Conceptos Fundamentais da Organización de Centros Educativos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,97 KB

Definicións e Dimensións da Organización Escolar

Dimensión Estrutural

Estrutura Organizativa: É a dimensión estrutural, é dicir, como se articulan formalmente os elementos dun centro educativo. Esta estrutura é resultante do conxunto de normativas, regulacións oficiais e regras formalmente establecidas, emanadas dende a administración educativa. En conclusión, é o conxunto de regras e relacións soportadas normativamente. Dentro desta dimensión, é dicir, da estrutural, desenvolveranse outras dimensións que á súa vez influirán na primeira, e que son: a relacional, a cultural, a procesual e a do contorno.

Infraestrutura: Conxunto de materiais e instalacións das que dispón un centro educativo, así como a súa distribución e regulamento de uso, respectivamente; por exemplo: os espazos e os materiais dos que dispón un centro.

Relacións e Dinámicas Internas

Relacións Formais: Interaccións entre as persoas que forman parte dun centro educativo, que se producen porque están establecidas pola dimensión estrutural. Atenden ao burocrático e ao regrado, ás normas de funcionamento.

Relacións Informais: Interaccións entre as persoas que forman parte dun centro educativo, de moi diverso tipo, que acontecen permanente e cotidianamente, marcando en grande medida o tono de vida social, e tamén académica, do centro. Son interaccións espontáneas e á marxe das estruturas formais.

Micropolíticas: Política dentro dunha organización, neste caso, dos centros educativos. Caracterízase por ter unha natureza complexa, inestable e conflitiva, e por estar compostos por individuos e grupos con intereses particulares que se involucran en dinámicas tales como pactos, negociacións, coalicións, loitas ou conflitos para satisfacelos. Os grupos que se crean son inestables, posto que principalmente o que se defenden son intereses individuais e, polo tanto, non sempre se dan por igual nun grupo.

Clima Relacional: Conxunto de patróns de relación construídos polas persoas que conforman os centros escolares. Afecta nas dinámicas de traballo, no grao de satisfacción, e no nivel de cohesión, participación e conflitos.

O Contorno do Centro Educativo

Contorno Mediato

Os aspectos do entorno que inflúen de modo mediato no centro, é dicir, non directo. Estes son: as forzas económicas, políticas, sociais e culturais da sociedade da que forman parte; as institucións gobernamentais coas súas expectativas políticas; a estrutura de valores sociais; os sindicatos; o grao de escaseza ou abundancia de recursos nacionais; bens e servizos; e o benestar social.

Contorno Inmediato

Aspectos do entorno que inflúen de modo directo no centro. Son os individuos e organizacións coas que se relaciona directamente: a administración e burocracia administrativa; as organizacións de apoio; as familias; e os grupos de presión da comunidade.

Fenómenos e Patoloxías Organizativas

  • Xerarquización: Establecemento do poder de xeito que se exerce con pouca participación. As decisións tómanse de maneira unilateral, as normas establécense verticalmente e os espazos distribúense atendendo ao poder, non á racionalidade.
  • Balcanización: Mecanismo que rompe a colexialidade. As persoas que conforman a estrutura unicamente están interesadas en defender e traballar polos seus intereses individuais. Os fins compartidos desaparecen, ou escurecen, baixo a forza que adquiren os fins particulares. Todo na organización se pon ao servizo deste mecanismo individualista: os espazos, os tempos, os medios…
  • Celularismo: Actuación individualista dos mestres ou mestras dentro dun centro educativo. Favorece a balcanización.
  • Desarticulación: Articulación débil entre os mecanismos de coordinación vertical (contidos, metodoloxía ou avaliación), e entre os de coordinación horizontal (propostas dun mestre/a para un curso, diferentes ou opostos á aprendizaxe ou avaliación deste).
  • Burocratización: Cumprimento das exixencias de elaboración de documentos como resposta a demandas externas ou internas, sen preguntarse polo seu sentido. Isto provoca a perda de poder transformador dos cambios.

Modelos de Xestión e Perspectivas Teóricas

Centralización vs. Descentralización

Centralización: Falta de autonomía dos centros para adaptar o prescrito ao contexto particular do centro.

Descentralización: Dotar de autonomía aos centros, de xeito que se deseñen reformas que, ademais de contar coa máxima preparación e intención, teñan en conta o contexto onde se van desenvolver, os medios cos que se conta e as características que definen o seu funcionamento.

Consenso e Ambigüidade

Consenso: Na perspectiva técnica da organización escolar é un factor que, xunto coa orde, permite asumir a realidade organizativa. Consiste en dar por suposto que un feito funciona porque así leva sucedendo durante tempo, polo que non é o debate nin o diálogo un dos vehículos para chegar a el, senón que xa se dá por feito.

Ambigüidade: Dentro da perspectiva técnica, o modelo de ambigüidade establécea como característica de todas as institucións escolares, determinando que todos son distintos entre eles a causa de condicións internas que lle son inherentes, polo que non se poden establecer estruturas organizativas. Na perspectiva cultural da organización escolar é un factor que, xunto coa adaptación, permite asumir a realidade organizativa. Esta perspectiva busca explicar a organización dende as persoas e, polo tanto, a ambigüidade é unha característica da organización posto que non se coñece o que vai pasar, nin as metas, nin como conseguilas de antemán (a nivel xeral).

Entradas relacionadas: