Conceptos Clave de Urbanismo y Gobernanza Territorial
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
español con un tamaño de 12,61 KB
1. Área Metropolitana
Aglomeración urbana que rodea a unha cidade de maior tamaño e abarca administrativamente varios municipios independentes, pero con importantes relacións socioeconómicas coa urbe principal. En España as principais áreas metropolitanas son as de Barcelona, Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Bilbao e Málaga.
Entre a cidade central e os núcleos da área se establecen relacións socioeconómicas: a cidade central ofrece emprego e servizos; e os habitantes dos municipios veciños achéganse á cidade central por motivos comerciais, laborais, educativos... o que da lugar a importantes movementos pendulares; ademais nesas áreas se instalan actividades económicas procedentes da urbe principal, xa que dispoñen de solo abundante e barato.
Conta ademais cunhas infraestruturas de transportes (autovías, proximidade...) que permiten as comunicacións entre a cidade central e a súa área de influencia.
(A Área Metropolitana de Barcelona agrupa 36 municipios que colaboran na xestión de servizos como o transporte público, a recollida de residuos e a planificación do territorio para mellorar a calidade de vida da cidadanía)
2. PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)
Trátase dun instrumento básico de ordenación integral do territorio. Proxecta o desenvolvemento urbano para certo número de anos: a clasificación do solo (urbano, urbanizable, non urbanizable), os usos do solo de cada zona, a edificabilidade ou densidade edificatoria, a rede viaria, fixa os espazos libres, os equipamento comunitarios, as medidas de protección ambiental, os sistemas xerais de comunicación, etc…
Ademais o Plan inclúe a programación do desenvolvemento e execución do plan, as medidas de financiación, así como o período de vixencia e as circunstancias da súa revisión. O alcance deste instrumento de planificación soe ser municipal.
(O PXOM de Santiago de Compostela establece que zonas do municipio se destinan a vivenda, equipamentos, espazos verdes ou actividades económicas, garantindo un desenvolvemento urbano ordenado e sostible.)
3. Xentrificación
Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que o barrio se renova. O proceso comeza cando un grupo de persoas de certo nivel económico descobren un barrio que, a pesar de estar degradado e descapitalizado, ofrece unha boa relación entre a calidade e o prezo e deciden instalarse nel.
Estes grupos levan a cabo a rehabilitación e posta en valor destes espazos que adquiren un novo pulo por mor da súa centralidade. Estes barrios adoitan estar situados preto do centro da cidade ou contar con determinadas vantaxes, como estar situados preto de polos de emprego, etc.
(No barrio do Born, en Barcelona, moitas vivendas tradicionais foron reformadas e vendidas a prezos elevados a novos residentes con maior poder adquisitivo. Isto provocou o desprazamento da veciñanza de sempre, o aumento dos alugueiros e a transformación do comercio local en tendas orientadas ao turismo)
4. Cidade Difusa
Modelo de desenvolvemento urbano de inspiración anglosaxoa, que se caracteriza por unha expansión do tecido urbano, con menor densidade de edificación, ao longo das áreas metropolitanas e contornas rururbanas. Na súa superficie configúranse áreas segregadas, especializadas en funcións residenciais, comerciais e industriais.
A “ideoloxía clorofila” dominante a finais do século XX expandiu este modelo en España, que se adaptaba tradicionalmente ao modelo de cidade compacta mediterránea.
(Na contorna de Santiago de Compostela, moitas vivendas esténdense por parroquias rurais próximas sen unha continuidade urbana clara. A poboación desprazouse desde o centro cara a urbanizacións dispersas, o que provoca máis dependencia do coche, maior consumo de solo e dificultades para prestar servizos públicos como transporte ou saneamento)
5. Cidade de 15 Minutos
Modelo de planificación urbanística sostible, lanzado na COP21 de París (2015), e caracterizado por promover un deseño urbano que facilite o acceso ás necesidades básicas (traballo, vivenda, alimentación, saúde, educación, cultura lecer) baseado na proximidade e nos desprazamentos a pé ou en bicicleta, menos contaminantes.
Outro modelo sostible é tamén o das “supermazás” postas en práctica na cidade de Barcelona.
(A cidade de París está a aplicar o modelo de cidade de 15 minutos, no que cada persoa pode acceder camiñando ou en bicicleta, en menos dun cuarto de hora, a servizos esenciais como escolas, centros de saúde, supermercados, zonas verdes e espazos culturais. O obxectivo é reducir os desprazamentos longos, mellorar a calidade de vida e fomentar barrios máis autosuficientes)
6. Fondos Estruturais
Os Fondos estruturais están xestionados e executados pola Comisión Europea que funcionan conxuntamente co fin de apoiar a cohesión económica, social e territorial da Unión Europea. Son cinco: FEADER, FEMP, FEDER, FSE e FC. Estes se convirten dende fai varias décadas nun dos maiores instrumentos de investimento do orzamento da Unión, apoiando e buscando a recuperación fronte á crise á que se enfrontaron nos últimos anos.
Os Fondos EIE (Estruturais e de Investimento Europeos) son os seguintes:
- Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
- Fondo Social Europeo (FSE)
- Fondo de Cohesión (FC)
- Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)
- Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)
Os obxectivos políticos perseguidos cos Fondos EIE inclúen:
- Investigación e innovación
- Tecnoloxías dixitais
- Unha economía hipocarbónica
- A xestión sostible dos recursos naturais
- As pequenas empresas
- Un crecemento intelixente, sostible e integrador
- Emprego, mellora da educación e a formación
- Reforzar a capacidade institucional da administración pública
- O desenvolvemento urbano e a cooperación territorial (Interreg)
(A través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Galicia recibiu financiamento para mellorar infraestruturas como estradas, redes de saneamento e parques empresariais. Estes fondos estruturais da Unión Europea buscan reducir as desigualdades entre rexións e impulsar o crecemento económico sostible)
7. Movementos Antiglobalización
Corrente de protesta mundial que inclúe centos de grupos de diferentes países que teñen en común o seu rexeitamento do capitalismo e do modelo neoliberal (baseado nunha política macroeconómica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social).
Nestes movementos danse cita colectivos que inclúen sindicatos, intelectuais de esquerda, ecoloxistas, indixenistas,… Estes grupos organizaron numerosas campañas para a condonación da débeda externa dos países pobres e a reforma de institucións como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. Promoven tamén actos e campañas contra a perda de identidade culturais minorizadas e o deterioro ambiental.
(En 2001, durante a cimeira do G8 en Xénova, milleiros de persoas de todo o mundo manifestáronse contra as políticas neoliberais e os efectos negativos da globalización económica)
8. ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible)
No ano 2015, a ONU aprobou a Axenda de Desenvolvemento Sustentable para o ano 2030. Son 17 obxectivos propostos como continuación dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM, 2000-2015) que pretenden transformar o mundo e crear unha vida sustentable para as xeracións futuras, incluíndo desde a eliminación da pobreza ata a loita contra o cambio climático, a educación, a igualdade da muller, a desigualdade económica, a innovación, o consumo sustentable, a paz e a xustiza.
(O ODS 7: Enerxía asequible e non contaminante busca garantir o acceso universal a enerxía moderna, segura e sostible. En Galicia, proxectos de instalación de paneis solares en edificios públicos ou o impulso da enerxía eólica contribúen ao cumprimento deste obxectivo)
9. Parroquia
División administrativa menor que un municipio, integrada por varias aldeas (propias de Galicia e Asturias). Como tales non teñen personalidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3.781 parroquias que comprenden dende tres ou catro aldeas ata quince ou más. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que se poida recoñecer, mediante lei, personalidade xurídica á parroquia rural.
(A parroquia de San Pedro de Mezonzo)
10. Municipio
É a entidade territorial básica, formada por unha ou varias localidades e os seus territorios. A súa función é prestarlles servizos aos veciños, máis variados canto maior é a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao Concello, integrado polo alcalde e os concelleiros. Os concelleiros elíxense polos veciños do municipio por sufraxio universal e o alcalde é elixido polos concelleiros. En Galicia hai 313 municipios ou concellos.
(O municipio de Ourense)
11. Provincia
Entidade territorial local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndenlle á Deputación, integrada por un presidente e deputados. Os deputados escóllense entre os concelleiros electos e estes, á súa vez, elixen o presidente. En España hai 50 provincias. A delimitación actual coincide practicamente coa división realizada polo ministro de Fomento Javier de Burgos de 1833, momento no que se organizou o territorio en 49 provincias, que pasaron a ser 50 en 1927, cando as Illas Canarias se dividen en dúas provincias.
(A provincia de Lugo)
12. Comunidade Autónoma
Entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares, ou provincias con entidade rexional histórica, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia. En España hai 17 Comunidades Autónomas, constituídas despois da morte de Franco, entre 1978 e 1983, tras a aprobación polas Cortes dos seus respectivos Estatutos de Autonomía, onde se establecen as súas normas básicas de funcionamento.
Todas as Comunidades Autónomas contan con institucións propias: Parlamento, Goberno Autonómico (formado polo Presidente e os Conselleiros), e Tribunal Superior de Xustiza. As competencias exclusivas do Estado central están coordinadas en cada Comunidade polo Delegado do Goberno.
(A comunidade autónoma de Galicia)
13. Espazo Schengen
Conxunto dos territorios dos Estados europeos -membros ou non da UE- nos que se aplica a supresión de controis nas fronteiras interiores e as persoas circulan libremente. Foi previsto no Acordo de Schengen de 1990; entrou en vigor en 1995.
(Por exemplo, un cidadán español pode viaxar sen pasaporte de Galicia a Francia ou Alemaña sen necesidade de pasar por controles de fronteira, grazas á pertenza ao Espazo Schengen)
14. BRICS
Siglas que fan referencia ao conxunto de países formados por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica. É o grupo de países máis adiantados dentro das economías emerxentes. É unha asociación político-económico-social que, en 2024, se ten ampliado co ingreso de Arxentina, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Irán, Exipto e Etiopía. Coa súa asociación, pretende un maior equilibrio dentro da economía mundial.
(En 2021, os países do BRICS acordaron crear un fondo común para financiar proxectos de infraestrutura en países en desenvolvemento)
15. G20
Grupo de discusión económica, formado por 19 Estados, máis a Unión Europea onde se reúnen regularmente, dende 1999, xefes de Estado, gobernadores centrais e ministros de finanzas. Intégrano os países máis industrializados do G7, xunto con outros emerxentes de distintos continentes, e teñen por obxectivo coordinar medidas para impulsar o crecemento e intercambio económico mundial.
(Durante a reunión do G20 en 2021 en Roma, os países membros acordaron un plan global para impoñer un imposto mínimo corporativo do 15% en todas as economías do G20)