Características Esenciais das Cantigas de Amigo e Amor na Lírica Medieval Galego-Portuguesa
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,18 KB
Cantiga de amigo
Introdución
Son breves composicións en que unha voz feminina, moza solteira e namorada, se dirixe ao seu amado, normalmente ausente, que aparece sempre citado como amigo. A moza diríxese á nai, a unha irmá, a unha amiga, ou a elementos da natureza para contarlles o seu sentimento amoroso. É o xénero máis representativo da lírica galego-portuguesa e a crítica considéraro o máis perfecto e elaborado.
Orixe
As cantigas de amigo eran reelaboracións cultas dunha poesía popular autóctona, común a outros poemas de autoría feminina das zonas da lingua romance. As cantigas de amigo son superviventes modernizadas da primitiva escola lírica galego-portuguesa, que tras seren estilizadas, refinadas e depuradas polos trobadores, se converteron nun produto artístico de primeira orde.
Tema
O tema central destas cantigas é o amor dunha muller polo seu amigo, normalmente ausente. Aínda que a voz sexa feminina, o autor da cantiga é sempre un trobador, que finxe ser unha muller.
Valores simbólicos
- Cervos: simbolizan o namorado.
- Augas: simbolizan a moza e a virxindade.
- Fontes: lugar de encontro entre os namorados.
- Mar: símbolo da paixón amorosa.
- Vento: símbolo da masculinidade.
Cantiga de amor
Introdución
Son composicións en que un cabaleiro expresa os seus sentimentos a unha muller, á que lle chama senhor e da que está namorado. Este tipo de cantiga é o xénero máis vencellado á lírica provenzal. Nel faise unha adaptación da teoría do amor cortés occitana á sociedade e á cultura galego-portuguesa da época.
Orixe
O amor cortés da cançó provenzal
A lírica provenzal é a expresión literaria da teoría do amor cortés. Recibe este nome unha complexa concepción do amor segundo a cal se adaptan as relacións sociais do sistema feudal ás relacións amorosas, de maneira que o trobador serve á súa dama (a senhor) como o vasalo serve ao señor feudal. O namorado, ao igual que nas provenzais, ten que seguir as normas do amor cortés aínda que dunha maneira menos estrita: o feito de que a senhor fose unha muller aristocrática fai que o amante-trobador tivese que ter a prudencia que esta lle impón (non dicir o seu nome). O namorado non pode mostrar máis que absoluta submisión cara á súa amada, que a considera perfecta. Esta senhor non é unha muller concreta, senón unha abstracción ideal, de aí que haxa unha ausencia total de referencias ao espazo e ao tempo. O trobador diríxese na maior parte das cantigas á amada; tamén se dirixe ao amor personificado, a Deus ou aos amigos para falarlles do sufrimento amoroso.
Tema
Salvo algunhas excepcións, estamos perante un amor non correspondido, de aí que o tema central é a coita amorosa, o sufrimento ao non poder conseguir o amor da senhor, que ás veces leva o trobador á morte por amor. Tamén se encontran a loanza da dama e os síntomas do amor.