Conceptos fundamentais de economía, agricultura e sustentabilidade

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,8 KB

Sector Primario e Política Agraria

Agricultura ecolóxica

Tipo de agricultura que utiliza sistemas naturais para producir, non recorrendo a produtos químicos (fertilizantes, insecticidas, sementes modificadas, etc.) para aumentar a fertilidade do solo e das plantas, ou limita o uso de fármacos nas explotacións gandeiras. Supón apostar por unha menor produtividade, a cambio de produtos máis saudables e un maior respecto ás condicións ambientais de cada área. A súa maior limitación é que se obteñen produtos máis custosos e, por tanto, de prezos algo superiores no mercado.

Exemplo: Os produtos ecolóxicos de orixe animal supoñen o 52% do total, situándose o leite no primeiro lugar, seguido das carnes e os ovos.

Denominación de orixe

Certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome, que asegura certas características comúns que todos deben cumprir. Resulta cada vez máis frecuente en produtos agrarios:

  • Viños
  • Aceites
  • Carnes
  • Legumes
  • Queixos e doces

Exemplo: O Queixo San Simón da Costa.

Silvicultura

Explotación económica dos bosques, dos que se obtén, sobre todo, madeira, pero tamén resina, froitos silvestres, etc. Exemplo: O fomento da PAC e do Plan Forestal Español para a dedicación forestal das terras excedentes da agricultura.

FEAGA (Fondo Europeo Agrícola de Garantía)

Instrumento da PAC (Política Agraria Comunitaria) que se ocupa de financiar os pagamentos de mercado asociados a momentos de crise, e os pagamentos directos aos agricultores pola necesidade de garantirlles unhas rendas adecuadas e estables. Exemplo: Os pagamentos aos agricultores que adopten medidas voluntarias adicionais a favor do clima e do medio.

Economía e Comercio

Balanza comercial

Documento contable onde se rexistran as transaccións económicas que leva a cabo un país co resto do mundo, xeralmente durante un ano. Hai tres contas básicas:

  1. A conta corrente
  2. A conta de capital
  3. A conta financeira

Tradicionalmente, a balanza comercial española é deficitaria co resto do mundo, sobre todo con Asia (China) e os países produtores de petróleo de África e América Latina. Con respecto a Europa, aínda que tradicionalmente foi deficitaria, cambiou de signo grazas ao aumento das exportacións.

Economía somerxida

Toda actividade económica que escapa ao control do fisco. Pode ser de forma legal ou ilegal. Este tipo de economía non serve para medir o PIB dun país, xa que non se atopa á vista. En España, oscila entre os 230.000 e os 240.000 millóns de euros, o 16,9% do PIB. Actividades como o traballo doméstico e a venda ambulante adoitan estar relacionados coa economía somerxida.

Turismo e Sociedade Dixital

Ecoturismo

Ou turismo ecolóxico, é un turismo ético enfocado cara ao recreo na natureza de forma respectuosa co medio. Céntrase na visita a espazos naturais protexidos, como parques nacionais ou naturais. Neles combínase a protección ambiental co uso recreativo suxeito ás regulamentacións establecidas. Exemplo: A visita ao Parque Natural Fragas do Eume na provincia da Coruña.

Turismofobia

Fenómeno caracterizado polo rexeitamento das poboacións locais do turismo masivo, que xera grandes incomodidades e dificultades aos residentes. Cando nun destino turístico se produce masificación e se desborda a capacidade de carga sobre os recursos medioambientais e mesmo a vivenda, as protestas arrecian e o malestar está próximo á fobia. Exemplo: A actitude incívica dalgúns peregrinos que provoca brotes de turismofobia na cidade de Santiago de Compostela.

Fenda dixital

Desigualdade existente entre as persoas respecto ás posibilidades de acceso, calidade e formación no uso das TIC (tecnoloxías da información e comunicación). Esta desigualdade dase entre grupos de desigual condición socioeconómica e entre habitantes das zonas rurais e urbanas, dado que a cobertura de internet é mellor en áreas densamente poboadas. Exemplo: En España, as persoas especialistas en TIC no ano 2023 son maioritariamente homes (82,2%) fronte a un 17,8% de mulleres.

Enerxía e Industria Sostible

Enerxías renovables

Son aquelas que non se esgotan co seu consumo, senón que se renovan periodicamente de forma natural. Supoñen tamén un menor impacto ambiental, polo que adoitan cualificarse como enerxías limpas. A eólica, a hidráulica e a solar son as máis importantes en España.

Industrias verdes

Tipo de industria na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible, a través do respecto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Nelas, un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioración da paisaxe; por iso, por exemplo, recicla ou reutiliza materiais (cartón, papel, plástico...), reduce ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro e dispón de plantas de tratamento de auga. Exemplo: A empresa Sogama en Galicia.

Industria 4.0

A Cuarta Revolución Industrial, actualmente en marcha, implica a utilización de novas tecnoloxías como a robótica, a intelixencia artificial, a nanotecnoloxía e o internet das cousas (IoT). Todo iso debe repercutir nunha automatización das tarefas e unha dixitalización industrial que quizais reverta o proceso de deslocalización industrial promovido polo neoliberalismo de finais do século XX. Exemplo: A empresa Navantia.

Descarbonización

Política enerxética consistente na redución paulatina das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) xeradas pola actividade humana. Implica o peche de centrais térmicas baseadas na combustión de carbón, á par que se fomenta o incremento de enerxía xerada a partir de fontes renovables. Exemplo: A desconexión da central térmica das Pontes en Galicia.

Deslocalización industrial

Traslado dunha actividade industrial dun país ou rexión a outro lugar coa finalidade de abaratar custos. Co proceso de globalización da economía, moitas grandes empresas dos países máis ricos aproveitaron esta estratexia para situar as súas plantas de produción en países menos desenvolvidos onde os salarios son máis baixos. Exemplo: A empresa multinacional Inditex.

Entradas relacionadas: