El Clero Parroquial en Galicia: Impacto Social y Evolución Histórica (Siglos XVI-XVIII)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,26 KB
O Clero Parroquial: Axentes Fundamentais da Fe en Galicia
Os curas que atendían as parroquias eran os axentes fundamentais á hora de dar pasto espiritual aos fieis. En 1787, había en Galicia 9.138 cregos (e só 3.070 regulares), case 3 por freguesía, proba de que eran moitos os mozos que aspiraban a “dicir misa no altar” ou, mellor, os pais querían ver a un fillo con coroa.
Crecemento Demográfico do Clero Galego
En 1591, figuran 3.000 cregos, polo que en dous séculos o número de ordenados multiplicouse por tres, cando a poboación non pasou de duplicarse no mesmo tempo.
Roles e Xerarquías: Presbíteros, Capeláns e Patrimonistas
Moitos mozos ordenados de presbíteros nunca chegaron a gobernar unha parroquia e pasaron a vida de capeláns ou patrimonistas, vulgares “mercenarios” que non tiñan o poder nin a responsabilidade dos curas de almas.
Acceso ao Clero e Promoción Social
Pero aínda sabendo que non era fácil ocupar un beneficio parroquial, numerosas familias estaban dispostas a investir recursos para que un rapaz estudase algo de latín e moral e recibise as ordes sacras. Para isto, era preciso que o aspirante acreditase que tiña un beneficio (rendas das que vivir con dignidade), requisito que se solucionaba coa fundación dunha capelanía ou, no caso dos labregos, constituíndo un patrimonio, a xeito de dote do futuro eclesiástico.
Este mecanismo (por disposición de Trento, a fin de evitar que recibisen ordes mozos de modo descontrolado) permitiu que houbese miles de cregos de orixe labrega, debido a que a entrada no estamento eclesiástico constituía unha maneira de promoción para as familias (e, a maiores, o receptor das ordes sacras estaba libre de quintas, certos trabucos e gozaba de “foro” eclesiástico).
A Vida dos "Mercenarios" Eclesiásticos
Algúns dos patrimonistas e capeláns podían chegar a rexer un día unha parroquia, pero a meirande parte non saíron da condición de “mercenarios” e levaban unha vida parecida á dos labregos:
- Dedicados ao cultivo das terras do patrimonio.
- A ser mordomos de casas fidalgas.
- A ensinar as primeiras letras aos rapaces da contorna.
E aínda sabendo isto, os petrucios dotaban patrimonios e capelanías para sacar a un fillo cura. De calquera xeito, patrimonios e capelanías eran os únicos beneficios que podían crearse ex novo e que servían para que chegasen a cregos moitos mozos.
Unha Densidade Clerical Verdadeiramente Extraordinaria
Por estes vieiros, chegouse a unha densidade clerical verdadeiramente extraordinaria: 1 crego por cada 150 persoas en 1750. Había diversas figuras dentro do clero:
- Curas de almas
- Tenentes de cura
- Patrimonistas
- Beneficiados
- Capeláns
Este abundante clero parroquial presentaba grandes diferenzas internas pola posición que os seus membros ocupaban no sistema beneficial, pola súa orixe social e pola formación cultural que recibiran.