Cantigas de Escarnio e Maldicir: A Sátira na Poesía Galego-Portuguesa Medieval

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,11 KB

As Cantigas de Escarnio e Maldicir: Sátira na Lírica Galego-Portuguesa Medieval

Este xénero procede da confluencia dun xénero provenzal (o sirventés) cunha tradición satírica autóctona de carácter oral.

O sirventés provenzal denunciaba aspectos políticos, morais ou relixiosos e persoais da sociedade do momento. Fronte a esta crítica seria do sirventés, as cantigas galego-portuguesas pretenden a burla, facer rir a través da sátira e da caricatura.

O xénero satírico galego-portugués está constituído por unha serie de cantigas nas que todos os grupos sociais e os diversos oficios son obxecto da burla máis cruel: monxas pecadoras, malos poetas, infanzóns arruinados, soldadeiras libidinosas...

Tipos de Cantigas Satíricas

Aínda que podemos agrupalas baixo unha única modalidade, os tratados de poética medieval diferenciaban entre:

  • Cantigas de escarnio: son aquelas que conteñen unha sátira encuberta baixo dobres sentidos, sobreentendidos, xogos de palabras, equívocos, metáforas, eufemismos, etc.
  • Cantigas de maldicir: son unha sátira directa e evidente, cunha linguaxe clara, sen ningún tipo de ambigüidades.

Clasificación Temática das Cantigas de Escarnio e Maldicir

As cantigas de escarnio e maldicir teñen unha temática moi variada, posto que o seu obxecto é ridiculizar os diferentes aspectos da época. Podemos clasificalas nos seguintes apartados:

  • Sátira política: Tratan acontecementos históricos e políticos daquel tempo, como a covardía dos nobres cristiáns na guerra contra os mouros de Granada, ou o conflito sucesorio polo trono portugués entre Sancho II e o Conde de Boloña.
  • Sátira social: Ridiculízanse os diferentes estamentos sociais, fundamentalmente os infanzóns (nobres do sector máis baixo, orgullosos da súa orixe pero arruinados).
  • Sátira de costumes: Fan burla das crenzas en agoiros e astroloxía, das modas no vestir, etc.
  • Sátira literaria: Son escarnios que se dirixen entre si os trobadores e xograres acerca da pouca habilidade poética, as pretensións de ascenso dos xograres, etc. Tamén se inclúen neste grupo as sátiras que se burlan dos tópicos das cantigas de amor.
  • Sátira sexual: Trátase de sátiras, moitas veces de carácter obsceno, referentes ás prácticas eróticas de soldadeiras, cregos, monxas e homosexuais.
  • Sátira moral: A temática destas cantigas é seria e amarga; reflexionan acerca dos vicios máis estendidos na época. Son as composicións que máis se asemellan ao sirventés provenzal, pola intención didáctica e moralizadora que as caracteriza.

Aspectos Formais das Cantigas de Escarnio e Maldicir

A cantiga de escarnio e maldicir segue os modelos da lírica provenzal, polo que desde o punto de vista formal coincide cos trazos da cantiga de amor:

  • Cantigas de mestría e cantigas de refrán.
  • Mesmos recursos formais: dobres, mordobres etc.

Pero, tendo en conta a temática satírica, caracterízanse tamén pola presenza duns recursos propios. Os principais son: a ironía, o sarcasmo, o equívoco...

Tamén destacan por posuír unha linguaxe moi rica e variada, que abrangue campos semánticos diversos: o corpo humano, o vestiario, a paisaxe, as actividades humanas, etc.

Xéneros Menores da Lírica Galego-Portuguesa

Agrúpase baixo a denominación de «xéneros menores» un conxunto de composicións menos cultivadas que as dos tres grandes xéneros.

  • O pranto: é un poema de loanza a un personaxe morto, normalmente de grande importancia social (rei, raíña...).
  • A tenzón: é unha composición dialogada na que dous trobadores discuten sobre diversos temas: amorosos, habilidades poéticas, etc., e van expoñendo en estrofas alternas a súa opinión. O autor da primeira copla escollía o esquema estrófico, a métrica e a rima, e o da segunda debía adaptarse a estes.
  • A pastorela: é unha composición que relata o encontro dun cabaleiro cunha pastora nun lugar idílico. É unha composición de orixe provenzal e está presente en moitas literaturas da época.

Estrutura Argumental da Pastorela

Adoitaba presentar este esquema argumental:

  • Comezo narrativo que explica o encontro do cabaleiro e a pastora.
  • Descrición do lugar, baixo o tópico do locus amoenus.
  • Descrición da pastora, semellante ao eloxio da dama.
  • Diálogo entre os dous personaxes. Proposta amorosa do cabaleiro.
  • Contestación da pastora coa aceptación ou rexeitamento desta.

A pastorela galego-portuguesa non segue rixidamente o modelo provenzal, senón que pode omitir algunhas secuencias e incorpora elementos doutros xéneros: o punto de vista da cantiga de amor; o tema, o vocabulario e o escenario da cantiga de amigo; o carácter narrativo da cantiga de escarnio.

Entradas relacionadas: