Características da narrativa de Otero Pedrayo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,66 KB
Ramón Otero Pedrayo foi un autor no que se poden distinguir dúas etapas intelectuais: a primeira que se corresponde co “Cenáculo Ourensán” e a segunda que se orixina co seu ingreso nas Irmandades da Fala. Nesta última, Otero Pedrayo desenvólvese dentro do galeguismo e consegue converterse, grazas ás súas obras literarias e ensaísticas, nun dos líderes intelectuais desta corrente.
Con respecto á súa obra, esta abarca todos os xéneros da prosa, pero se indagamos na súa obra narrativa podemos ver que esta caracterízase por centrarse nas clases sociais do campesiñado e da fidalguía, que para el eran as que debían encabezar o progreso de Galicia. Sobre todo, céntrase na idea da decadencia da fidalguía e perda da influencia social, e destas derivan outras.
Entre estas ideas secundarias atopamos: o cambio da monarquía absoluta á monarquía parlamentaria no século XIX, que se acentuou coa chegada do século XX e a desaparición dos “foros”, sostén económico dos fidalgos que, ante este cambio político e social, son incapaces de adaptarse e abandonan as súas obrigas como clase dirixente, mantendo a súa mentalidade feudal baseada nas relacións de vasalaxe e na submisión dos labregos. Consecuentemente, prodúcese unha contraposición entre a fidalguía e a burguesía, provocada polo desentendemento dos fidalgos e que fai que os burgueses consigan títulos e prestixio social, accedendo así aos centros de poder e os postos de responsabilidade.
Non obstante, tamén se reflexa a visión positiva da fidalguía como clase dirixente dos destinos da sociedade galega, porque, a pesar dos seus defectos, é a que ten conciencia dunha identidade propia, duns valores propios que se obteñen por pertencer a unha terra, mentres que para os burgueses a única moral é a do diñeiro. Entón, contra a idea da deserción da fidalguía, anteriormente exposta, Pedrayo sempre introduce algún personaxe fidalgo que busque manter a identidade do pobo como semente de esperanza e rexeneración. Esta contraposición pódese ver na súa obra Os Camiños da Vida, reflexada nas dúas familias fidalgas protagonistas: os Doncos e os Pugas.
Por último, Otero Pedrayo tamén emprega a paisaxe como elemento definidor da vida, a través do paso das estacións, os traballos de cada unha delas, a visión da terra como produtiva e amable e o eloxio case constante da vida natural.
Para concluír, podemos dicir que a obra de Otero Pedrayo forma parte da ideoloxía da Xeración Nós, pois reflexa a idea da loita polos valores do pobo galego, a través da cultura, as tradicións e mesmo o noso idioma, representativa deste grupo.