Conceptos Clave: Sustentabilidade, Economía e Produción

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,97 KB

Agricultura Ecolóxica

É un sistema de produción agraria que mantén a fertilidade do solo a través do emprego de prácticas agrícolas que evitan os produtos da agroindustria (sementes modificadas xeneticamente, fertilizantes químicos ou praguicidas). Para recibir o certificado de produción ecolóxica deben empregarse técnicas de policultivo como sistema natural de protección contra as pragas e un uso extensivo da terra que evite o seu esgotamento e garanta a sustentabilidade ambiental.

Denominación de Orixe

É a que distingue os produtos agroalimentarios que ofrecen unha calidade adicional por cumprir normas superiores ás obrigatorias de calidade estándar. Esa etiqueta indica unha produción que se axusta a unha localización xeográfica, pero tamén pode estar diferenciando o emprego duns métodos determinados na elaboración de acordo cuns coñecementos ancestrais que elevan a súa calidade. Moitas veces o emprego de técnicas artesanais ou tradicionais indican un maior respecto do medio ambiente para a súa obtención.

Silvicultura

Actividade produtiva que ten por obxecto o cultivo, a conservación e o aproveitamento dos montes. O seu principal cometido é a explotación de madeira, aínda que tamén actúa sobre a protección e a rexeneración dos montes e os seus solos, sobre a prevención de incendios e pragas e sobre o desenvolvemento dos variados usos que nos pode ofrecer o monte.

Enerxías Renovables

As enerxías renovables son as que procedendo de recursos naturais inesgotables (sol, vento, auga, calor da terra, a forza do mar) producen unha enerxía limpa, cun elevado grao de autonomía na súa localización, o que permite o autoabastecemento e unha dispersión de localización, que contrarresta os impactos negativos a nivel medioambiental das enerxías convencionais. Por esta razón tamén reciben o nome de enerxías alternativas.

Industrias Verdes

Son aquelas industrias relacionadas coa produción de tecnoloxías limpas para a industria ou o sector enerxético, que se relacionan coa mellora do medio ambiente (plantas de reciclaxe), pero tamén engloba a todas aquelas empresas que reestruturaron os procesos de produción co obxectivo de ser máis eficientes no consumo de enerxía e causar o menor impacto posible no medio ambiente reducindo a polución e os refugallos.

A Balanza Comercial

Forma parte da balanza por conta corrente integrada á súa vez na Balanza de Pagamentos. Estamos a falar do rexistro do valor das exportacións de bens menos as importacións nun país durante un período de tempo determinado. Se a balanza é positiva dicimos que hai un superávit e se é negativa hai un déficit. No caso de España, foi tradicionalmente deficitaria en case todos os sectores, agás en alimentación e automóbil, aínda que este déficit diminúe na actualidade pola substitución de produtos importados por outros fabricados en España e, sobre todo, o descenso do déficit enerxético.

Economía Somerxida

É o volume total de diñeiro negro que circula nun país, é dicir, o conxunto de actividades económicas non declaradas ás autoridades fiscais ou monetarias e que escapan ás estatísticas oficiais e ao pago dos correspondentes tributos. Tamén podemos denominala como economía informal.

Ecoturismo

É unha modalidade recente de turismo enfocado ao goce da natureza, en territorios pouco transformados pola acción do ser humano, centrándose en educar ao visitante na procura de preservar o equilibrio do medio ambiente. Compaxina a actividade turística cun conxunto de principios éticos centrados nun impacto ambiental mínimo e o uso consciente dos recursos naturais. Aparece moi vencellado a unha oferta de lecer relacionado coa Rede de Parques Nacionais de España e os Espazos Naturais Protexidos polas Comunidades Autónomas.

Entradas relacionadas: