Componentes Eléctricos e Electrónicos

Electricidad y Electrónica5,29 KB

Os xeradores son aqueles operadores eléctricos capaces de transformar diversas formas de enerxía en enerxía eléctrica necesaria para que funcionen os diferentes tipos de automatismos eléctricos e electrónicos.

Unha pila proporciona enerxía eléctrica mediante a transformación da enerxía química almacenada nunha substancia que leva no seu interior.

As resistencias óhmicas son compoñentes electrónicos que ofrecen unha certa oposición ao fluxo da corrente eléctrica, producindo unha "caída" de tensión entre os seus extremos, chamados terminais ou patillas.

Tipos de Resistencias

Resistencias fixas

Nelas o seu valor nominal é constante.

  • Aglomeradas: están compostas por unha mestura de grafito, resina e talco. Adoitan ter valores altos pero son termicamente inestables, é dicir, se se quentan demasiado pode cambiar o valor da súa resistencia de forma permanente.
  • De película de carbón: constrúense a partir dun pequeno cilindro cerámico illante. Son as máis empregadas debido á súa grande estabilidade térmica.
  • Bobinadas: Sobre un soporte illante, habitualmente de porcelana, enrólase un fío condutor dunha aliaxe de alta resistividade, como o nicromo ou constantán. O conxunto recóbrese dunha capa de esmalte vitrificado. Utilízanse en circuítos de gran potencia.

Resistencias variables

Nelas é posible cambiar á vontade o seu valor óhmico.

  • Bobinadas (reóstatos): formadas por un fío condutor dunha certa resistencia enrolado nun soporte de cerámica sobre o que esvara un contacto móbil chamado cursor. Todo o conxunto está vitrificado agás por onde esvara o cursor. A magnitude da resistencia dada polo reóstato varía en función da posición do cursor que intercepta máis ou menos espiras.
  • De película de carbón: unha película de carbón aglomerada deposítase nun soporte circular sobre o que escorrega un cursor, que ao variar a súa posición fai variar o valor da resistencia. Emprégase para variar a intensidade da luz dunha lámpada, a velocidade de xiro dun motor eléctrico, o volume do son nun amplificador, ou para controlar pequenas correntes da orde dos miliamperios, como por exemplo para sintonizar canles de televisión.

Resistencias especiais

Nelas é posible cambiar o seu valor nominal en función de determinadas condicións de luminosidade.


Condensadores

Un condensador é un compoñente electrónico que almacena cargas eléctricas durante un curto período de tempo para liberalas ao circuíto posteriormente. Empréganse en moitas montaxes electrónicas para eliminar "ruídos" en equipos de audio, filtrar tensións en fontes de alimentación, medir tempos, sintonizar emisoras e canles en aparellos de radio e televisión (capacidade en faradios).

Tipos de condensadores fixos

Con dieléctrico non polarizado
  • Condensador de mica
  • Condensador de cerámica
  • Condensador de papel
  • Condensador de plástico
Con dieléctrico polarizado ou electrolítico

Neles o valor da súa capacidade é constante. Non podemos conectar un condensador electrolítico coa polaridade invertida porque podería estoupar.

  • Condensador de aluminio
  • Condensador de tántalo

Condensadores variables ou de sintonía

Neles é posible variar á vontade o valor da súa capacidade. Están formados por unha serie de armaduras paralelas fixas e outro grupo de armaduras móbiles.

Tensión nominal dun condensador: é o valor de tensión que pode soportar un condensador sen que sufra desperfectos.

Interruptores e Conmutadores

Os interruptores e os conmutadores son operadores de manobra e control da corrente eléctrica que permiten ou non o seu paso por un circuíto, pechándoo ou abrindo respectivamente. A diferenza básica entre eles é o número de terminais de saída que posúen, podendo, no caso dos conmutadores, derivar a corrente de entrada a un circuíto concreto e deixando os demais abertos.

Relés

Un relé é un operador de manobra e control da corrente eléctrica que permite conmutar os seus terminais de saída, é dicir, cambiar un terminal por outro, en función da corrente que chegue ao seu terminal de entrada, controlando así un ou varios circuítos simultaneamente.

Un relé electromagnético é un interruptor no que os seus contactos metálicos móvense pola acción do campo magnético xerado por un electroimán.

Circuítos do relé electromagnético

Circuíto de excitación

Está formado por unha bobina de fío condutor devanado ou enrolado sobre un núcleo de ferro. Mentres non se alimente con tensión á bobina, diremos que o relé está en "repouso".

Circuíto de conmutación

Está composto por un conxunto de láminas metálicas illadas da bobina que, ao seren accionadas pola peza móbil, abren ou pechan circuítos conectados aos seus terminais.

Descargar

PDF Word HTML