Características da tarefa e a actuación do profesor no traballo cooperativo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Medicina y Salud
Escrito el  en  gallego con un tamaño de 4,49 KB
gallego con un tamaño de 4,49 KB
Características da tarefa/contido
Entre as variables que inflúen nos procesos que se producen no traballo cooperativo entre alumnos, as características da tarefa/contido que se propón ós alumnos como obxecto de ensinanza e aprendizaxe ocupa un lugar destacado. Polo menos, dúas dimensións da tarefa parecen críticas para o traballo cooperativo: O carácter realmente colectivo e grupal, ou non, da tarefa, é dicir, ata que punto as tarefas propostas son realmente tarefas de grupo. Para que unha tarefa teña este carácter: Ningún membro do grupo posúe, por si só, recursos suficientes para realizalas e require, polo tanto, as aportacións de outros. O carácter máis ou menos aberto ou pechado da mesma. Nas tarefas máis abertas, a interacción entre alumnos resulta moito máis crucial para a produtividade e o rendemento. Ademais do indicado, as tarefas que se propoñen ós grupos tamén poden variar en canto á maneira específica en que son presentadas. Neste sentido, as instrucións para a tarefa foron sinaladas como un elemento clave para a posta en marcha dos procesos interpsicolóxicos responsables da aprendizaxe na interacción cooperativa entre alumnos. Algúns autores apuntan a necesidade de que, polo menos en tarefas abertas e complexas, as instrucións da tarefa non sexan excesivamente detalladas nin restrinxan en exceso a dinámica interactiva do grupo.
A actuación do profesor
A intervención do profesor é esencial para a produtividade e efectividade do traballo cooperativo entre alumnos e para a actualización das súas contribucións potenciais á aprendizaxe que estes realizan en situacións de aula. Dillenbourg distingue catro tipos xerais de intervencións do profesor necesarias para aumentar a probabilidade de interaccións construtivas en situacións cooperativas:
- Establecemento das condicións iniciais da situación (Composición dos grupos e tipo de tarefas a propoñer para a súa realización).
- Definición específica do carácter cooperativo da situación A través das instrucións da tarefa.
- A “andamiaxe”, por parte do profesor, das interaccións productivas dos alumnos mediante: A incorporación contextualizada de regras de interacción. O profesor debe facer explícitas determinadas regras que deben rexer a interacción e facilitar a súa toma en consideración no transcurso da interacción.
- O apoio por parte do profesor á regulación das interaccións no grupo. Trátase de actuacións, habitualmente puntuais, que axuden ó grupo a: Redirixir o seu traballo nunha dirección produtiva ou Asegurar que tódolos membros do grupo están implicados na interacción.
Outro aspecto a ter en conta, polo que respecta á intervención do profesor durante o traballo cooperativo dos alumnos, ten que ver coa posibilidade que ofrece este tipo de traballo para que o profesor adapte a ensinanza ás necesidades específicas de cada grupo, xa que pode observar directamente o proceso de traballo e intervir aportando unha axuda inmediata cando os alumnos a necesiten. O traballo cooperativo entre alumnos apoia-se: Na delegación da autoridade por parte do profesor e Na cesión ós alumnos dunha parte esencial do control e responsabilidade sobre o que ocorre na aula e sobre o proceso de ensinanza e a aprendizaxe.
Entre as características mediadoras do profesor, Feuerstein sinala:
O profesor para ser un bo mediador ten que: Implicar activamente ao alumno no proceso instrucional. Potenciar a aprendizaxe significativa. Isto quere dicir que: debe espertar no neno o interese pola tarefa en si. Deseñar a instrución segundo a organización lóxica dos contidos e a estrutura psicolóxica do alumnado; provocar a discusión e o diálogo co alumno con fin de aproveitar os coñecementos previos do alumno. Explicarlle a finalidade que se persegue coas actividades e a aplicación das mesmas. Planificar os obxectivos educativos segundo o nivel do alumno. Presentar as actividades escolares con un certo desafío. Favorecer o desenvolvemento da competencia cognitiva: habilidade do docente para potenciar o sentimento de ser capaz. Potenciar a metacognición: desenvolver no neno procesos de control e autorregulación co fin de favorecer o estilo de aprendizaxe reflexivo fronte ao impulsivo. Organizar a actividade docente de forma compartida. Respectar a diversidade psicolóxica. Facer partícipes aos seus alumnos do cambio e mellora do seu funcionamento cognitivo. Respectar o sistema de valores e actitudes.
