As Cantigas Medievais Galego-Portuguesas: Unha Guía Completa

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 11,3 KB

As Cantigas Profanas Medievais

Introdución

As favorables condicións socioeconómicas no sur de Francia propiciaron o nacemento da cultura trobadoresca. Esta maniféstase coa aparición dunha lírica en lingua romance, de temática nomeadamente amorosa, na que se dá unha idealización da muller.

A cançó, a pastorela, a alba... son manifestacións desta lírica, tradicionais xa na Provenza de finais do século XII. O Camiño de Santiago, a orde de Cluny e os contactos entre nobres serven de vías de penetración desa cultura trobadoresca na Galicia medieval.

Esta influencia fixo agromar a nosa lírica tradicional, autóctona, transmitida ata entón, tan só pola vía oral. Comeza a escribirse e os primeiros textos conservados son de finais do século XII, principios do XIII. As súas manifestacións son variadas na forma e nos xéneros en función desa influencia. Conservamos da lírica profana medieval galego-portuguesa un total de 1.679 cantigas. Na súa inmensa maioría pertencen aos que se denominan xéneros maiores:

  • Cantigas de amigo: 475 cantigas, aproximadamente.
  • Cantigas de amor: arredor de 725 textos conservados.
  • Cantigas de escarnho e maldizer ao que pertencen 430 cantigas

A estes textos habería que engadir outros que pertencen aos chamados xéneros menores: pastorela, pranto, sirventés moral... Este conxunto de textos chegou aos nosos días en cancioneiros, pergamiños... que se foron copiando ao longo dos séculos, dos que a continuación se citan os máis importantes.

Cancioneiro de Ajuda ([A])

Na biblioteca do Palacio de Ajuda (Lisboa) consérvase o códice máis antigo das cantigas galego-portuguesas. Datado a finais do século XIII, principios do XIV, contén 310 cantigas, todas de amor.

Cancioneiro da Vaticana ([V])

Datado no século XVI, é copia doutro desaparecido. Ten cantigas dos tres xéneros. Este cancioneiro ten a particularidade de que contén o nome dos autores das cantigas. Biblioteca Apostólica Vaticana onde se encontra o códice ao que lle dá nome.

Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa ([B])

É o que contén máis cantigas. Os textos son dos tres xéneros. Ademais das cantigas contén un importante tratado: “Arte de Trobar”. Nel danse instrucións de como elaborar as cantigas e que características debían ter.

O Pergamiño Vindel (século XIII), encontrado por Pedro Vindel a principios do século XX. Era a parte interior do forro doutro códice. Contén as sete cantigas de Martín Códax, coa notación musical. Encóntrase na Librería Morgan de Nova York. Cítase [N].

Tipos de Cantigas Segundo a Forma

Cantigas tradicionais (autóctonas): cantigas de refrán, estrofas de 2 versos (dístico), paralelismo perfecto, leixaprén, xeralmente cantigas de amigo.

Cantigas trobadorescas (provenzais): cantigas de mestría, estrofas máis longas e complexas, recursos: dobre, mordobre, finda, ata-finda, palabra perduda...

Cantigas contaminadas: nunca son de mestría. Cantigas nas que se mesturan recursos das cantigas tradicionais cos das cantigas de imitación provenzal.

Cantigas de Amigo

Dependendo da maior ou menor influencia das cantigas trobadorescas (imitación provenzal), dividimos as Cantigas de Amigo en 3 grupos:

  • Cantigas de Amigo tradicionais: Son as máis fieis á forma autóctona. Distínguense polos seguintes trazos: estrofa de 2 versos (dístico) + refrán, paralelismo, leixaprén.
  • Cantigas híbridas ou contaminadas: Caracterízanse polos seguintes trazos: estrofas máis longas, paralelismo semántico, carecen de leixaprén.
  • Cantigas de amigo trobadorescas: Moi influenciadas pola lírica provenzal, adoptan a forma das cantigas de mestría. Manteñen das cantigas de amigo a voz poética feminina.

Tipos de Cantigas

  • Cantigas de amigo narrativas: Unha voz en terceira persoa fala da amiga, das súas coitas de amor, sen dirixirse a ningún destinatario explícito.
  • Cantiga de amigo monologadas: Voz poética feminina que se dirixe a unha segunda persoa, explícita no texto, pero que non intervén.
  • Cantiga de amigo dialogadas: Nas que está explícita máis dunha voz poética de maneira que se produce un diálogo.

Subxéneros Temáticos das Cantigas de Amigo

Mariñas ou Barcarolas

A auga é un símbolo antiquísimo asociado ao erotismo e á fertilidade. En moitas cantigas aparecen o mar e o río como elementos clave na relación amorosa. Pode simbolizar a paixón amorosa, o motivo do afastamento dos namorados, o pretexto para encontrarse co amigo...

Cantigas de Romaría

Nelas aparece a referencia a algún santuario que serve de pretexto para o encontro ou desencontro dos namorados. Ou simplemente a romaría como lugar festivo propicio para o amor.

Bailadas (Bailía)

Son cantigas de amigo nas que a danza ou a invitación a ela é o marco ou elemento que convida ao amor.

Albas

En xeral denominamos “albas” as cantigas nas que o marco do pretendido encontro amoroso é a noite, ou a mañanciña. As albas teñen unha certa influencia provenzal. Nas cantigas provenzais os namorados tiñan que afastarse, ao seu pesar, despois de pasaren a noite xuntos. As albas galego-portuguesas non seguen ese “argumento”.

As Cantigas na Arte de Trobar

Na “Arte de trobar” a cantiga chamábase “talho”, a estrofa “cobra”, o verso “palavra”. Ademais de asonante e consonante, a rima pode ser:

  • Macho: se o verso remata en palabra aguda.
  • Femia: se o verso remata en palabra grave.

Nas cantigas pode alternar a rima macho e a rima femia. Se hai un verso solto, libre de rima, en cada estrofa, recibe o nome de: “palavra perduda”.

Repaso de Conceptos Básicos

Refrán

É o verso ou versos que se repiten literalmente ao final de cada estrofa. Tendo en conta isto hai cantigas de refrán (cando presentan este recurso) e cantigas de mestría (cando carecen de refrán). Estas últimas seguen as pautas das cantigas provenzais.

Paralelismo

É un recurso de repetición que se dá entre pares de estrofas. A repetición inclúe pequenas modificacións que aseguran o cambio de rima. Distinguimos entre:

  • Paralelismo perfecto: cando ademais hai leixaprén.
  • Paralelismo imperfecto: sen leixaprén.

Leixaprén

Dáse cando nunha cantiga de dísticos con paralelismo o 2º verso da 1ª estrofa se repite literalmente como 1º da 3ª, o 2º da segunda como 1º da cuarta, e así sucesivamente. Desta maneira quedan ligadas as estrofas de maneira alterna. É unha maneira moi doada de saber cal é o primeiro verso do seguinte par de estrofas.

Os Personaxes das Cantigas de Amigo

Amiga

É a namorada. Aínda que caracterizada de maneira inxenua, tamén se mostra pícara e atrevida. Nas cantigas aparece un amplo abano dos seus estados de ánimo: tristeza, angustia, medo, ledicia, desconfianza, rabia... sentimentos que reflicten situacións polas que atravesa na súa relación amorosa.

Amigo

É o namorado. Ausente nas máis das veces, en moitas ocasións ten como antagonista ou impedimento para a súa relación a nai da amiga. A cantiga de Juiao Bolseiro é unha excepción no sentido de que é a nai a que se sente mal porque a filla non ten trazas de ter “amigo”.

Nai

Aparece en moitas cantigas para censurar, aconsellar e mesmo preguntarlle á filla como lle vai co seu amigo. É moi frecuente o papel da nai como autoridade que controla ou prohibe as saídas da filla que, con enganos ou mentiras, a pesar dela, fai por ver ao seu “amigo”.

Irmás e Amigas

Normalmente cumpren o papel de confidentes e, ás veces, de rivais da amiga.

Segundo a Relación Entre as Estrofas (Cobras)

Tendo en conta a rima na “Arte de Trobar” distínguense:

  • Cobras singulars: cada estrofa ten unha rima diferente, é dicir, os fonemas que se repiten en cada unha son diferentes.
  • Cobras dobras: a rima repítese de dúas en dúas estrofas, de forma contigua, alterna ou 1ª = a 4ª; 2ª = a 3ª.
  • Cobras unissonans: a rima é idéntica en toda a cantiga.

Cantigas de Amor

As Cantigas de Amor tamén teñen unha temática amorosa, pero hai trazos que as diferencian das Cantigas de Amigo:

  • Son unha imitación da cançó provenzal con certas diferenzas.
  • A voz poética sempre é masculina.
  • O namorado expresa os seus sentimentos amorosos seguindo o código do amor cortés que sitúa á “senhor” como unha figura idealizada, dotada de toda beleza física e moral. Fronte a ela o trobador asume o papel de vasalo que rende servizo incondicional á súa amada.
  • O sentimento predominante do namorado é a “coita” (a angustia) pola imposibilidade de sentirse correspondido. Isto explica o desexo expresado en moitas cantigas de “morrer de amor”.

Amor Cortés

  • A senhor: dotada de toda perfección física e psicolóxica.
  • Drut: amor total.
  • Entendedor: amor platónico.
  • Precador: xa pode suplicar.
  • Fenhedor: tópico morrer de amor.
  • Trobador: vasalo (cantiga sempre na súa boca).

Tipos de Cantigas

  • Tradicional: se imitan exactamente os recursos das de amigo tradicional.
  • Contaminadas: refrán, non paralelismo e tampouco leixaprén.
  • Trobadorescas: non teñen refrán (cantigas de mestría).

Forma

Imitacións da Cançó Provenzal

  • Non teñen refrán: cantigas de mestría.
  • Estrofas longas, teñen outros recursos de repetición:
  • Dobre: repetición en lugares simétricos dunha palabra na estrofa, que se reproduce, con outras palabras no resto da estrofa.
  • Mordobre: recurso repetitivo semellante ó dobre pero coas palabras flexionadas.
  • Finda: estrofa (de 1, 2, 3 versos) que figura a modo de conclusión nalgunhas cantigas. Pode haber máis dunha.
  • Ata-finda: encabalgamento estrófico. O senso da cantiga trasládase dunha estrofa a outra ata a finda. O derradeiro verso de cada estrofa non ten sentido se non leo o verso da seguinte e así sucesivamente.

Cantigas Contaminadas

Teñen refrán.

Cantigas que Imitan Totalmente a Forma das de Amigo

Dístico + refrán, leixaprén, paralelismo.

Entradas relacionadas: