Condicionantes Xeográficos e Elementos Fundamentais do Clima

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,57 KB

Condicionantes Xeográficos do Clima

A Latitude

Nas latitudes baixas (máis próximas ao ecuador), o clima é cálido, mentres que nas altas (máis próximas ao polo) é frío. A Península Ibérica está situada nunha latitude intermedia, polo que o seu clima é temperado e presenta diferentes estacións ao longo do ano. Pola contra, as Illas Canarias están nunha latitude próxima aos trópicos, polo que o seu clima é máis cálido e non hai estacións claramente diferenciadas.

O Relevo

O relevo inflúe no clima de varias maneiras:

  • En primeiro lugar, a temperatura baixa a medida que o terreo ascende, á razón de medio grao cada 100 metros aproximadamente.
  • En segundo lugar, a orientación das montañas tamén determina grandes diferenzas entre unhas ladeiras e outras. No hemisferio Norte, as ladeiras orientadas ao Sur (sollíos ou soalleiros) son máis soleadas e cálidas que as orientadas ao Norte (umbrías ou avesedos).
  • En terceiro lugar, as ladeiras situadas a barlovento, é dicir, de cara ou expostas aos ventos dominantes, son máis frías e teñen máis precipitacións que as situadas a sotavento (protexidas do vento).

A Influencia do Mar

O mar ten un efecto regulador das temperaturas. A auga tarda máis en quentarse e en arrefriarse que a terra firme, polo que ten un efecto suavizador das temperaturas nas masas de aire que a rodea. Por esta razón, as zonas de costa sofren menos os contrastes de temperatura entre o inverno e o verán, ou entre o día e a noite, que as zonas de interior, onde a amplitude térmica (diferenza entre as temperaturas altas e baixas) é máis acusada.

Elementos que Conforman o Clima

A Presión Atmosférica e os Centros de Acción

Entendemos por presión atmosférica o peso que exerce a atmosfera sobre un punto concreto da superficie. É máis alta ao nivel do mar, e diminúe a medida que se ascende.

Mídese coa axuda dun barómetro e como unidade de medida úsase o milibar (mb) ou o hectopascal (hPa). A presión media da atmosfera ao nivel do mar é duns 1013 mb (ou hPa).

A presión pódese cartografar, debuxando mapas de presións. Neles, os puntos de igual presión son unidos mediante liñas (isóbaras) que adoitan dispoñerse de forma concéntrica a un punto de máxima ou de mínima presión.

A diferenza de presión entre dous puntos concretos denomínase gradiente barométrico. Cando as isóbaras están moi xuntas, o gradiente será alto, mentres que se están moi separadas, haberá pouco gradiente.

Aos puntos de máxima ou mínima presión dunha rexión chámaselles centros de acción.

Un anticiclón é un centro de altas presións. Neles, as correntes de aire en altura converxen e descenden (aumentando a presión), para logo diverxer ao chegar á superficie. Os anticiclóns son centros emisores de ventos en superficie, e asócianse a unha situación atmosférica estable e ao tempo despexado.

Unha borrasca ou ciclón é un centro de baixas presións. Neles, as correntes de aire superficiais converxen e ascenden, provocando a caída da presión e creando unha situación atmosférica turbulenta. As borrascas son receptoras de ventos en superficie, e asócianse ao tempo inestable e á nubosidade.

Entradas relacionadas: