Cantigas de Santa María e a Prosa Medieval Galega
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,59 KB
Cantigas de Santa María: Finalidade e Contexto
A finalidade fundamental das Cantigas de Santa María consistía no culto á Virxe a través do relato das súas intervencións marabillosas. Contamos cunhas 427 composicións ao redor da figura de María.
Alfonso X levou a cabo un labor no que se combina o marioloxio, o afán de conformar unha verdadeira summa dos milagres marianos, coa proxección político-cultural. A elaboración desta colección mariana sitúase entre os anos 1270 e 1283.
Os expertos discuten ata que punto Alfonso X participou directamente na elaboración destas cantigas. Se ben pode ser o autor directo dunha certa cantidade de textos, actuaría no conxunto da obra como o director de todo o traballo.
Códices das Cantigas de Santa María
As Cantigas de Santa María son coñecidas a través de 4 códices principais:
- Códice de Toledo: 128 cantigas acompañadas da notación musical.
- Códice do Escorial (T): 193 composicións con notación musical e 1264 miniaturas.
- Códice da Biblioteca Nacional de Florencia: 104 cantigas (obra incompleta).
- Códice do Escorial (E): Contén 147 cantigas, con 40 miniaturas e notación musical.
As Cantigas de Santa María incorporan un conxunto de lendas e tradicións: materiais latinos medievais, tradicións orais e coleccións locais estranxeiras.
Clasificación das Cantigas
A clasificación destas cantigas divídese en dous grandes grupos: cantigas narrativas e cantigas líricas.
Cantigas Narrativas
O protagonista aparece en debate co pecado ou diante dun perigo inminente. Tan só a intervención marabillosa da Virxe logra resolver a conxuntura, e a cantiga finaliza sempre con agradecementos e loanzas á figura de Santa María. O esquema destas cantigas é o seguinte:
- Introdución acerca do milagre que vai ser relatado, séguelle unha máxima que se repite ao final de cada estrofa con forma de refrán.
- Relato do milagre.
- Conclusión moral.
Cantigas Líricas
Composicións que seguen dúas vías principais:
- Unha que segue o modelo das cantigas de amor trobadorescas (cantigas de loor).
- Outra que provén de inspiración litúrxica.
A maioría das cantigas de loor relaciónanse directamente coa pregaria do culto á Virxe, compostas en forma de himnos, oracións e loanzas á figura de María.
Temática das Cantigas
Os temas abordados nas composicións son variados:
- Milagres que exaltan a figura de María como auxiliadora dos seus devotos.
- Milagres que critican pecados e costumes deshonestos.
- Milagres a prol de santuarios marianos.
- Cantigas que mencionan as festas dedicadas a María.
- Cantigas arredor dos misterios con máis significado do cristianismo.
Un certo número de composicións manifestan, ademais, un aberto carácter político-propagandístico.
Prosa Medieval Galego-Portuguesa
Non podemos dicir que non existía actividade en galego-portugués durante a Idade Media; é dicir, contamos realmente cun número de textos medievais en prosa dignos de estudo. A prosa conservada procede principalmente do século XIII e a primeira metade do século XIV. Mentres que o lirismo trobadoresco aparece estandarizado, a prosa medieval é máis aberta.
Os estudosos falan de dúas etapas na nosa prosa medieval:
- A primeira, galego-portuguesa: Corresponde coa cronoloxía do lirismo.
- A segunda, galega: Desde mediados do século XIV ata o século XV.
Os primeiros textos conservados en galego-portugués non teñen carácter literario. A Noticia de Torto (1212) coñécese como o primeiro texto coñecido da escritura galego-portuguesa.
As Materias Literarias (Segundo Jean Bodel)
Segundo Jean Bodel (século XIII), as materias dignas de tratamento literario eran:
- A Materia de Bretaña: Narracións arredor do Rei Artur e os cabaleiros da Mesa Redonda.
- A Materia de Roma: Relatos da Antigüidade greco-latina.
- A Materia de Francia: Cantares de xesta.
A Materia de Bretaña (Ciclo Artúrico)
A definitiva expansión para a narrativa de Artur procede da obra de Chrétien de Troyes (1160-1190). Polo éxito creáronse moitas continuacións e versións do relato.
O simbolismo máxico-cristián completouse: O Graal aparece como o cáliz no que Cristo instituíu a Eucaristía, Artur e os membros da Mesa Redonda aparecen como a representación das virtudes do cabaleiro cristián e a Demanda do Santo Graal finaliza a busca da salvación eterna.
Na actualidade conservamos textos deste ciclo como:
- Estoria do Santo Graal
- Libro de Merlín
- Demanda do Santo Graal
A Materia de Troia (Ciclo Clásico)
A Guerra de Troia estaba entre aqueles temas que Jean Bodel consideraba de importancia literaria.
O Ephemeris belli Troiani, que finxía ser unha tradución orixinal do grego, e mais De excidio Troiae historia, están nos cimentos do ciclo clásico ou troiano que tivo na figura de Benoît o verdadeiro propagador.
Destas características conservamos:
- Crónica Troiana (Rematada no século XIV por Fernán Martís)
- Historia Troiana (Texto bilingüe do século XIV)