Claves da Poesía de Curros Enríquez: Temática e Estilo en 'Aires da miña terra'
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,97 KB
Temática en Aires da miña terra
O tema central é o social ou cívico, aínda que tamén hai poemas costumistas e intimistas.
Poesía social ou cívica
Curros pensa que o poeta ten que estar co pobo para abrirlle os ollos ás xentes. Na composición «Crerbar as liras» anima os poetas a que non creben a súa lira renunciando a loitar contra a inxustiza. O autor entendía o seu tempo como a época da liberación das clases oprimidas e confiaba nun futuro de liberdade. Ese futuro había de chegar da man do progreso e da cultura; confiaba en que a chegada do progreso material traería a cultura e, con ela, a liberdade. Doíalle ver a realidade de Galicia e a resignación ou desinterese dos galegos que non loitaban.
Polo que respecta á lingua, comprendía que a situación do idioma era consecuencia da opresión que sufría o pobo. O aspecto máis escandaloso para os seus contemporáneos era a súa actitude anticlerical: a Igrexa non cambiara a súa doutrina social desde a Idade Media e pertencía ás clases dominantes.
Poesía costumista
Non son moi frecuentes os poemas costumistas en Curros. En moitos casos, a referencia a un motivo folclórico é accidental e serve para introducir o ambiente que logo é tratado desde unha perspectiva social. Nos poemas costumistas, moitos recursos empregados eran propios da poesía popular.
Poesía intimista
A concepción de Curros acerca da misión do poeta e as súas preocupacións sociais impedían que callase nel un lirismo intimista do tipo que desenvolveu Rosalía en Follas Novas. Non obstante, hai momentos nos que non pode evitar as súas reaccións e sentimentos persoais. Pero hai outros poemas que permiten enxergar unha desesperanza e unha angustia tan pesimista como a rosaliana.
Forma e Recursos Estilísticos
A obra de Curros amosa unha clara influencia da poesía popular na recorrencia das comparacións e na sinxeleza dos símbolos utilizados. Dentro dos recursos do nivel léxico-semántico, un dos trazos principais é o denominado «simbolismo inverso», que consiste en atribuír valores espiritualmente elevados a un elemento do ámbito do material, do cotián. Ás veces dáse o fenómeno contrario: elementos provistos dunha gran valoración ideal ou espiritual son rebaixados á condición do cotián.
O divino sainete: Sátira e Crítica Social
Publicado en 1888, é unha parodia da Divina Comedia de Dante, na que é Curros quen fala na obra. Atópase con Añón unha noite de Nadal e deciden emprender unha peregrinación a Roma, onde se celebra o xubileu do papa León XIII. Do mesmo xeito que ocorre na Divina Comedia, Añón conduce a Curros polo vagón do tren dos sete pecados.
Na viaxe van percorrendo os sete vagóns. Curros aproveita para poñer de relevo as condicións da vida galega do seu tempo, facer crítica de institucións e ridiculizar os seus inimigos.