Conceptos Fundamentais da Semántica Lingüística: Significado e Relacións de Palabras

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,95 KB

Conceptos Fundamentais do Significado

Significado Denotativo

O significado denotativo é o significado que aparece nos dicionarios, obxectivo e compartido por todos os falantes. Por exemplo, mar: "masa de auga salgada que cobre boa parte da superficie terrestre".

Significado Connotativo

O significado connotativo é o significado adicional que se engade ao significado base. Polo tanto, é o significado subxectivo, asociado a valores de moi diversa índole: afectivos, estilísticos, ideolóxicos, culturais.

Semas

Desenvolveuse o concepto de semas, é dicir, conxuntos de trazos significativos mínimos. Polo tanto, podemos descompoñer o significado das palabras en elementos significativos mínimos. Por exemplo, home descomponse no sema "humano" e no sema "macho".

Campo Semántico

Outro concepto importante é o de campo semántico: conxunto de palabras que comparten un mesmo sema e que se opoñen entre elas por presentar outros semas diferentes.

Relacións Semánticas entre Palabras

Antonimia

É a relación que se establece entre dous signos pola oposición de significados. A relación desta oposición é diversa. En base a isto, os lingüistas estableceron tres clases de antonimia:

  • Oposición gradual

    Estas relacións non se fundamentan na oposición de propiedades absolutas, senón en trazos graduais. Este carácter de gradación permite atopar outros termos intermedios.

  • Complementarios

    Dáse entre significados que manteñen unha oposición ou negación mutua; é dicir, a afirmación dun deles supón a negación do outro, como no caso de vivo/morto.

  • Recíprocos

    Prodúcese este tipo de oposicións con palabras que expresan unha relación dalgún tipo entre dous elementos (causas, procesos...). Estas relacións implícanse mutuamente e non poden ser entendidas por separado.

Relacións de Inclusión

  • Hiperonimia

    É a relación que se establece entre un signo de significación extenso ou xeral e outro de significado máis concreto ou específico incluído dentro del. Así, peixe é hiperónimo de xurelo.

  • Hiponimia

    É a relación inversa, é dicir, a que se establece entre un signo con significado concreto e específico e outro cun máis amplo e xeral que abrangue o anterior. Por exemplo, xurelo é hipónimo de peixe.

  • Meronimia

    O significado dunha palabra está incluído no significado doutra. Por exemplo: brazo-corpo.

  • Cohiponimia

    É a relación que se establece entre hipónimos que comparten un mesmo hiperónimo. Así, son cohipónimos xurelo, sardiña, meiga e ollomol.

Sinonimia

Relación que se establece entre dous signos que, tendo distintos significantes, comparten un mesmo significado. Por exemplo, lucecú e vagalume son insectos da orde dos coleópteros, semellantes a un verme cun abdome de forma alongada que emite luz.

Tipos de Sinónimos

  • Perfectos ou totais

    Son pouco frecuentes na lingua. Poden intercambiarse en todos os contextos e comparten o mesmo significado denotativo e connotativo. Por exemplo: lucecú e vagalume, ou contestar e responder.

  • Imperfectos ou parciais

    Son os máis abundantes. Poden intercambiarse nalgúns contextos. Por exemplo: morrer (-culto) e falecer (+culto), ou cortar e amputar (cortaron/amputaron a perna, pero cortar a torta e non *amputaron a torta).

Polisemia e Homonimia

Estes dous tipos de relacións semánticas teñen en común a súa orixe na propia evolución histórica e a asociación de significados distintos a un mesmo significante. Porén, son fenómenos distintos.

Polisemia

Relación oposta á sinonimia, é dicir, a un mesmo significante correspóndelle dous ou máis significados. Xorde cando unha palabra vai gañando novos significados e acepcións ao longo da historia. Aparece unha entrada única no dicionario.

Homonimia

Desde o punto de vista diacrónico, estamos ante dous signos distintos. Ao longo da evolución histórica, dúas palabras distintas coincidiron casualmente na súa forma.

Cambios Semánticos e as súas Causas

A complexidade e variedade das evolucións semánticas é moi grande. As causas destes cambios poden clasificarse en catro tipos:

  • Causas Históricas

    Co paso do tempo, é frecuente a evolución de obxectos, costumes... Estas transformacións provocan a aparición de novas palabras e, máis acotío, a ampliación de significados. Por exemplo, pluma ('apéndice da pel das aves') pasou a 'aparello que serve para escribir' porque as plumas das aves se empregaron para isto debido á súa forma.

  • Causas Lingüísticas

    Derivan das asociacións que as palabras contraen entre si na fala. Un dos recursos que xera este tipo de cambios é a elipse: un elemento gaña significación da voz elidida. Por exemplo: (tarxeta) postal en só 'postal' ou (cigarro) puro en 'puro'.

  • Causas Sociais

    As sociedades rexeitan certas formas coñecidas como tabú; xorden entón voces que as substitúen, os eufemismos. Así, 'cego' substitúese por 'invidente'. O fenómeno contrario é coñecido como disfemismo, de 'coche' a 'carrilana'.

  • Causas Psicolóxicas

    Asociacións mentais provocan que algunhas palabras cambien ou amplíen a súa significación. Os mecanismos que provocan estes cambios son a metáfora e a metonimia. Así, 'dente' (da boca) designa tamén 'o de allo', ou 'ribeiro' (comarca) e 'viño desa comarca' (metonimia en relación á súa orixe-produto).

Entradas relacionadas: