Conceptos clave: Parroquia, Municipio, UE e máis
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,13 KB
Parroquia
A parroquia é unha división administrativa menor que un municipio, integrada por varias aldeas (propias de Galicia e Asturias). É a categoría tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. Como tales, non teñen personalidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3.781 parroquias que comprenden dende tres ou catro aldeas ata quince ou máis. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que se poida recoñecer, mediante lei, personalidade xurídica á parroquia rural.
Municipio
O municipio é a entidade territorial básica. A súa función é prestarlles servizos aos veciños, máis variados canto maior é a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello, integrado polo alcalde e os concelleiros. Os concelleiros elíxense polos veciños do municipio por sufraxio universal e o alcalde é elixido polos concelleiros.
Provincia
A provincia é unha entidade territorial local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndenlle á deputación, integrada por un presidente e deputados. Os deputados escóllense entre os concelleiros electos e estes, á súa vez, elixen o presidente.
Comunidade Autónoma
A comunidade autónoma é unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares, ou provincias con entidade rexional histórica, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia.
Estatuto de Autonomía
O Estatuto de Autonomía é a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Nelas establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que asumen. O Estatuto de Autonomía de Galicia foi promulgado o 6 de abril de 1981.
Comisión Europea
A Comisión Europea é unha das principais institucións da Unión Europea. Representa e defende os intereses do conxunto da UE, elabora propostas de nova lexislación europea e xestiona o labor cotián de poñer en práctica as políticas e facer uso dos fondos europeos. Está integrada por 27 Comisarios, un por cada país membro da UE. O presidente (actualmente o portugués José Manuel Durão Barroso) é elixido polo Consello Europeo e atribúe a cada Comisario competencias en ámbitos de actuación específicos.
A Comisión supervisa e aplica as políticas da UE:
- Propoñendo nova lexislación ao Parlamento e ao Consello.
- Xestionando o orzamento da UE e asignando fondos.
- Facendo cumprir a lexislación da UE (xunto co Tribunal de Xustiza).
- Representando á UE na escena internacional, negociando acordos entre a UE e outros países.
Movementos antiglobalización
Os movementos antiglobalización son unha corrente de protesta mundial que inclúe a ducias de grupos de diferentes países que teñen en común o seu rexeitamento ao capitalismo e ao modelo neoliberal (baseado nunha política macroeconómica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social). Nestes movementos danse cita colectivos que inclúen aos sindicatos, os intelectuais de esquerda, ecoloxistas, indixenistas ou grupos desfavorecidos que acusan ao sistema económico de amoral e inxusto. Os diferentes grupos antiglobalización levan máis dunha década traballando en cuestións relacionadas cos problemas causados pola globalización da economía mundial. Organizaron numerosas campañas para a condonación da débeda externa dos países pobres e a reforma de institucións como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.
Obxectivos do Milenio
Os Obxectivos do Milenio, fixados pola ONU no ano 2000, son 8 obxectivos de desenvolvemento humano que os países desta organización se fixaron conseguir no ano 2015:
- Erradicar a pobreza extrema e a fame.
- Lograr o ensino primario universal.
- Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller.
- Reducir a mortalidade infantil.
- Mellorar a saúde materna.
- Combater a SIDA, o paludismo e outras enfermidades.
- Garantir a sustentabilidade do medio ambiente.
- Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
Xeopolítica
A xeopolítica é unha rama das Ciencias Políticas que estuda ao Estado como un organismo vivo e partindo do territorio como influente e ata condicionante da actividade humana co fin de conseguir seguridade e benestar, que son os obxectivos xeopolíticos de todo Estado. A xeopolítica foise consolidando a través do tempo como un coñecemento científico teórico e pragmático que se inspira na íntima relación entre o Estado e o espazo onde aquel ten un interese político que satisfacer.