Ascenso de China como Potencia: Del Comunismo a la República Popular
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 42,05 KB
Da Revolución Comunista á emerxencia da República Popular China como novo polo de poder.
1. O modelo totalitario da República Popular China e a súa evolución
A República Popular China foi proclamada o 1 de Outubro de 1949 en Beijing. O réxime comunista instaurouse sobre principios totalitarios cun goberno de partido único, caracterizado pola obediencia e sometemento cegos. Institucionalizada a ditadura só dende o ano 1954 mediante a promulgación da I Constitución, atopamos un centralismo baseado en órganos representativos só aclamatorios. Prolongación do reformismo moderado ata dito ano para consolidar os enormes apoios dos territorios xa organizados, procurábase facerse cuns idénticos nos novos recién incorporados e que así a vitoria do PCCh fora incontestable e irreversible.
Os datos que nos permiten falar dunha etapa de transición moderada entre 1949 e 1954 son:
- Na esfera económica: capitalismo de Estado altamente intervencionista. Procedeuse ás nacionalizacións limitadas das empresas estranxeiras e os negocios dos xerarcas do KMT. Ademais, o monopolio do Estado só se aplicou sobre o comercio exterior. Os negocios privados seguiron representando máis da metade da economía.
- Na esfera política: apostouse por un goberno de coalición de amplo espectro que incorporou aos representantes das restantes forzas de esquerda e dos liberais radicais que colaboraran no curso da guerra. Todo elo utilizouse como propaganda para presentar ao novo réxime como unha democracia.
Porén, toda esta moderación foi moi calculada, puramente instrumental, afirmación especialmente visible na esfera política. O organigrama na base do novo réxime foi deseñado e imposto de forma unilateral pola camarilla maoísta, quen coparon os cargos e órganos de poder real. As restantes forzas quedaron relegadas a outros honoríficos, consultivos ou chamados a desaparecer. Ademais, a campaña de propaganda para estender o ideal maoísta foi total. O final da transición moderada chegou ata 1952 coa implantación do I Plan Quinquenal (plano económico) e ata 1954 coa promulgación da I Constitución da República Popular de China (plano político).
Para entender o réxime, cómpre reparar no organigrama do PCCh, cuxo poder debe entenderse en sentido inverso a como quería ser mostrado (característica típica dos réximes totalitarios):
Organigrama do Partido Comunista de China (PCCh):
- O Congreso Nacional: Segundo os estatutos, o máximo órgano de goberno do partido ao estar dotado das prerrogativas máis potentes: reforma dos estatutos e votación dos nomeamentos de alto nivel e dos programas de acción. A súa reunión era un acontecemento de primeira orde. A nivel nacional, utilizaba a propaganda para dar a coñecer os nomeamentos e programas de accións. A nivel internacional, o propio coas derivas e apostas do réxime. Porén na praxe, a realidade era moi distinta. A maioría dos delegados accedían por ser candidatos oficiais, cunha membresía moi mediatizada pola camarilla. En definitiva, estamos ante un órgano meramente aclamatorio.
- Comité Central do PCCh: Estamos ante un escalafón intermedio. Formado polo núcleo duro de fieis da camarilla, referendaban as propostas que viñan do terceiro nivel.
- As instancias de goberno real: O terceiro nivel, en mans da camarilla, encontramos:
- O Politburó: a propia Camarilla in extenso encargada de deseñar a política a seguir e de executala unha vez vetada polo Comité Central.
- Comité Permanente: máximo órgano de goberno do partido dotado de capacidade de mando e decisión. Reunido dúas veces á semana, estaba conformado polo núcleo duro da camarilla e presidido pola máxima instancia do partido.
- A instancia unipersoal: o presidente / secretario xeral. Figura plenipotenciaria ao posuír o rango de caudillo e corresponderlle os máximos cargos das máis altas instancias, tanto do Partido como do Estado e nas esferas tanto civil como militar.
Así mesmo, o organigrama da República Popular China dende 1954 reproduce o anterior. De forma simplificada nas máis altas estancias, fixaba un calendario de actuación rezagado respecto do do Partido. Dende o inicio, outra manifestación da ordenación totalitaria do réxime chinés adoleceu de forma moi extrema das disfuncionalidades propias dos réximes totalitarios:
- Niveis moi extremos de concentración de cargos, e por tanto de acumulación de poder.
- Niveis moi extremos de persoalismo ao provocar que a autoridade inherente aos cargos e institucións en si pasara a ser asumida a título persoal polas figuras investidas.
- Niveis moi extremos de arbitrariedade ao provocar todo iso que as figuras con ese nivel de autoritas remataran por non respectar a normativa do cargo e exerceran o cargo de forma extremadamente arbitraria.
Tendo en conta todo isto, atopamos no seu organigrama:
- Asamblea Nacional Popular: Na teoría a máxima instancia dos poderes do Estado, segundo a Constitución, por ser Gran Parlamento de ámbito nacional. Na práctica, estamos ante un órgano bastante inoperativo polo seu tamaño (sobre 3000 individuos), aclamatorio e sen poder real (os debates non tiñan cabida nas reunións plenarias).
- Comité Permanente da APN: Atendendo ao seu tamaño e funcionamento, órgano propio do nivel intermedio. Encargado de diversas funcións, estaba completamente subordinado ao seguinte nivel.
- Presidente da República: reducido a unha instancia unipersoal. Xefatura de estado plenipotenciaria, recaía no secretario xeral do partido, neste caso, o caudillo. Na práctica, a gobernanza do país quedaba en mans deste e o Comité Permanente do PCCh, é dicir, a súa Camarilla.
A maiores, existía o Consello de Estado presidido polo Primeiro Ministro, esfera puramente administrativa que nin deseñaba, propoñía, decidía ou aprobaba. Órgano con funcións executivas, consistían en desenvolver e executar os programas de acción decididos noutras instancias como por exemplo, os “Plans Quinquenais”.
En suma, a de 1954 foi a Constitución do Maoísmo por excelencia, en vigor ata 1975. Chegado este ano, promulgouse a II Constitución. De tan só 30 artigos, foi ditada pola propia inminencia do relevo de Mao, pois buscaba garantir por vía constitucional a perdurabilidade do seu legado concedendo rango constitucional á súa ideoloxía como guía suprema do PCCh e base do réxime, o mesmo cos cambios radicais acometidos á sombra da Revolución Cultural, pero incorporando axustes novos nas máximas instancias pensados para que os futuros líderes non chegasen nunca a gozar do nivel de poder de Mao. Incluso eliminouse a presidencia en favor do funcionamento máis colexiado.
Con todo, A Constitución de 1975 fracasou coa promulgación en 1979 doutra nova que apostaba pola moderación e que marcou o inicio dunha nova etapa: o postmaoísmo liderado por Deng Xiaoping, convencido absoluto do gradualismo.
Tan pronto conseguiu consolidarse no poder, promulgou a IV Constitución de 1982, a pesares das importantes reformas, en vigor ata o día de hoxe. Con ela, estamos ante lei fundamental da consagración do revisionismo moderado unha vez que culminou o gradual desprazamento dos vellos radicais maoístas. Aínda que na esfera económico – social estivo moi centrada nas transformacións de tránsito á economía de mercado no marco dun capitalismo de Estado, na política foi a máis próxima á de 1954 co obxectivo final de apuntalar o réxime totalitario, pois entre outros:
- Reintroduciu a figura do presidente que eliminara a Constitución de 1975, pero incorporando un sistema de pesos e contrapesos pensado para evitar as vellas acumulacións de cargos e poder.
- Apuntalou a ditadura totalitaria do PCCh pero nun sentido distinto ao maoísta.
- En definitiva, fíxoa máis asumible a nivel político e social con medidas que limitaron a acumulación de poder por norma xeral e en especial no líder para rebaixar as disfuncionalidades totalitarias e as súas consecuencias:
- Acabar coa dinámica de abusos extremos de poder que provocaran sufrimentos tan colosais como os inflixidos durante a “Revolución Cultural” (1966-1972).
- Poder acadar os niveis de “seguridade xurídica” precisos para unha boa marcha dos negocios, e por tanto, facer realidade o desarrollismo que se perseguía.
Así mesmo, resultou fundamental por en marcha un mecanismo sucesorio que fose capaz de garantir relevos pacíficos, baseado en:
- Principio da xeración ou relevo xeracional: Os mandatarios quedaban limitados a mandatos de 5 anos cun máximo de 2 ocasións.
- Principio da sucesión consensuada: Tanto no líder como nos máximos cargos pola vía do pacto entre o primeiro e membros das vellas xeracións nun tempo e prazos moi estritos. A maiores, asegurábase a presenza de seguidores das dúas faccións existentes no seo do Partido (a coñecida como Dos Príncipes e a de Shanghai).
- Principio da promoción pública e gradual: Acordo sobre a composición da xeración sucesoria no curso do I Mandato da Xeración no poder e conseguinte oficialización pública a través da votación dos seus membros para ocupar os cargos. Así mesmo, na culminación do II Mandato procedíase á votación para nomear os máximos cargos.
Dende este momento, pasouse a referir aos gobernantes chineses en termos de xeracións de mandatarios (contando como unha única xeración o período de Mao e do seu sucesor caído). Xi Jinping foi o responsable da ruptura deste mecanismo. Nestes momentos no seu terceiro mandato, en 2018 procedeu á reforma constitucional en vez de anunciar a seguinte xeración.
2. A cuestión das minorías na República Popular de China
Mao tardou en ser consciente da importancia que ían ter as minorías na República Popular. Porén, o seu papel xogado na Longa Marcha permitiulle abrir os ollos, pois o seu apoio resultaba chave para o triunfo en todo o territorio. A inmensa maioría destas vivían en rexións xigantescas da periferia que ademais eran fronteirizas. Neles, as minorías adoitaban ser maiorías, mantendo estreitos vencellos cos pobos aledaños. Tendo en conta todas estas características, non resultaría estraño que no caso de non simpatizar co réxime comunista, apostasen pola secesión sendo que lles resultaría fácil contar co apoio dos veciños.
