A Caída do Imperio Qing: Crise Interna e Ofensiva Colonial no Século XIX
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 21,61 KB
A lenta agonía da China Manchú dos Qing fronte á ofensiva colonial do XIX
1. A crise do sistema chinés e a inxerencia colonial
1.1. A China Tardoimperial: Do crecemento á crise e o debate
A China de finais do século XVIII mantiña unhas estruturas de goberno e administración que procedían practicamente dos tempos da Dinastía Han, cuxas raíces remontábanse a inicios do I milenio d.C. De forma interesada, Occidente proxectou unha imaxe totalmente simplificadora da realidade chinesa do momento e o seu pasado histórico, é dicir, dun país secularmente inmobilista e arcaico co único obxectivo de xustificar a invasión colonialista. Porén, a realidade da longa historia de China e da súa sociedade era moi complexa.
Durante o mandato da dinastía imperial Han lográrase acadar unha extraordinaria modernidade con séculos de antelación con respecto a Europa, cunha autocracia e modelo de estado burocrático moi potentes. Cun corpo funcionarial amplísimo escollido a través dunhas durísimas oposicións (co saber dos clásicos **confucianos** como temario), este permitía facer chegar a autoridade imperial a todos os recunchos do Imperio.
Porén, co paso do tempo, si é certo que China foise instalando na filosofía da autocompracencia (considerándose superiores e non precisando de ninguén máis) e o conseguinte réxime de illamento. As súas relacións cos pobos do arredor baseábanse na vasalaxe, os cales aceptaban someterse ante a evidente superioridade chinesa. Todo iso non lle impediu ser a primeira economía mundial ata o século XVII, nin que entrase nun novo período de crecemento e cambio no XVIII. Esta afirmación sostense en:
- Forte crecemento demográfico, de 143 millóns en 1741, a máis de 300 en 1790 e arredor de 430 en 1851.
- Fin das políticas expansionistas coa anexión do **Turquestán**.
- Acusado crecemento demográfico baseado nunha nova vaga de roturacións, novos cultivos para zonas areosas (millo, pataca, cacahuete...) e cepas de cultivos tradicionais con superior rendemento.
- Forte expansión da actividade mercantil, patente na proliferación das **Corporacións Comerciais**, é dicir, de organizacións de comerciantes a nivel provincial pensadas para promover e financiar as novas infraestruturas necesarias: redes de almacéns, servizos de bombeiros e auga, rede viaria...
O inicio dos problemas de China sitúase no tempo de **entreséculos** (finais do XVIII e inicios do XIX), momento no que xa si empezou a diverxer do avance europeo. O Imperio non foi quen de dar o salto cualitativo que si acometeu o vello continente ao pasar dun modelo de explotación intensiva e manual a outro de explotación xa intensiva e mecanizada, baseado na economía de libre mercado e mellora das comunicacións.
Ademais, a súa dinámica de crecemento e cambio quedou estrangulada dende finais do XVIII desembocando nunha gravísima crise económico-social que enseguida conduciu a outra de tipo integral. O resultado final foi unha profunda crise política co conseguinte descrédito da Dinastía Qing, considerando que esta perdera o *«mandato do ceo»* (o favor divino para gobernar correctamente). A súa orixe manchú tamén favoreceu a explosión de desexo de cambio.
O debate sobre as posibles causas deste bloqueo foi intenso e longo. A teoría tradicional, completamente superada, insistía no forte impacto da inxerencia colonial ao basearse o sistema chinés no réxime de illamento (factor externo). Pola súa banda, a nova posición historiográfica defende as rixideces do sistema ao non lograr a sociedade librarse delas como si fixo Europa como causa principal (factor interno). Para o vello continente, as revolucións liberais e o reformismo ilustrado (supresión de vellos atrancos, fomento de todo o activador...) terían sido fundamentais.
A partir de aquí, outros factores que atopamos poden ser:
- **Política inmobilista da Monarquía Manchú**, a cal desentendeuse das novas necesidades nacidas dun crecemento que acabou estrangulado por ese mesmo motivo. As prioridades expansionistas xeraron dificultades facendísticas. Aquela conquista do Turquestán, territorio moi escorregadizo, precisou da implantación dun dominio militar moi esixente. Ademais, as novas campañas sobre o Tíbet e o Sueste Asiático, moi custosas e erradas, resultaron fatais.
- **Crecemento agrario sen melloras no proceso produtivo**, necesarias para dar o salto a un réxime de produción intensivo por un problema de sobreabundancia de man de obra, así como polo arraigo do rendismo na nobreza terratenente.
- **Elites carentes dos altos niveis de acumulación de capital** que si tiñan as europeas, cunha nobreza caracterizada pola escaseza de terras cultivables e fértiles (pois non as había) e aferrada a un modelo rendista. Ademais, a burguesía comerciante atopábase moi limitada por mor do réxime de illamento chinés.
- **O bloqueo da vella dinámica de crecemento**. Producido nun contexto de forte aumento demográfico acumulado, provocou de inmediato unha grave crise económica ao non poder cubrir xa as necesidades que se foran xerando. Esta situación obsérvase de maneira moi clara para o rural. Recollida nos informes dos gobernadores provinciais, atopamos:
- Endebedamento galopante do campesiñado.
- Tendencia ao abandono das comunidades rurais para refuxiarse en zonas montañosas inaccesibles do Oeste co fin de poñerse a salvo da práctica da escravitude por causa de débedas.
- Crecemento acelerado dos levantamentos campesiños, con destrución de arquivos de propietarios e administradores.
- Proliferación inicial das sociedades secretas campesiñas de resistencia á dinámica Manchú e pola rexeneración de China.
A inxerencia dos occidentais dende o século XIX tivo efectos altamente desestabilizadores que acabaron por levar ata o extremo a crise do sistema chinés ao basearse nun réxime de illamento, reforzado a inicios do XVII ante a segunda vaga de occidentais e nun contexto de crise grave da dinastía Ming.
1.2. O réxime de illamento baixo os Qing (1644-1911)
O resultado de todo isto foi a instauración do réxime de comercio exterior coñecido como **“Réxime de Cantón”**, caracterizado por:
- Intercambios só dende a factoría de Macao baixo control dos portugueses (réxime de aluguer), con comerciantes de todas as procedencias.
- Contactos unicamente co porto de Cantón (Guangzhou), zona internacional das trece factorías. Aquí, os axentes non estaban autorizados a pernoctar nin moverse libremente pola cidade.
- Monopolio da corporación **Cohong**, unicamente con axentes da corporación autorizada.
- Exportacións occidentais baixo unha normativa moi restritiva, na procura de minimizar as mesmas.
- Importacións en condicións moi desvantaxosas para Occidente, con pagos en moeda de prata.
O Réxime de Cantón estivo en vigor oficialmente ata 1841, mais xa se empezara a resquebraxar nos anos de entreséculos a efectos dos británicos por mor de toda unha serie de iniciativas. A balanza comercial de pagos era cada vez menos favorable aos asiáticos, xa negativa dende a década dos anos 20.
A chave para comprender isto reside no inicio do dominio británico sobre Bengala, o cal lles permitiu unha nova marxe de manobra para tentar forzar a apertura comercial de China e acadar condicións de intercambio máis equitativas. Púxose en marcha unha estratexia de misións diplomáticas sen resultados, coincidentes as súas datas cos avances británicos na India.
A chave final residiu na estratexia da **Compañía das Indias Orientais** baseada no fomento do cultivo do **opio** a gran escala en Bengala e do comercio ilegal en China aproveitando a tradición portuguesa con fins terapéuticos. Neste rendible negocio, o número de caixas introducidas non deixaba de aumentar: de arredor de 5000 en 1820 a máis de 12000 en 1824.
As presións do mundo dos negocios londinense continuaron pese a todos os avances. En 1834, tras a chegada ao poder do partido *whig*, púxose en marcha unha nova misión diplomática. Fracasada igual que todas as anteriores, tivo incluso un efecto contraproducente. Medios imperiais no ámbito intelectual estenderon a idea de que as orixes da crise chinesa atopábanse no comercio do opio ante a saída masiva de pagos en prata, causante da devaluación da moeda de cobre e por conseguinte, do nivel de vida campesiño.
Neste contexto, chegada a segunda metade dos anos 30 o réxime imperial decidiu dar novos pasos contra o comercio ilegal do opio mediante unha contraofensiva policial. Nun inicio perseguidos os comerciantes chineses, pasado o tempo xa se fixo o propio cos axentes do contrabando británico. Para iso, púxose en marcha o asedio comandado por **Lin Zexu** contra o *bund* das trece factorías en 1839, conxelando así o comercio europeo (con independencia da orixe dos axentes) e obrigando aos británicos a devolver as miles de caixas de opio que tiñan.
Medida completamente estéril, os chineses procederon ao secuestro do terratenente británico. Estes non accederon ás peticións, polo que os axentes imperiais tiveron que recorrer á ameaza de execución deste individuo. Agora si, os británicos accederon e o imperio procedeu á destrución das caixas. Porén, os primeiros non dubidaron en aproveitar a situación para considerar este episodio un verdadeiro *casus belli*.
1.3. A I Guerra do Opio (1839-1841)
Ao instrumentalizar os británicos o incidente do opio como un *casus belli*, este rematou coa derrota de China e a imposición do **Tratado de Paz de Nanjing (1842)**. Punto de inflexión na Historia de China, non foi máis que un ditado que supuxo un xiro de 180 graos ao forzar o final do vello réxime de illamento. Con el, establecíanse as bases do réxime de dominación colonial de tipo indirecto (tamén coñecido como de **Portas Abertas** ao permitir a posibilidade de chegada para outras potencias occidentais). As principais cláusulas do tratado foron:
- **Indemnización de guerra** moi humillante, sen tradición nos tratados de paz europeos e desproporcionada co obxectivo de mudar a autopercepción chinesa e disuadila da tentación de seguir resistindo o comercio do opio. A oposición *tory* escandalizouse e presentou unha moción, mais non saíu adiante por un voto.
- **Cesión territorial** da illa de **Hong Kong** a perpetuidade, sabendo que o dominio da totalidade dos dominios imperiais era inabordable.
- **Apertura de cinco portos**: Cantón, Amoy, Fuzhou, Ningpo e Shanghai.
- **Cláusula de nación máis favorecida**: abría a posibilidade da concesión de privilexios novos a terceiros, mais sempre extensivos á Gran Bretaña.
Ante este contexto, as restantes potencias occidentais impuxeron a China a sinatura de tratados similares baixo a ameaza do emprego da forza, mais non só europeas, senón tamén os Estados Unidos. Coñecidos como **“Tratados Desiguais”**, foron impostos con cláusulas que violaban a soberanía chinesa (só conservada a nivel formal) e ían máis alá do comercial. Feitos todos con cláusulas moi similares, adoitaban coincidir:
- Fortes indemnizacións por choques inducidos aproveitando incidentes.
- Cesións territoriais, en particular a Rusia pola súa veciñanza, nos dominios manchús.
- **Dereito de extraterritorialidade**, eximindo aos occidentais da acción da xustiza chinesa, deixada en mans das autoridades consulares.
- Apertura de novos portos ao comercio, aproveitando os occidentais para controlar os servizos locais chave para os negocios. Os británicos fixeron isto cos servizos aduaneiros e municipais en Shanghai.
- Moderación arancelaria para as importacións.
O efecto base destes tratados integrais foi a veloz desintegración da economía tradicional chinesa. A produción artesanal caeu na ruína ante as facilidades da moderación arancelaria á entrada do occidental e a vella rede de rutas comerciais ficou desarticulada. Organizada dende o entorno de Cantón, a apertura de Shanghai no curso do río Yangze, lugar de emprazamento das cidades coas elites máis poderosas, provocou o grande cambio.
A partir disto, as sociedades secretas experimentaron un crecemento exponencial, tanto en número como en tamaño, agora moi diversificadas socioloxicamente: artesáns, comerciantes, porteiros, banqueiros... Estas acabaron por converterse en amplísimos movementos populares de resistencia ao manchú e pola rexeneración de China, conducindo a levantamentos a gran escala na década dos 50.
De todos eles, o máis importante foi o **Levantamento Taiping (1851-1864)**, auspiciado pola Secta secreta dos “Adoradores de Deus”. Guerra prolongada e moi cruenta, acabou coa vida de arredor de 25 millóns de persoas. O seu obxectivo residía en sacar a China do seu estado de postración destronando aos Qing, considerados culpables do atraso pola seu empeño na política de autocompracencia e illamento, nun momento caracterizado polos emperadores da facción inmobilista e xenófoba: Daoguang (1820-1850) e Xianfeng (1850-1861).
A aposta desta secta explícase pola súa orixe cantonesa, zona máis familiarizada co contacto co mundo occidental a través dos negocios e as misións cristiás. O seu líder era un visionario que se convertera ao cristianismo. Esta apostaba por:
- Estado teocrático e puritano con capital en Nanjing, inspirado nos textos sagrados do cristianismo e coas primeiras comunidades desta relixión como referente.
- Colectivización da propiedade e do traballo.
- Programa de desenvolvismo á occidental promovendo infraestruturas viarias e industria moderna.
Derrotados en 1864, a súa conquista de Beijing non foi posible por mor de motivos meteorolóxicos e estratéxicos que permitiron o rearme das forzas imperiais. Ademais, o aliñamento dos occidentais cos Qing na procura de novos tratados e concesións resultou exitoso pese ás resistencias iniciais do emperador xenófobo Xianfeng, quen nada quería saber dos estranxeiros. Daba comezo a segunda ofensiva colonial (1858-1860).
1.4. A Segunda Ofensiva Colonial e o Movemento de Autofortalecemento (1858-1860)
Imposta entre os finais dos 50 e inicios dos 60, a dinámica de forzamento dos incidentes para recorrer á diplomacia da cañoneira favoreceu o estalido de novas guerras. O **Tratado de Tianjin de 1858** establecía de novo indemnizacións gravosas e cesións territoriais (os ingleses aumentaron o entorno de Hong Kong e os rusos ocuparon a Manchuria ao Norte do río Amur).
Por se fose pouco, legalizouse o comercio do opio, abríronse novos portos e aceptouse a libre circulación de comerciantes no interior e de misioneiros cristiáns. Ademais, as delegacións diplomáticas convertéronse en permanentes.
O certo é que o emperador xenófobo Xianfeng non desexaba cumprir o tratado, polo que puxo en marcha toda unha serie de mecanismos para ignoralo. Como resultado, ingleses e franceses iniciaron unha ofensiva militar exemplarizante, na que tomaron o pazo imperial en Beijing obrigando á familia imperial a fuxir.
O **Tratado de Beijing de 1860** obrigou ao cumprimento do de Tianjin, ademais da inclusión de novas cláusulas. Estes tratados supuxeron un salto cualitativo, pois o réxime de illamento, non só o económico, quedaba superado. Chegados a este punto, comezaba a tomar forma un movemento de presión promovido por sectores de elites mandarinas a prol dunha política de reformas modernizadoras en resposta ao fracaso entón colleitado pola política ultraillacionista do emperador Xianfeng.
Coñecido como **Movemento do Autofortalecemento**, **Li Hongzhang** foi o seu principal representante. Liderado por algún dos máis altos cargos imperiais, contaba co apoio da propia emperatriz **Cixi**. Os seus logros foron moi limitados e sobre todo, moi desequilibrados:
- Primeiras instalacións fabrís modernas, mais centradas na industria asociada á defensa como a siderurxia en Shanghai.
- Primeira liña de navegación moderna, mais sen avances nas infraestruturas terrestres, rexeitando a construción do ferrocarril pese ás ofertas británicas.
Todo isto explícase na extremada moderación do movemento, pois non debemos esquecer o seu conservadorismo a pesar de rexeitar os matices xenófobos. O programa de modernización centrábase basicamente nos sectores naval e militar, considerados as chaves da superioridade de Occidente.
En ningún caso se promoveu un plan de desenvolvismo integral e acelerado que pasase por adaptar as estruturas milenarias chinesas, cousa que si ocorreu no Xapón. Iso favoreceu a saída dos **culís** (aquelas persoas que perderan os seus modos de vida tras a caída do sistema de Cantón).
1.5. A Terceira Ofensiva Colonial: Xapón como Nova Potencia e Referente
Posta en marcha a finais da década dos 90, constituíu unha etapa de expolio aberto co risco real de desintegración territorial de China. As potencias impuxeron ao imperio a concesión de áreas de **“influencia exclusiva”**, é dicir, o dereito a explotar en exclusividade as súas fontes de riqueza natural e estratéxicas. Elixido o emprazamento destas segundo intereses, China correu verdadeiro perigo:
- Francia: suroeste contiguo a Indochina ata Macao.
- Rusia: Manchuria.
- Alemaña: Shandong.
- Inglaterra: Shanghai e de Cantón a Hong Kong.
- Xapón: Fuzhou e Liaodong (fallida).
O seu detonante recaeu na ofensiva promovida por Xapón tras o seu triunfo na guerra polo control de Corea (1894-1895), e en última instancia, no éxito do seu programa modernizador. As razóns do interese xaponés na Península poden resumirse en:
- **Interese xeoestratéxico e económico**, considerado o seu control chave para a independencia e integridade de Xapón. Ademais, a pobreza de recursos naturais da illa debía ser paliada con presenza colonial noutro lugar, formando mercados cativos.
- **Estratexia de influencia** consistente no aproveitamento dos continuos levantamentos contra a dinastía manchú pola vía da intervención militar, na procura de forzar concesións comerciais e de avanzar cara á tutela. O problema residiu na oposición de China, pois Corea sempre fora o seu reino vasalo. O imperio forzou a intervención coordinada, aceptándoa os nipóns para gañar tempo, mais sen renunciar á súa folla de ruta.
Todo iso desembocou na **Guerra chino-xaponesa de 1894**, iniciada coa declaración dos primeiros por incumprimentos. Recollida a súa derrota final no **Tratado de Paz de Shimonoseki (1895)**, este foi deseñado á imaxe dos Desiguais dos Occidentais: indemnización de guerra, renuncia chinesa á influencia sobre Corea (con Xapón libre para seguir avanzando pola senda da tutela), cesións territoriais na área insular (Taiwán e as Illas Pescadores) e control de dúas zonas de influencia exclusiva no continente (Fuzhou, fronte a Taiwán e Liaodong, contigua a Corea e fallida pola ameaza rusa). Así mesmo, os efectos colaterais do tratado poden resumirse en:
- Fortalecemento da influencia das potencias coloniais con áreas exclusivas, ao igual que Xapón.
- Revitalización e radicalización do Movemento de Autofortalecemento agora liderado polo emperador **Guangxu** (1889-1898), quen influído por activistas reformistas formados en Xapón, apostou por un programa de desenvolvismo radical e acelerado.
- **Programa dos Cen Días** (Xuño – Setembro de 1898) inspirado polo expoñente do liberalismo conservador **Kang Youwei** e tomando como referente o exemplo nipón.
- Oposición aos vellos reformistas e o seu acusado moderantismo.
Ante tal situación, a vella emperatriz **Cixi** auspiciou un golpe (Setembro de 1898), temerosa que detrás de todo isto houbese algunha manobra de Xapón para avanzar na tutela de China. Apoiada nas forzas ultraillacionistas, estas promoveron unha campaña de xenofobia a gran escala baseada no fomento dunha ampla rede de sociedades secretas que debían organizarse como forzas paramilitares. O obxectivo non era outro que o alzamento a gran escala contra os colonizadores. Estalaba entón a coñecida como **Revolta Bóxer (1899-1901)**, coas delegacións diplomáticas, as misións e as infraestruturas estratéxicas no seu punto de mira.
A derrota chinesa a mans dunha nova forza internacional en 1901 trouxo consigo a chegada de novas indemnizacións. Ante a situación de bancarrota, as aduanas foron ocupadas polos bancos occidentais para poder asegurarse os pagos. Xa non se forzaron novas cesións territoriais (a excepción de Rusia, quen reclamou o Sur de Manchuria a modo de freo ante Xapón), a fin de evitar a máis que probable partición de China e por ende a destrución total do seu vantaxoso mercado.
A iniciativa para evitar a desintegración de China partiu dunha Gran Bretaña e duns Estados Unidos decididos a facer o necesario para seguir accedendo á totalidade do mercado chinés. Agora si, a emperatriz Cixi accedeu á posta en marcha dun programa modernizador, pero sen convicción e sen case marxe polos problemas sucesorios. A súa morte en 1908 e a do vello emperador Guangxu no mesmo ano colocaba como sucesor a **Pu Yi**, neno de 3 anos de idade.
Esta situación de case baleiro de poder favoreceu a **Revolución Nacionalista Liberal de 1911** comandada polas forzas máis radicais (respecto aos máis conservadores, pero tamén conservadores), a cal puxo fin ao réxime imperial. A proclamación da **Primeira República China** estableceu en Nanjing a súa capital, con **Sun Yat-sen**, líder do Partido **Kuomintang**, á cabeza.