Ciclo da auga: procesos, tempos de residencia e impacto no relevo

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geología

Escrito el en español con un tamaño de 3,13 KB

O ciclo da auga

A hidrosfera é unha capa moi dinámica. A auga está en continuo movemento, interaccionando coas outras capas da Terra: xeosfera, atmósfera e biosfera.

O ciclo da auga é o proceso polo que a auga circula entre os diferentes compoñentes da hidrosfera. En termos globais, a auga do planeta é constante.

A auga móvese principalmente a causa de dous factores:

  • Radiación solar: o Sol subministra enerxía en forma de calor, que inflúe nos cambios de estado e na densidade da auga.
  • Forza da gravidade: fai que a auga se mova desde zonas elevadas a outras máis baixas.

Os procesos máis importantes deste ciclo son:

O ciclo da auga

Evaporación e transpiración

Evaporación: é o principal proceso polo que a auga pasa do estado líquido ao gasoso grazas á enerxía subministrada polo Sol. A calor proporciona ás augas máis superficiais das masas de auga doce ou salgada a enerxía necesaria para cambiar de estado.

Transpiración: é a emisión de vapor de auga polas plantas. As plantas captan auga polas raíces e a auga que non empregan no seu metabolismo elimínase en forma de vapor.

Recorda que o vapor de auga na atmosfera ten un papel importante, xa que é un gas do efecto invernadoiro natural que axuda a regular a temperatura do planeta.

Condensación

Cando o vapor de auga da atmosfera se arrefría, pasa ao estado líquido e forma nubes.

Precipitación

A auga das nubes retorna á superficie da Terra mediante as precipitacións. As precipitacións poden ser:

  • Liquidas: como a choiva ou o orballo.
  • Sólidas: como a neve ou o granizo (saraiba).

Infiltración

A auga que alcanza a superficie da Terra pode penetrar nos poros do solo para incorporarse ás augas subterráneas.

Escorrentía

A auga das precipitacións que non se infiltra nin evapora discorre pola superficie da Terra, a favor da gravidade, para incorporarse a outras masas de auga (ríos, lagos, océanos).

Sabías que...?

O tempo de residencia é o tempo que permanece de media unha molécula de auga en cada un dos elementos do ciclo da auga.

Así, por exemplo, unha molécula de auga permanece só algunhas horas nos seres vivos, algo máis dunha semana na atmosfera e menos dun mes nun río. Porén, pode permanecer 2 500 anos nos océanos, case 10 000 anos nos glaciares e decenas de miles de anos nas augas subterráneas.

Impacto no relevo

O movemento da auga constitúe un dos elementos que modelan o relevo: os glaciares poden modelar montañas, os ríos esculpen vales e o mar modifica as costas.

Entradas relacionadas: