Autores clave da literatura galega contemporánea
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,53 KB
-Manuel Rivas. Xornalista e escritor de grande éxito dentro e fóra das nosas fronteiras, é o escritor galego con máis proxección internacional. A súa extensa produción literaria está formada por libros de poemas, novelas, relatos, teatro, libros de reportaxe e crónicas xornalísticas. Deuse a coñecer coa novela curta: Todo ben. Outras obras destacadas son Os comedores de patacas, En salvaxe compaña, Que me queres, amor?, O lapis do carpinteiro e A man dos paíños. Amosa nas súas obras unha visión irónica e amable de Galicia, que aparece caracterizada como un espazo de síntese entre o mundo rural e o urbano. As notas de humor combínanse coa plasmación dos aspectos máis agres da realidade social do noso país.
-Xosé Luis Méndez Ferrín. Como poeta, iniciouse cun libro de tema existencial na liña da Escola da Tebra, que dá paso nos seguintes a unha poesía civil e reivindicativa. A publicación no 76 de Con pólvora e magnolias inicia unha nova etapa na poesía galega que rompe coa tendencia social-realista dos seguidores de Celso Emilio. No conxunto da súa obra coexisten dúas liñas poéticas esenciais: unha lírica e intimista e outra reivindicativa e concienciadora. Destaca o ton épico, a riqueza das imaxes e a variedade métrica.
-Suso de Toro. Escritor, guionista, colaborador na prensa… a súa obra ten unha gran repercusión na narrativa galega dos últimos anos. Deuse a coñecer con Caixón desastre e Polaroid. Outras obras son Land-Rover, Ambulancia, Tic-Tac, A sombra cazadora, 13 badaladas, Morgun e Home sen nome. No conxunto da súa obra poden sinalarse algunhas características comúns: a presenza de escenarios urbanos e de personaxes marxinais, a ironía ante os discursos do poder e a apertura ás novas linguaxes audiovisuais.
-Uxío Novoneyra. Destaca pola súa poesía paisaxística. Presenta as súas montañas do Courel, unha natureza grandiosa ante a cal o home queda anulado e reducido a un simple punto no espazo. Expresa a súa compenetración e fusión coa natureza. Cultivou a poesía social, a intimista e a erótica. Algunhas das súas obras son Os eidos, Poemas caligráficos e Libro do Courel.
-Manuel María. Tras unha etapa inicial existencialista, dá paso ao paisaxismo e, sobre todo, á poesía social. Ten un notable contido ideolóxico e nela amosa o seu compromiso nacionalista: denuncia o colonialismo que padece Galicia, defende o galego das agresións que sofre… É unha poesía de denuncia e reivindicación. Algunhas das súas obras son Terra chá e Poemas para construír unha patria.
-Alfredo Conde. Destaca pola súa narrativa, que se inicia no 74 co libro de relatos Memento de vivos. Outras obras son Come e bebe que o barco é do amo, Memoria de Noa, Xa cae o grifón no vento, Sempre me matan, Romasanta. Memorias incertas do home lobo e Lukumi. Dedícase tamén ao xornalismo literario: publica unha columna diaria en El Correo Gallego.
-Marilar Alexandre. Adoptou o galego como lingua literaria. É autora dunha extensa obra e recibiu numerosos premios nos ámbitos da narrativa, poesía, tradución e cómic. Algunhas das súas obras son A formiga coxa, A banda sen futuro, Tránsito dos gramáticos, A compañeira clandestina de contrapublicidade e Teoría do caos.
-Xohana Torres. A súa poesía trata temas intimistas e sociais. Unha das súas obras é Tempo de ría. Como narradora escribiu Adeus, María, novela que se encadra dentro da nova narrativa galega. No teatro escribiu Á outra banda do Iberr e Un hotel de 1ª sobre o río.
-Bernardino Graña. Dous grandes temas na súa poesía son a natureza e o amor. Os seus libros Profecía do mar e Non vexo Vigo nin Cangas valéronlle o cualificativo de poeta do mar. Tamén emprega termos mariñeiros e xiros idiomáticos da lingua viva de Cangas. No teatro escribiu Vinte mil pesos de crime e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán.
Literatura actual
Factores:
- Xorden novas editoriais: Xerais, Kalandraka, Ir Indo, Espiral Maior, Laiovento dan un novo pulo á publicación de textos galegos.
- Aumenta o número de libros publicados e de lectores.
- As editoriais diversifican a súa oferta de xéneros e títulos e incorporan traducións.
- Créanse premios literarios que contribúen á difusión de novos autores e obras.
- Podemos coñecer a través de internet a literatura que se está facendo en Galicia, cóntase con editoriais electrónicas, revistas dixitais e servidores de textos de literatura.
- Algúns escritores difunden a súa obra tamén en versión dixital e moitos contan con páxinas persoais: Tucho Calvo, Rafa Villar, Marilar Alexandre, Suso de Toro…
Narrativa actual
Experimentou un gran crecemento nestas últimas décadas. O número de narradores é hoxe considerable. Os que se deran a coñecer nos 60 continúan publicando novos textos: Méndez Ferrín, Casares. Nos 70: Víctor Freixanes, Alfredo Conde, Xavier Alcalá. Nos 80: Manuel Rivas, Suso de Toro, Darío Xohán Cabana, Marina Mayoral. Nos últimos anos: Xosé Miranda, Francisco Alonso, Marilar Alexandre, Santi Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Antón Riveiro Coello, Rosa Aneiros…
Temas abordados: hai que sinalar a variedade existente: novela histórica, realista, de aventuras, de misterio, de terror... Xorden asemade novos subxéneros narrativos: novela policial, de ciencia-ficción, fantástico… narrativa destinada ao público infantil e xuvenil: Fina Casalderrey, Xosé A. Neira Cruz, Agustín Fernández Paz.
Xeración das Festas Minervais
Está formada por escritores nacidos nos 30 e 40, que publican as súas obras nos 50. Características: formación universitaria, monolingües en galego, activo compromiso político.
Teatro da posguerra
O desenvolvemento que o xénero teatral experimentara no primeiro terzo do século XX detense no 36. O longo silencio imposto en Galicia trala guerra civil maniféstase tamén na paralización da actividade dramática. A produción teatral continúa no exilio americano. Coa creación da editorial Galaxia en 1950 vólvese retomar a publicación de textos dramáticos. Desde mediados dos 60 comeza a recuperación deste xénero. Nos 70 aparecen novos grupos; destaca a partir de 1973 a Mostra de Teatro de Ribadavia, que servirá de encontro para autores e grupos. Algúns autores destacados son Blanco Amor, Seoane, Daniel Cortezón, Manuel María, Roberto Vidal Bolaño e Manuel Lourenzo.
Galicia a partir de 1975
Cambios: morte de Franco, réxime democrático, avances no plano político, cultural e literario. No 78 apróbase a constitución, no 81 o estatuto de autonomía. A nosa lingua convértese en idioma oficial e reinicia o seu proceso de normalización; incorpórase progresivamente ao ensino e a outros ámbitos. O galego convértese en obxecto de estudo e investigación filolóxica e continúa o proceso de normativización. No 82 publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, revisadas no 95 e no 03 na chamada normativa de consenso.