Conceptos Clave de Economía Industrial e Desenvolvemento Sostible
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,18 KB
Economías de Escala e Aglomeración
Falamos de economía de escala cando unha empresa consegue aforrar custos en virtude da súa produción a grande escala.
Pero empregamos o termo moitas veces en relación co concepto de economías externas; neste caso, o concepto expresa as vantaxes que para unha empresa comporta a súa localización nun determinado contorno.
Por iso, a concentración urbana e portuaria de actividade industrial responde a este efecto de economías de aglomeración, as cales, por saturación, poden dexenerar en deseconomías externas.
Enerxías Renovables
Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais.
Entre as enerxías renovables cóntanse:
- Hidroeléctrica
- Eólica
- Solar
- Xeotérmica
- Maremotriz
- Biomasa
- Biocombustibles
Difusión Industrial e Deslocalización
Á hora de explicar a difusión industrial, tradicionalmente acudiuse ao modelo centro/periferia; este modelo de organización territorial explicaba a dualidade entre espazos industrializados e espazos dependentes.
Nos tempos actuais, a difusión industrial corresponde a:
- O espallamento da actividade industrial fóra dos núcleos urbanos e no contorno rural.
- O fenómeno da deslocalización industrial, polo que as principais Empresas Multinacionais (EMN) encamiñan os seus investimentos cara ás economías industriais emerxentes, onde gozan tamén de menores custos de explotación.
Fondos Estruturais da UE
Os Fondos Estruturais son instrumentos da Unión Europea (UE) encamiñados a promover un desenvolvemento harmonioso do conxunto da Unión, buscando reforzar a súa cohesión económica e social.
No período 2007-2013, a UE contou con dous fondos estruturais principais:
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
O FEDER ten como obxectivo reducir as diferenzas que existen entre os niveis de desenvolvemento das rexións europeas para que as rexións menos favorecidas se recuperen do atraso que sofren.
Fondo Social Europeo (FSE)
O FSE está destinado a fomentar as oportunidades de emprego e mobilidade xeográfica e profesional dos traballadores.
Subcontratación
A Subcontratación é o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumprir certas tarefas cara a unha empresa externa por medio dun contrato.
Industrias Verdes
É aquela na que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible.
Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Polo tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e o deterioro da paisaxe.
Materias Primas Estratéxicas
No novo contexto de desenvolvemento industrial de potencias emerxentes como China, unha serie de materias primas estratéxicas acadan nos mercados internacionais un valor notable pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e a escaseza das mesmas.
En moitos casos estamos diante de recursos que son causa de guerras neoimperialistas para abastecer ás grandes potencias industriais.
Ademais dos tradicionais petróleo, gas e uranio, están na lista outras que condicionan o crecemento da produción ou riqueza mundial: coltán, diamantes, cobre...
Parque Tecnolóxico
Un Parque Tecnolóxico é unha instalación industrial que cumpre as seguintes características:
- Mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras institucións de educación superior.
- Está deseñado para alentar a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciario, normalmente residentes no propio parque.
- Posúe un organismo estable de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque.