionalistas, xurdiu no mundo xudeu a idea de contar cunha patria propia que rematase coa diáspora. A nova patria debía establecerse en Palestina. Desde 1920, estimulados polo movemento sionista e pola promesa británica de favorecer a creación dun fogar nacional xudeu.

Fundación do Estado de Israel

A terrible experiencia vivida polos xudeus durante a Segunda Guerra Mundial decidiu á ONU a repartir o territorio en dous Estados: un xudeu e outro palestino, deixando Xerusalén baixo control internacional. A resolución foi aceptada con xúbilo pola comunidade xudía, pero foi rexeitada polos árabes, que anunciaron que botarían os xudeus ao mar. En 1948 foi proclamada a independencia de Israel. Desde entón, árabes e xudeus teñen protagonizado unha serie de violentos enfrontamentos que manteñen esta zona nun continuo estado de guerra.

Principais Conflitos Árabe-Israelís

Primeira Guerra Árabe-Israelí (1948-1949)

Tivo lugar a primeira guerra, orixinada pela oposición árabe ás decisións da ONU. A vitoria israelí sobre os árabes permitiulles consolidar o seu Estado e ampliar o territorio. Carentes de territorio, moitos palestinos iniciaron a marcha cara a países veciños, nos que organizaron grupos de carácter nacionalista que loitan pola liberación de Palestina. Destes grupos xurdiu a Organización para a Liberación de Palestina (OLP), sendo o seu principal dirixente Yasser Arafat. Tamén aparece o panarabismo da man do dirixente exipcio Nasser.

Segunda Guerra Árabe-Israelí: Guerra dos Seis Días (1967)

En 1967 tivo lugar a Guerra dos Seis Días, na que Israel ocupou extensos territorios. Nesta guerra, tan importante como a mesma derrota foi o sentimento árabe de humillación e rabia, que acentuou o seu odio aos xudeus. O apoio que os EE. UU. brindaron a Israel orixinou un xiro no mundo árabe cara á aceptación de axuda militar soviética, así como a aparición na zona dun profundo sentimento antinorteamericano que marcará moitos dos conflitos posteriores e que chega ata os nosos días.

Terceira Guerra Árabe-Israelí: Guerra do Yom Kippur (1973)

Aproveitando a celebración relixiosa xudía do Yom Kippur, en 1973 reapareceu o conflito bélico, a chamada Guerra do Yom Kippur. A guerra tivo importantes repercusións internacionais, pois os países árabes produtores de petróleo decidiron empregar o cru como arma contra os países occidentais e os EE. UU. A subida dos prezos do petróleo e a redución da produción contribuíron a desencadear unha forte crise económica mundial.

Cuarta Guerra: Intervención no Líbano (anos 70-80)

Na década dos setenta, a situación na zona complícase no Líbano, país no que intervén Israel como represalia contra as actuacións terroristas de palestinos alí refuxiados. En 1982, os exércitos israelís chegaron ata Beirut.

Quinta Guerra: Intifada e Acordos de Paz (anos 80-90)

De novo comezara o conflito en 1988 co inicio da Intifada e a proclamación do Estado palestino pola OLP. Esta nova situación leva á celebración dunha Conferencia de Paz que iniciou os traballos en Madrid en 1991 e na que, por primeira vez, se establece unha negociación directa entre Israel e a OLP. As reunións culminan con éxito: en 1993, Israel e a Autoridade Palestina recoñécense mutuamente en Washington. En 1994, Israel recoñece a autoridade palestina de Gaza e Xericó e asina a paz con Xordania. A violencia dos dous pobos enfrontados dificultou extraordinariamente a situación, e o conflito persiste hoxe.

A Guerra de Vietnam: Descolonización e Bloques

Antecedentes da Guerra de Vietnam

No Extremo Oriente, en Indochina, tivo lugar un longo conflito orixinado en parte por problemas de descolonización e en parte na política de bloques. Francia, potencia europea colonizadora da zona, fora substituída durante a Segunda Guerra Mundial por Xapón. En 1945, o líder comunista Ho Chi Minh funda a República Democrática de Vietnam e proclama a súa independencia. Esta decisión non foi aceptada polos franceses e iníciase unha guerra na que os comunistas derrotan aos exércitos franceses en Dien Bien Phu en 1954. Na conferencia de paz de Xenebra, de forma provisional, acórdase a partición do país polo paralelo 17 en dúas zonas: Vietnam do Norte e Vietnam do Sur. En 1955, tras a retirada francesa, as autoridades do sur, contando co apoio norteamericano, proclamaron a República de Vietnam, cun goberno autoritario fortemente anticomunista. Ambos os bloques apoiaron economicamente aos seus aliados. No sur deuse a aparición da guerrilla comunista, coñecida como Vietcong, que recibiu apoio de Vietnam do Norte. Os norteamericanos non foron quen de destruír a resistencia do Vietcong e de Vietnam do Norte. Déronse importantes protestas nos EE. UU. como no resto do mundo. A imposibilidade de gañar, a desmoralización das súas tropas e a crecente hostilidade pública levaron ao presidente Johnson a anunciar o cesamento dos bombardeos e a propoñer conversacións de paz.

O Fin da Guerra e a Paz en Vietnam

Foi o seu sucesor, Nixon, quen iniciou unha lenta retirada das tropas norteamericanas e mantivo conversas de paz co goberno de Vietnam do Norte. Na conferencia de paz de París de 1973 asínase o alto o fogo e a retirada norteamericana de Vietnam do Sur. En 1975, o goberno de Vietnam levou a cabo a conquista de Saigón e a unificación do país. Para os EE. UU., a guerra de Vietnam foi unha derrota total. Foi unha derrota militar, a primeira da súa historia, agravada polo feito de que, a pesar dos inxentes medios bélicos empregados, non foron capaces de reducir a capacidade de resistencia dun exército de campesiños.

A Primeira Guerra de Afganistán (1978-1989)

O golpe de Estado de 1978 levou ao poder aos líderes do Partido Comunista afgán. As medidas adoptadas polo novo Goberno provocaron tensións co clero musulmán que desembocaron en conflitos armados e na aparición de movementos guerrilleiros apoiados por Paquistán, Irán e EE. UU. (Bin Laden). A URSS decide enviar en 1979 tropas de ocupación. A intervención soviética foi duramente criticada e agravou as tensións entre os dous bloques. Non obstante, a pesar dos esforzos militares realizados, as tropas soviéticas non foron capaces de resolver a situación. Finalmente, o Goberno soviético dirixido por Mikhail Gorbachev negociou unha solución política ao conflito. En 1988 iniciouse a retirada das tropas soviéticas. A guerra de Afganistán, ao igual ca de Vietnam, pon de manifesto as dificultades que teñen as superpotencias para impoñer o seu dominio sobre as pequenas nacións do Terceiro Mundo. A guerra amosou tamén a incapacidade soviética para estender e consolidar o seu dominio sobre as zonas veciñas, así como a perda de prestixio da URSS. Outra consecuencia foi o incremento do fundamentalismo islámico, o acceso ao poder dos talibáns e a extensión do terrorismo islámico.

A Perestroika e o Fin da URSS

A pesar do crecemento agrario e industrial da URSS tras o ascenso de Brezhnev ao poder, o país non estivo nunca á altura económica do Occidente capitalista. Os plans quinquenais non acadaron case nunca os seus obxectivos. A nomenklatura converteuse nun corpo funcionarial inerte e sen maior iniciativa que conservar o seu status quo. Con este panorama, e trala reactivación da guerra fría na época de Reagan, a parálise económica tratou de ser combatida coas reformas propostas por Mikhail Gorbachev, baseadas na Perestroika e na Glasnost. A Perestroika foi, en conxunto coa Glasnost, unha das políticas introducidas na Unión Soviética por Mikhail Gorbachev en 1985. A palabra perestroika gañou a connotación de 'reconstrución económica'. Gorbachev percibiu que o sistema de economía da Unión Soviética debería ser reformado, e isto levaríao a cabo o proceso da Perestroika. Unha das claves fundamentais da Perestroika era reducir a cantidade de diñeiro gastado na defensa nacional e, para facer isto, Gorbachev percibiu que a Unión Soviética debería:

  • Desocupar Afganistán.
  • Negociar con EE. UU. a redución do armamento.
  • Non interferir noutros países comunistas.

A política de Gorbachev tivo como consecuencia a ulterior desaparición da URSS como entidade.

Entradas relacionadas: