Castelao, Dieste, Manuel Antonio: Literatura Galega

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,32 KB

A. D. R. Castelao (1886-1950)

A. D. R. Castelao naceu en Rianxo no seo dunha familia mariñeira. De cativo, emigrou coa familia á Arxentina; de volta en Galicia, estudou Medicina en Compostela, pero abandonou a profesión para dedicarse á súa obra artística e ao seu labor político. Axiña se achegou ao agrarismo e ás Irmandades, e colaborou, coa súa obra gráfica, na difusión do nacionalismo. A partir de 1920 asumiu a dirección artística da revista Nós, e en 1922 comezou a súa obra narrativa con Un ollo de vidro. Durante a II República participou activamente na vida política e foi deputado nas Cortes polo Partido Galeguista. Defendeu a elaboración e a aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Trala Guerra Civil, viuse obrigado a exiliarse en América, pero sen renunciar á súa actividade cultural e política, a prol de Galicia e en contra do franquismo. Morreu en Bos Aires e, coa restauración da democracia, trasladáronse os seus restos a Santiago de Compostela.

Obra narrativa

Os temas xerais que definen a narrativa de Castelao son:

  • O humanismo e o compromiso cos máis débiles, fronte aos abusos de poder, á hipocrisía e á inxustiza.
  • A crítica da marxinación económica de Galicia, que provoca fenómenos tan crueis coma a emigración.
  • O protagonismo social das clases populares (campesiñado, mariñeiros) e de sectores sociais marxinados (mulleres, cegos...).
  • A defensa da lingua galega, da diversidade cultural e da democracia fronte ao fascismo, o racismo e o imperialismo.

Destacan Memorias dun esquelete (crítico-humorística), Cousas, Retrincos e Os dous de sempre.

Obra ensaística

Destaca Sempre en Galiza (1944), Cousas da vida, Somos homes por 10 reais e Álbum Nós, Atila en Galiza.

Obra gráfica

Castelao foi pintor, debuxante, caricaturista e autor de gravados. Toda a súa obra gráfica reflicte o compromiso ético coas clases populares. Castelao denunciou, con humor crítico e irónico, os abusos dos caciques, a demagoxia dos políticos, a marxinación económica de Galicia, o drama da emigración, os horrores do fascismo, etc. Destacan o Álbum Nós (1918) e os tres álbums da Guerra Civil (1937-1938).

Rafael Dieste (1889-1981)

Rafael Dieste naceu en Rianxo en 1889. Estudou Maxisterio en Santiago de Compostela, exerceu de xornalista en medios galeguistas e estivo vencellado ao Seminario de Estudos Galegos. Durante a Guerra Civil colaborou en actividades culturais antifascistas e en defensa do goberno legal republicano. O exilio levouno a México, a Inglaterra e á Arxentina, e regresou a Galicia en 1961. Finou na súa vila natal en 1981.

Dos arquivos do trasno (1926)

Dieste publicou en 1926 unha colección de contos titulada Dos arquivos do trasno, en que mostra unha técnica narrativa moi depurada e unha grande orixinalidade. Podemos destacar as seguintes características:

  1. Son relatos breves que xiran arredor da morte, do misterio e do medo. Ambientados nunha atmosfera máxica e ideal.
  2. Os contos teñen unha raíz popular, e moitos deles unha ambientación galega.
  3. As historias son moi condensadas e van concentrando a intensidade ata o final, que estoupa a modo de clímax; deste xeito, o lector permanece enganchado á lectura ata que nas últimas liñas se desvela a clave da historia.

A fiestra valdeira (1927)

Dieste é autor tamén dunha única peza dramática, A fiestra valdeira (1927), comedia de carácter simbólico que expón o conflito entre o progreso material dun indiano e a renuncia ao seu pasado humilde como mariñeiro.

Manuel Antonio (1900-1930)

Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo en 1900. Foi desde moi novo unha persoa comprometida e inconformista, vinculada co nacionalismo das Irmandades e do Grupo Nós. Con todo, sempre amosou un espírito independente. Fixo estudos náuticos en Vigo e, como mariñeiro, percorreu medio mundo. Enfermo de tuberculose, morreu en 1930.

De catro a catro (1928)

Manuel Antonio só publicou un poemario titulado De catro a catro (1928), aínda que postumamente se publicaron outros poemas seus. Tamén foi autor, xunto con Álvaro Cebreiro, do manifesto Máis alá (1922), onde expresou o seu inconformismo vital e estético.

De catro a catro é unha das obras máis orixinais da poesía galega contemporánea. Son dezanove poemas que mostran unha travesía marítima que representa tamén unha viaxe interior do ser humano.

A súa técnica poética recolle a influencia vangardista, sobre todo do creacionismo de Vicente Huidobro, que concibía o poema coma unha sucesión de imaxes. Outros trazos vangardistas de Manuel Antonio son o verso libre, a técnica do caligrama, o uso de léxico tecnicista e de estranxeirismos, a ironía, os xogos humorísticos, as imaxes e a fuxida do sentimentalismo de carácter romántico.

Luís Amado Carballo (1901-1927)

Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927) publicou en vida Proel (1927) e, de xeito póstumo, saíu O galo (1928).

A súa poesía non significa unha ruptura total coa tradición, xa que nela mestura elementos tradicionais -como a métrica popular, ambiente paisaxístico rural e mariñeiro- con outros máis innovadores, como a ausencia da figura humana nos poemas e a creación de imaxes sensoriais en que ofrece unha visión plástica e humanizada dos elementos da natureza. A súa obra está influenciada pola corrente inglesa do imaxinismo.

O Neotrobadorismo

Durante séculos, a sociedade galega perdera a referencia da importancia que tiveran as nosas cantigas medievais. Cando o erudito portugués José Joaquim Nunes editou as cantigas de amigo e de amor, influíu nun grupo de poetas novos que crearon o neotrobadorismo.

O neotrobadorismo consistiu nunha recreación libre dos temas amorosos e do estilo paralelístico das cantigas trobadorescas. Esta recreación inclúe o uso de metáforas e imaxes de inspiración vangardista ou popular, ofrecendo unha síntese de tradición e modernidade.

Os principais cultivadores do neotrobadorismo foron Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza Brey.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro publicou Cantiga nova que se chama riveira (1933); xa na posguerra seguiu insistindo na recreación da lírica medieval en Dona do corpo delgado (1950). Ademais, Cunqueiro escribiu tamén dous poemarios de tendencia vangardista: Mar do Norde (1932) e Poemas do si e do non (1933).

Fermín Bouza Brey

Fermín Bouza Brey escribiu o poemario neotrobadorista Nao senlleira (1933).

O Franquismo e a Literatura Galega

O franquismo, despois do nacemento da ONU, vese presionado a unha apertura e no 1950 permite a apertura da editorial Galaxia. Máis tarde, na década do 60, permite a apertura de organizacións culturais e no 1963 permite a conmemoración do centenario da publicación de Cantares gallegos ou Letras Galegas. Autores: Luís Seoane, Lorenzo Varela.

Entradas relacionadas: