Cambios Sociais e Oposición ao Franquismo nos Anos 60

Enviado por Marapeih y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,56 KB

Cambios sociais e forzas de oposición

Cambios sociais

As melloras logradas polo desenvolvemento económico, as influencias estranxeiras a través do turismo e da emigración e a influencia dos medios de comunicación fixeron que a sociedade española dos anos sesenta fose cada vez máis parecida á de Europa occidental: máis urbanizada, dinámica, secularizada e aberta.

Estes cambios foron apreciables nos costumes e na vida cotiá en aspectos como:

  • O aumento dos produtos da dieta alimentaria.
  • O crecemento da capacidade adquisitiva e un maior acceso a bens de consumo.
  • O inicio das viaxes familiares e en grupo nos períodos de vacacións pagadas.
  • A mellora considerable da hixiene e a saúde, grazas á xeneralización da Seguridade Social.
  • Maiores posibilidades de posuír unha vivenda en propiedade grazas aos programas de construción de vivendas protexidas.
  • A mellora do nivel de alfabetización e escolarización. A escola privada de relixiosos perdeu o monopolio educativo a favor da pública.
  • A influencia dos medios de comunicación e a entrada masiva de turistas favoreceron a adopción de actitudes menos intransixentes.
  • O impacto do Concilio Vaticano II, que provocou o nacemento das Comunidades de Base (nas que se intentaba vivir de modo máis íntimo e menos oficialista a cuestión relixiosa) ou os curas obreiros (que exercían o seu ministerio sacerdotal de forma máis próxima aos problemas concretos dos seus fregueses).
  • Cambios na estética da moda: pelos longos ao estilo Beatles, o pantalón para a muller, a vestimenta informal, etc.
  • Importantes cambios nos gustos musicais coa aparición de cantautores estranxeiros.
  • No goce do tempo libre, o fútbol ocupou un lugar preferente.

Igualmente significativos son os cambios na estrutura social:

  • Aumento da poboación pola notable medra do índice de natalidade, cun significativo aumento da poboación urbana, que pasou a ser o 73,5 % da poboación en 1970.
  • Aumento considerable das clases medias.
  • Progresiva incorporación da muller ao mundo do traballo fóra do fogar.
  • Lento pero imparable proceso de alteración da familia tradicional.
  • Aparición dunha gran masa de obreiros modernos (mecánicos, soldadores, chapistas...) que daría orixe a un novo movemento obreiro que non atopa acomodo no sindicalismo do réxime.

Forzas de oposición

As principais forzas de oposición estiveron en:

A Universidade

As primeiras manifestacións (1956) estaban centradas en conseguir un sindicalismo de estudantes democrático, pero a resposta do Goberno foi sempre dura: expedientes, detencións, suspensións das clases, peche de universidades, e profesores expedientados e apartados das súas cátedras.

O Movemento Obreiro

Estaba practicamente desaparecido, pero a partir dos anos 60 as accións de protesta multiplicáronse: folgas polas melloras salariais, redución da xornada laboral, solidariedade con compañeiros detidos, etc. Neste contexto naceron en 1962, como consecuencia da Lei de Convenios Colectivos de 1958 (pola que se podía negociar entre empresarios e traballadores as condicións laborais para toda unha rama de produción), unhas comisións obreiras. Isto deu lugar de maneira indirecta a un novo tipo de actividade obreira. Estas comisións lograron éxitos electorais dentro da organización sindical oficial e foron o xermolo do sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.). A táctica foi introducirse e aproveitar as estruturas do sindicato vertical para poder chegar con máis facilidade aos obreiros.

En 1962-63 producíronse os primeiros conflitos laborais graves en Asturias, Cataluña e o País Vasco. A represión sufrida por líderes estimulou a afiliación a CC.OO., á UXT e a outros grupos sindicais clandestinos. Para controlar a situación, o Goberno creou o Tribunal de Orde Pública, ademais de empregar a policía e as forzas represivas da propia Organización Nacional de Sindicatos.

Un fito importante da protesta obreira tivo lugar en Ferrol o 10 de marzo de 1972, cando resultaron feridos máis de vinte traballadores e dous caeron mortos. Con motivo destes sucesos, o bispo de Mondoñedo-Ferrol manifestou un escrito que se leu en todas as igrexas da diocese. As manifestacións de repulsa polos feitos de Ferrol estendéronse por toda Galicia e na factoría Citroën de Vigo iniciouse unha segunda folga.

Entradas relacionadas: