Compoñentes do Módulo Fotovoltaico
Enviado por Chuletator online y clasificado en Francés
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,18 KB
Cuberta Frontal do Módulo Fotovoltaico
A cuberta frontal adoita ser de vidro temperado entre 3 e 4 mm de espesor, con moi boa transmisión da radiación solar. Proporciona protección contra os axentes atmosféricos e os impactos de granizo, insectos, aves, actos vandálicos, etc. A superficie exterior do vidro é antirreflectora e está tratada para evitar a retención de po e sucidade. A superficie interior xeralmente é rugosa, o que lle permite unha boa adherencia ao encapsulante das células, ademais de facilitar a penetración da radiación solar.
Encapsulante: Protección e Transmisión Solar
Na maioría dos módulos emprégase Etil-vinil-acetato (EVA) en contacto directo coa célula. Este material protexe as conexións entre as mesmas e achega resistencia contra vibracións e impactos. Ademais, proporciona o acoplamento coa cuberta frontal e a protección posterior, permitindo a transmisión da radiación solar e sen degradarse coa radiación ultravioleta.
Cuberta Posterior: Illamento e Reflexión
Na cuberta posterior adoita empregarse unha capa de polivinilo de fluoruro (PVF) coa denominación comercial de TEDLAR ou poliéster. A súa función é a de protexer o módulo da humidade e doutros axentes atmosféricos que poidan danar o módulo fotovoltaico e illalo electricamente. Adoita ser opaca de cor branca para reflectir a luz solar que pasa a través das células e volver de novo ás mesmas. Tamén algúns fabricantes poñen un cristal na parte posterior que permite a entrada da radiación solar reflectida pola parte posterior do módulo, tendo células solares de silicio amorfo que recollen esta radiación.
Marco do Módulo: Rixidez e Fixación
O marco adoita empregarse de aluminio anodizado ou aluminio natural. A súa función é dar rixidez e resistencia mecánica ao módulo, ademais de proporcionar un sistema de fixación e adoitar incorporar a toma de terra. De ser o caso, temos que ter moito coidado ao mecanizar sobre el, xa que pode romper o cristal da cuberta frontal. Habitualmente non se mecaniza.
Conexións Eléctricas e Caixa de Bornes
As conexións van situadas na parte posterior do módulo. Será unha caixa de conexións cunha protección contra o po e a auga IP-65, fabricada en materiais plásticos resistentes ás temperaturas elevadas. No seu interior ten un borne positivo e outro negativo e os diodos de bypass. Para evitar a entrada de po e auga empréganse prensaestopas. Os cables adoitan levar conectores diferentes para positivo e negativo, así como a cor dos cables, e son de suficiente lonxitude para permitir unha rápida conexión entre paneis consecutivos.
Células Fotovoltaicas: Conexión en Serie
A conexión das células dun módulo fotovoltaico faise con cintas metálicas soldadas e incrustadas sobre a reixa de conexión eléctrica das caras frontais de cada célula. A conexión entre as células faise unindo a cara superior dunha célula coa cara inferior da célula seguinte e así todas en serie.