Clima en España: Conceptos Fundamentais e Circulación Atmosférica
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,41 KB
O Clima en España: Conceptos Fundamentais e Circulación Atmosférica
1. Conceptos Fundamentais do Clima e a Atmosfera
A atmosfera é a capa gasosa que cobre o planeta Terra. A maioría dos fenómenos climáticos teñen lugar na capa máis próxima á superficie. Esta capa denomínase troposfera. O seu espesor é variable, entre os 9 km nos polos e os 17 km no ecuador. O límite superior da troposfera denomínase tropopausa, unha zona onde as temperaturas se estabilizan arredor dos -50°C, e onde o aire é tan seco, frío e pouco denso que as nubes desaparecen. A partir da tropopausa esténdese a estratosfera.
Definicións Clave: Tempo e Clima
- Tempo:
- Chamamos tempo ás condicións que presenta a atmosfera (temperatura, presión, humidade, insolación, precipitacións...) nun momento e nun lugar concretos.
- Clima:
- O clima é unha valoración estatística das variables atmosféricas propias ou características dunha zona xeográfica. Para a definición dun tipo climático precísase compilar datos durante un período de tempo significativo (por norma xeral, 30 anos).
Ciencias do Clima: Meteoroloxía e Climatoloxía
A ciencia que estuda as propiedades e fenómenos da atmosfera e a súa relación co tempo atmosférico denomínase meteoroloxía. A ciencia que estuda as características dos climas denomínase climatoloxía.
2. A Circulación Xeral da Atmosfera Terrestre
A atmosfera é un fluído que está en permanente movemento debido fundamentalmente á rotación terrestre, que provoca diferenzas de temperatura entre o día e a noite, e exerce influencia na orientación dos ventos.
Células de Convección e Presión Atmosférica
O aire frío é máis denso e pesado, mentres que o quente é máis lixeiro. Por esa razón, a circulación atmosférica adoptaría teoricamente a forma de células de convección: nas rexións cálidas, o aire quente ascende, e circula en altura ata rexións máis frías, onde se arrefría e descende para completar o ciclo.
Relacionado coa densidade do aire e coa circulación do mesmo estaría a presión atmosférica, ou peso que exerce o aire sobre un punto determinado da superficie. Nos lugares onde o aire é máis denso e pesado, ou onde se precipita dende as capas altas da atmosfera, a presión será alta. Nos lugares onde a atmosfera é pouco densa e lixeira, ou onde as masas de aire converxen na superficie para ascender, a presión será baixa. As diferenzas de presión entre dous puntos da superficie tenden a equilibrarse mediante o desprazamento das masas de aire dende as altas presións cara ás baixas presións.
O Efecto de Coriolis na Circulación Atmosférica
Sen embargo, a rotación da Terra desvía a traxectoria das masas de aire en movemento cara á dereita no hemisferio Norte, e cara á esquerda no hemisferio Sur. Esta desviación coñécese como o efecto de Coriolis ou a "forza" de Coriolis.
Debido a todos estes factores, a circulación xeral atmosférica adopta un esquema tricelular, con tres grandes "células" de convección en cada hemisferio, entre o ecuador e os polos, que funcionan como un gran sistema para intercambiar calor entre as baixas e as altas latitudes.