Para tentar evitalo, Mao adquiriu importantes compromisos coas minorías a cambio do seu apoio: dereito de autodeterminación e promesa de réxime de autonomía para atender a demanda do autogoberno asociado ao seu particularismo.
Tras a proclamación da RPCh, o certo é que Mao mostrouse moi reacio a dar cumprimento aos seus compromisos e a respectar a realidade diferencial das minorías. A súa folla de ruta consistía en establecer en todos os territorios o seu modelo sen concesións. Nun primeiro momento, apostou pola coñecida como etapa de transición moderada baseada en:
- Evitar recoñecer o dereito de autodeterminación, utilizando o argumento de ser asunto da Constitución en preparación.
- Réxime de Autonomía si, pero autogoberno puramente formal. O forte control do goberno central impedía a representación local.
- Programa de rexistro e estudo moi rigoroso das minorías, orientado a por en marcha programas de aculturamento que permitiran ir diluíndo a realidade diferencial deses territorios. Entre tanto, puxo en marcha a I Campaña a prol da fusión étnica, centrada no fomento de matrimonios etnicamente mixtos (mestizaxe) con vistas a ir avanzando na aculturación e no retroceso demográfico.
Chegada a Constitución de 1954, non se observaron practicamente cambios. O dereito á autodeterminación non foi recoñecido e o réxime de autonomía mantívose invariable. E máis, co paso do tempo, os únicos promovidos foron os orientados en avanzar na aculturación. A estratexia central consistiu en aproveitar os episodios de radicalización xeral do réxime e revolución para impulsar programas de aculturación xa forzosa e cada vez máis duros no marco do “Gran Salto Adiante” en 1958:
- Campaña de propaganda socializando ás masas na idea da “unidade nacional” que conformaban os pobos de China e do deber das minorías de asimilarse á cultura Han, en tanto que superior.
- Campaña moi agresiva de acoso e derrubo contra os rasgos culturais e prácticas sociais diferenciais das minorías: lingua, relixión, vestimenta, rituais e costumes maritais, etc.
- Chamada ás masas á colaborar co goberno pola vía da delación na persecución dos individuos e comunidades resistentes, facendo valer que eran secesionistas e contra-revolucionarios encubertos.
Todo elo conduciu á desafección crecente das minorías, dende agora instaladas en dinámicas de resistencia pasiva. As comunidades con maior tradición combativa (Xinjiang e Tíbet), empezaron a protagonizar episodios de sublevación xa aberta. As máximas violacións acometéronse baixo a acción da “Revolución Cultural” (1966) aproveitando a campaña contra os “catro vellos”: cultura, ideas, costumes e hábitos.
Este endurecemento extremo do antagonismo racial e cultural persistiu no tempo ata a chegada ao poder de Deng Xiaoping, quen deu inicio a unha era de tolerancia cultural e relixiosa dende a promulgación da Constitución de 1982:
- Capacidade legal para promover a adaptación da normativa xeral á súa realidade cultural e relixiosa.
- Medidas de fomento da cultura e linguas autóctonas das Minorías.
- Políticas de discriminación positiva en ámbitos moi diversos: facilidades e cuotas para acceder á universidade ou á administración e outros empregos.
- Privilexios en materia demográfica: poder ter máis dun fillo.
Os seus efectos poden resumirse no rexurdir das minorías e a súa pacificación:
- Revitalización de rasgos diferenciais e tradicións: lingua manchú (case desaparecida), culto a Gengis Khan, etc.
- Revitalización dos vencellos cos grupos transfronteirizos.
- Taxa de crecemento demográfico superior ó da poboación Han, animado tamén pola tendencia a rexistrar os fillos de parellas mixtas nas minorías.
- Pacificación notable, aínda que non xeral, axudada tamén polo Plan de fomento “moderado” do turismo e desenvolvemento económico e creación de riqueza.
O final da tolerancia e convivencia pacíficas baseouse no retorno á aculturación dende o cambio de século. A crise de Tiananmen (1989) xogou un papel chave no clima de endurecemento político de réxime. Dito final viu da man da IV Xeración de mandatarios con Hu Jintao á cabeza, quen retornou ás vellas políticas de aculturación forzada. Neste contexto, os pobos de maior tradición combativa voltaron á loita aberta, principalmente uigures, tibetanos, kazakos e mongoles.
Unha das armas principais deste xiro consistiu na utilización perversa que se fixo neses territorios do programa de fomento do seu desenvolvemento económico. Hu Jintao apostou por virar cara unha política agresiva de desenvolvemento acelerado nos territorios das minorías, pensando en enfeblecer ata o límite por esa vía a súa idiosincrasia, o seu peso demográfico nos seus territorios e finalmente, tamén a súa capacidade de resistencia.
Para enfeblecer a idiosincrasia das minorías, contábase co efecto disolvente que por sistema ten sobre a tradición o materialismo rampante que desata o desarrollismo salvaxe. No tocante ao seu peso demográfico, orquestrouse unha de campaña/propaganda a gran escala sobre as novas oportunidades de emprego e de promoción para desatar unha oleada masiva de emigración Han cara esas terras. E por último para afogar súa capacidade de resistencia, fíxose por deixalas á marxe das novas oportunidades e por tanto nunha posición de marxinalidade, dando consignas ás empresas de empregar e promover a Hans.
3. As reformas no ámbito económico
3.1. A reforma agraria da transición moderada
A I Lei de Reforma Agraria foi promulgada con urxencia en 1950 xa a nivel de todo o Estado. Aplicada con gran celeridade e de forma acelerada, elo explica os seus bos resultados á altura de 1952. Xa en marcha en todos os territorios, incluídos os das minorías, atopábase moi ben encamiñada sendo que xa cambiaran de mans en torno a uns 46 millóns de hectáreas.
Esta lei reproducía o modelo da de Kiangsi, é dicir, era só tendencialmente radical con elementos de moderación. Caracterizada pola expropiación en favor do campesiñado pobre, limitouse ao arrebatamento de terras aos terratenentes. A salvo as propiedades do campesiñado acomodado, incluso respectou as non agrarias e os negocios dos máis ricos.
Cabe preguntarse como puido ser que a lei tivera tanto alcance, nun período de tempo tan curto sendo que tiña unha compoñente de moderación. Grazas ás condicións da súa aplicación, pensadas para facer posible unha aplicación radical capaz de garantir uns resultados superiores aos que sería de esperar atendendo a moderación do texto.
A estratexia de aplicación consistiu no acompañamento da reforma agraria dunha campaña de propaganda consistente en facer valer entre o campesiñado a idea de que o principio moral da “virtude” era o motor da revolución, e por conseguinte, o imperativo de base sobre o que había que construír a futura nova orde. Todo isto supoñía que as estruturas e dinámicas sociais non en consonancia coa virtude terían que ser radicalmente reformadas ou mesmo erradicadas, e que os individuos cun modo de vida tampouco acorde sometidos a procesos de reeducación que pasaban por algún grao de castigo.
Chegados a este punto, cabe preguntarse cales eran as condicións que se buscaban xerar por esta vía:
- A concienciación das masas en termos de xustiza social e máis especificamente no seu adoutrinamento no maoísmo para lograr o aliñamento coas consignas do Partido e a partir aí, a súa colaboración na aplicación dos plans de reforma.
- A anulación social dos sectores dos “vellos explotadores” e ricos privándoos do halo de respectabilidade social do que gozaran, a fin de que as masas se “decidiran” a actuar contra eles mesmo de forma organizada.
- Sometemento dos “vellos explotadores” e ricos por dita vía ata o nivel de intimidación preciso para lograr que asumiran, ademais das reformas moderadas en curso, outras máis radicais que Mao pretendía promover no curto prazo.
O éxito da campaña foi notorio, patente ademais de no alcance da reforma agraria, na dinámica de mobilización na que entraron de inmediato as masas conforme ás consignas. Parte do campesiñado pobre organizou “reunións de acusación” contra os “vellos explotadores”, as cales ían seguidas da celebración de xuízos sumarísimos a cargo de tribunais populares organizados a nivel de distrito. Todo elo sempre debidamente escenografiado ante auditorios de masas a fin de seguir avanzando na súa maoización, á vez que na intimidación dos sectores tradicionalmente poderosos.
Cómpre remarcar tres ideas dende este momento:
- Campaña de propaganda e a reforma agraria como dous fenómenos que se retroalimentaron con grande éxito. Isto explícase grazas a que a primeira amplificou a incidencia da segunda, radicalizando a súa aplicación. Así mesmo, esta última proporcionoulle ao maoísmo a causa social potente que precisaba para acelerar a adhesión das masas, pensada para lograr a súa inmediata disposición a emprender a loita organizada violenta en nome do imperativo de virtude, e por tanto, a xerar o clima de terror que buscaba Mao para facilitar un tránsito veloz e exitoso ao seu programa de reformas radicais.
- Etapa de transición moderada máis aparente que real, afirmación corroborada a través da campaña de propaganda e a aplicación radical da reforma agraria; tanto no plano económico-social, e non so no mundo rural, senón tamén no entorno urbano.
- Extensión da estratexia da radicalización violenta tamén ao mundo urbano, só que algún tempo despois do mundo rural (dende febreiro de 1951). Estamos ante o paso preparatorio para a implantación do I Plan Quinquenal caracterizado polo salto ao reformismo radical que se buscaba:
- Primeira campaña de arrestos masivos e procesos sumarísimos ante auditorios multitudinarios, a cargo de “Comités para o Exterminio de Contrarrevolucionarios”.
- Recurso masivo á prensa por parte do réxime para lograr a colaboración das masas, a fin de dar ao fenómeno a dimensión masiva que se perseguía. Coa prensa volcada nos relatos sobre abusos extremos para desatar a indignación popular e incitar ao castigo organizado, chegáronse a instruír titorías sobre como identificar os contrarrevolucionarios e organizar os procesos.
- Promoveuse intensamente a práctica da delación anónima contra os inimigos do réxime.
Dende 1952 a campaña incluso foi endurecida en paralelo á implantación do I Plan Quinquenal, en tanto que centrado este xa no desmantelamento da economía de mercado e da propiedade privada. Coa finalidade de acabar de aniquilar as posibles resistencias socias á escalada radical, a campaña pasou a dirixirse xa contra simples “sospeitosos” de non simpatizar co réxime pola súa posición económico - social, dedicación profesional ou modo de vida.
Máis concretamente, a campaña centrouse nos sectores considerados responsables dos tres grandes males que foran os causantes da postración de China dende o século XIX. Coñecida así como a campaña dos “Tres Antis” e da “Caza dos Tigres”, foron perseguidos vellos burócratas, burguesía industrial e burguesía mercantil.
Considerados culpables da corrupción, de colaboración co estranxeiro e explotación, foron sometidos a xuízos sumarísimos organizados por grupos segundo os delitos imputados con sentenzas igualmente colectivas, e todo de novo escenografiado ante auditorios masivos intimidatorios. A campaña e o novo reformismo radical acabaron por facer que gran parte da burguesía fuxira cara Hong Kong, Taiwán e o SE Asiático.
3.2. O I Plan Quinquenal
Orientado xa a desmantelar a economía de libre mercado, elo significaba avanzar no Monopolio do Estado sobre o comercio xa interior, a abolición da propiedade privada e a colectivización dos recursos e traballo en “Cooperativas Semisocialistas”. Dende 1956, Mao tentaría volver a escalar na radicalización coa substitución das Cooperativas Semisocialistas polas “Socialistas”, carentes xa de toda autonomía e co campesiñado como mero asalariado.
O I Plan foi elaborado co asesoramento e axuda dos soviéticos mediante a réplica das súas bases:
- Planificación centralizada, con obxectivos comúns a escala nacional e execución coordinada.
- Planificación científica, dirixida por persoal técnico e con criterios para fixar obxectivos e prazos.
- Gradualismo orientado ao desarrollismo razonablemente acelerado, é dicir, avance gradual por sectores segundo a prioridade que se lles concedía. Igual que na URSS, apostouse por priorizar o da industria (e dar primacía así ao desenvolvemento do sector da industria pesada).
O certo é que este era un plan viable e asumible, en tanto que realista nos obxectivos ao basearse na aplicación de criterios científicos. Porén, non se atopaba en consonancia cos delirios de Mao que levaron ao país a desastres de dimensións colosais:
- Obsesión por queimar as etapas polas que China debía pasar na implantación do seu modelo superior de orde comunista no acceso ao estadio de país avanzado. O ditador buscou acortar ata o extremo os prazos nos que conseguir esas metas hiperacelerando os ritmos da reforma e do desenvolvemento.
- Obsesión por desprazar á URSS como referente a nivel mundial, superando canto antes o seu nivel de desenvolvemento e o seu modelo de ordenación socialista.
As chaves de Mao para poder acometer ese dobre “Gran Salto” pasaban por apostar por un reformismo en extremo radical e acelerar a súa implementación. Xusto estas características definen as do II Plan Quinquenal, publicitado por elo como o “Gran Salto cara Adiante” chamado a facer que China se posicionara como referente.
Todos estes factores explican que, antes de que rematara o I Plan Quinquenal, Mao apostase por dar un paso máis pretendendo substituír as Cooperativas Semisocialistas por Socialistas ou Superiores. Concibidas como paso previo ao ideal de comuna, pretendía promover no marco do II Plan Quinquenal o superamento a URSS e acadar incluso o nivel de riqueza de Gran Bretaña en tan só 15 anos.
Este paquete de propostas de 1956 foron denominadas como “O Pequeno Gran Salto”, consistentes en extremar a colectivización agraria para dotar ao II Plan das condicións necesarias para garantir a viabilidade do Gran Salto, tanto na mellora da capacidade económica do país como na implantación do modelo ideal seu de sociedade comunista.
A partires de aquí, saltou o enfrontamento co sector máis moderado da camarilla. Partidarios do reformismo moderado e máis do desenvolvemento gradual con criterios científicos e unitarios, rexeitaron a nova proposta maoísta calcificándoa como exemplo de “Avance Temerario”.
Esta tendencia logrou imporse no VIII Congreso (1956) aproveitando o revisionismo desestalinizador en auxe na URSS. A denuncia no Informe de Jruschov do caudillismo, políticas e métodos extremos de Stalin, e moi en particular a súa política de colectivización agraria, resultou fundamental. A hábil utilización que fixeron desta baza e das resistencias campesiñas permitíronlle forzar a substitución do liderazgo caudillista pola autoridade colectiva, logrando mesmo suprimir nos estatutos toda referencia ao pensamento de Mao.
Porén isto non foi máis que unha vitoria pírrica. Mao conseguiu volver ao poder uns meses despois aproveitando as novas derivas dos soviéticos, concretamente o novo programa de acción económica de Jruschov, presentado con motivo dos actos do 40 Aniversario da URSS (1957). Plan de desarrollismo acelerado pensado para alcanzar en breve a USA en termos de riqueza e produción, parecía nalgunha medida un trasunto do seu proxecto de Gran Salto, tanto no ritmo buscado, como nas solucións das que se valía:
- Desprezo polo criterio científico de economistas e técnicos da alta administración, por este motivo desprazados a un segundo plano.
- Defensa da descentralización económica fronte á dinámica da planificación e coordinación centralizada.
- Apoio nos Consellos Económicos Rexionais de nova creación supervisados pola rede de lacaios locais desexosos de medrar.
- Recurso ás charlas polas zonas do rural.
Os efectos da radicalización da colectivización do I Plan poden resumirse en:
- Fortes resistencias entre o campesiñado: Sacrificio da cabana gandeira e redución da superficie cultivada.
- Resultados na agricultura considerados insuficientes: crecemento anual medio do 4,5%, moi inferior ao industrial.
- Pobres resultados que foron utilizados para argumentar en favor das solucións radicais ideadas para o II Plan Quinquenal.
Chegados a este punto, Mao mesmo acabou prohibindo o emprego da expresión “oposición ao avance temerario” utilizando o argumento de que “calquera oposición conduciría ao desánimo”, e que “o desánimo de 600 millóns de persoas constituiría un desastre”.
3.3. O II Plan Quinquenal
O II Plan Quinquenal non foi máis que un plan baseado nun modelo de planificación novo e específico da RPCh, pensado para facer posible o “Gran Salto”. Concebido para substituír as estratexias na base da planificación soviética por pautas novas máis eficientes polo seu suposto potencial superior, atopamos:
- Desarrollismo integral sen renunciar a ningún ámbito industrial de ámbito urbano, pero tamén de ámbito rural e agrario. O lema oficial foi “Camiñar sobre os dous pes”, identificando o modelo soviético como coxo.
- Non renunciar a ningunha modalidade de produción, promovendo igualmente a máis rudimentaria e artesanal alí onde por falta de recursos non fose posible aínda a moderna co fin de poder incrementar o máximo a capacidade produtiva.
- Sacar o máximo partido á forza demográfica chinesa concienciando á poboación sobre a enorme capacidade de crecemento do país, poñendo a traballar ao maior número posible de cidadáns a un ritmo o máis intenso e durante xornadas o máis longas posible. De facelo así, a RPCh. sería capaz de acadar o nivel de produción de Gran Bretaña en 15 anos.
- Abandono da política de contención demográfica promovida para adaptar a poboación aos recursos.
- Renuncia á planificación científica e centralizada para dar renda solta á iniciativa local, tanto das autoridades como da súa poboación e poder dese modo explotar a gran escala o voluntarismo popular.
- Fomento do voluntarismo extremo buscando manter alto o ánimo e ritmo nos lugares de traballo, apostando pola ambientación con música marcial, así como polo despegue de símbolos e eslóganes revolucionarios e fomento da competencia entre comunas (encontros e concursos).
- Organización do campesiñado en comunas xigantescas conformadas por unhas 5.000 familias coa finalidade de que o rural fora capaz de abordar os megaproxectos de desarrollismo integral necesarios para dar o salto ao estadio da modernidade. Desta maneira, incrementaríase ao máximo a capacidade produtiva e mesmo cubriríanse todas as súas necesidades.
A outra chave residía na organización marcial da man de obra en exércitos de traballo especializados nunha determinada batalla de produción ou macroproxecto. Tendeuse por tanto a reforzar ao máximo os proxectos de infraestruturas a costa das tarefas do campo, que quedaron a cargo das mulleres:
- Grandes obras de reforestación e de irrigación para mellorar os rendementos agrarios.
- Grandes obras de electrificación para avanzar na mecanización da agricultura igual que da produción manufactureira do rural en xeral.
- Proxectos de desenvolvemento fabril que permitisen ao rural gañar en autosuficiencia nese ámbito.
- Grandes obras de infraestruturas viarias coas que poder avanzar na integración de mercado interior.
Por outra banda, as comunas e a súa marcialidade respondía tamén a un transfondo político. Nun prazo récord, buscábase culminar a implantación dun modelo superior de sociedade comunista en tanto que capaz de facer posible que na RPCh. acadáranse uns niveis de igualitarismo e uniformación social superiores aos da experiencia soviética.
Entre outros, buscábase erradicar as reminiscencias socio-culturais da vella orde, igual que as instancias reprodutoras desa mentalidade e valores. Como adiantamos, Mao consideraba a macro-comuna o marco ideal para erradicar as vellas inercias socio-culturais, ao igual que as instancias que as promovían dende a base:
- A superior consideración social que seguían mantendo unhas ocupacións profesionais respecto doutras.
- A cultura confuciana, cos valores sociais, dinámicas e costumes desa ascendencia. O PCCh. quedaba como referente único de autoridade, como na vertente máis social do ideal de sociedade comunista igualitaria.
- A familia como marco de autoridade e de ordenación social de base, e por tanto, como transmisora da vella cultura e prácticas sociais asociadas ao confucianismo.
A macro-comuna permitía dotar á macro-comunidade dos servicios colectivos precisos para substituír os coidados familiares, e por esa vía, diluír os lazos afectivos e de autoridade nos que se baseaba a formación dos vástagos nos vellos valores e costumes. Ademais, permitía igualmente organizar os exércitos de traballo conforme a criterios de xénero, útiles para facilitar a liberación das mulleres do sometemento aínda máis extremo no que estaban á autoridade patriarcal.
Os resultados finais do “Grande Salto cara Diante” foron un desastre de dimensións colosais no plano económico, ambiental e humanitario. Segundo os cálculos realizados pola historiografía clásica, o afundimento da produción agraria teríase saldado con 20 millóns de mortos nos coñecidos como Tres Anos Negros (1958-1961). Así mesmo, 10 millóns máis terían caído no denominado como ano da Gran Fame (1961-1962).
Os estudos máis recentes aproximan os seus cálculos a cifras máis severas, de entre 43-46 millóns de vítimas. A taxa de mortandade elevouse dende o 1% ata o 4,7% no ano 1959, e ao 5,4% en 1960, aínda que non soamente por causa do alcance da hambruna, en parte tamén polas condicións de traballo e vida que as autoridades locais impuxeron para acadar os obxectivos.
A causa do sucedido denominouse como aceleración “reflexiva” dos ritmos de produción, baseada en:
- Que a dispoñibilidade dos insumos necesarios para a produción fora á súa vez suficiente para poder manter o ritmo de produción: materias primas (deforestación), enerxía, maquinaria e recambios.
- Que a capacidade de transporte fora á súa vez tamén suficiente para poder sacar o producido ao mercado, sobre todo o perecedoiro.
- E a utilidade do producido tanto en termos de demanda como de calidade do producido.
Exemplos máximos do delirio de Mao foron as dúas batallas irreflexivas para a produción masiva de aceiro e máis de cereais e abono, as cales o propio líder encargouse persoalmente de por en marcha popularizando con esa finalidade o famoso eslogan oficial: “Con aceiro e cereais todo é posible”.
Con respecto á primeira, cantidades inxentes de aceiro ficaron absolutamente inservibles ao ser producidas pola poboación en fornos rudimentarios e tras queimar recursos sen control. Por se fose pouco, os moitos traballadores abandonaron as súas ocupacións habituais, mesmo a man de obra máis cualificada como o persoal médico.
Para a segunda, a poboación viuse forzada a producir abono tamén dun xeito rudimentario, seguindo titoriais da prensa ou consignas de capataces e autoridades das comunas. O obxectivo residía en aumentar os niveis de produción pero sen aplicar un proceder científico. Ademais, o campesiñado foi obrigado a seguir prácticas agrarias que ían máis alá da sabedoría da experiencia, á vez que coa man de obra xa moi centrada nas mulleres.
Todo elo provocou que a campaña agraria de 1959 fose absolutamente ruinosa. Exemplo destas prácticas foi a aposta pola alta concentración de sementes, plantadas moi xuntiñas seguindo outro eslogan de Mao.
O problema de fondo de toda esta dinámica residía na idiosincrasia propia das ditaduras totalitarias, caracterizadas polo culto cego á figura do Caudillo, concibido como unha figura cuasi – infalible. Ademais, o recurso a dogmas simplificadores ignorantes da complexidade que sempre encerra a realidade foi habitual para así poder facela críbel, ao igual que a ditadura de Partido Único. A libre opinión crítica disidente era percibida como inadmisible, mesmo como delito e dende o odio, á vez que se instrumentalizada a opinión pública como arma persecutoria.
O resultado de todo isto foi a formación de aparatos e colectivos sociais en xeral atrofiados, os cales ante a falta de liberdade e os riscos do seu exercicio, apostaron por colaborar. Contribuíndo así a experiencias absurdas, estas acabaron voltándose contra a propia poboación. Todo elo conduciu a:
- Purgas dos críticos e non colaboradores, con independencia de que non mediaran criterios políticos.
- Promoción dos alienados e incondicionais dispostos a apoiar cegamente as consignas políticas do líder.
- Auxe conseguinte de figuras duras e sen escrúpulos a costa das figuras non dispostas a ignorar a realidade. De feito, unha parte das vítimas do Grande Salto non o foron simplemente pola fame, senón tamén polos excesos das autoridades locais no seu afán por cumprir cos obxectivos desmesurados, ben por medo ás represalias, ben por puro afán de medrar.
Con todo, o certo é que Mao foi a quintaesencia desta dinámica totalitaria:
- Pola súa idiosincrasia voluntarista e idealista ata o extremo, que acabou por convertilo nun visionario moi dado a ignorar a realidade.
- Pola máxima confuciana que tanto fixo valer de que ao ser humano debía bastarlle coa virtude.
- Por ser un home do vello mundo que se sentía máis cómodo loitando contra o vello dende o vello.
- Pola súa aversión ao saber especializado e á autoridade científica, sendo que o xuízo de técnicos e expertos supoñía un desafío potencial ao seu criterio e autoridade que non podía permitirse.
- Pola súa idiosincrasia altamente caudillista, patente na súa aposta polo culto á personalidade e conseguinte oposición ao modelo dun liderado máis colectivo.
Para acabar de entender todo isto, cómpre reparar nas premisas de Mao na base do seu programa de acción radical:
- Que a forza de China a efectos da revolución residía na súa miseria extrema.
- Que o fervor revolucionario sería suficiente para superar calquera obstáculo, máxime tratándose dunha sociedade de valores confucianos.
- Que a sociedade chinesa liberada era como unha páxina en branco no sentido de que ía poder acometer dun xeito máis fácil e radical o proxecto revolucionario.
- Que a forza creativa e o inxeño asociados á sabedoría acumulada polo pobo chino (civilización milenaria) permitiríalle ser capaz de reemprazar os medios científicos e técnicos.
O fracaso forzou a retirada de Mao da presidencia facilitando o control posterior por parte dos sectores moderados da camarilla baixo o liderado de Liu Shaoqi dende a Presidencia da República.
4. A rectificación da Restauración Moderada (1961-1966)
A dimensión do desastre do “Salto cara Adiante” fixo inevitable a rectificación por parte do sector moderado dende 1960/1961. As súas consecuencias políticas xa empezaran mesmo na Conferencia de Shanghai en Marzo de 1959, cando Mao procedeu a retirarse da primeira liña da política nomeando para a xefatura do estado a Liu Shaoqi. A decisión de Shanghai foi unha manobra calculada coa que o líder buscaba salvar o seu legado e caudillaxe utilizando a dita figura por ser quen controlaba o partido.
Cabe preguntarse por que xustamente na Conferencia de Shangai, isto é polo ambiente de reprobación que se viña xestando e que anunciaba un risco real de crítica directa. O certo é que esta xa quixo abrirse paso na Conferencia de Lushun (ese mesmo verán), o cal rematou na purga ordenada por Mao no propio contexto da reunión.
Aínda que nunha posición cada vez máis feble, Mao logrou evitar pasar a ser un cadáver político de modo transitorio. O sucedido na Conferencia de Lushun deixárao baixo unha grande dependencia de Liu Shoaqui, quen acabou empoderándose en detrimento do ditador. Daba inicio a restauración moderada coa rectificación dende 1960. Algún dos reaxustes na base do seu programa foron:
- Restablecemento das políticas de control demográfico mediante campañas de esterilizacións e aborto, mais con prudencia e cunha preferencia pola “castidade organizada”.
- Directivas técnicas asumiron nos distintos centros de produción.
- Retorno ao modelo soviético de planificación científica e centralizada.
- Obxectivos económicos realistas fixados mediante taxas de crecemento e tempos requeridos polos proxectos e cun nivel de esforzo asumible pola poboación.
- Aposta por estímulos materiais en lugar do voluntarismo, mesmo asociados ao recoñecemento dalgúns dereitos laborais: primas á produtividade, pago de horas extras e xornadas limitadas.
- Fomento da industria lixeira ou de bens de consumo, ignoradas por Mao ao ver nelas un obstáculo para o igualitarismo uniformizador e considerándoas un luxo non apto para un país tan pobre como China.
- Continuidade no fomento dos sectores modernizadores do campo: abonos, pesticidas, utillaxe moderno... A agricultura pasou a ser a principal beneficiaria no curso dese período das inversións económicas realizadas polo réxime.
- As brigadas de produción substituíron ás macrocomunas próximas ás cooperativas do Primeiro Plan, tanto nas súas dimensións como tamén no réxime de xestión.
- Incentivos para lograr a colaboración campesiña, tanto colectivos como individuais. As brigadas acadaron certo nivel de autonomía na xestión dos cultivos, con cotas de produción segundo o número e tamaño das familias. Á súa vez, estas foron autorizadas á cría de animais e cultivo de parcelas para consumo propio e mesmo á súa comercialización nos novos mercados libres.
O xiro moderado saldouse cun rotundo éxito que fixo que o bloque maoísta acabara perdendo os seus apoios no PCCh. Elo conduciu ao golpe que Mao logrou activar en 1966 da man da Revolución Cultural tras outros ensaios fallidos. A clave da capacidade de maniobra que mantivo o líder, aínda que fose con grandes dificultades, foi que a facción moderada acabara dando marcha atrás en 1961 nun plan para acabar de defenestralo.
O dossier preparado para acreditar o desastre do Grande Salto co fin de utilizalo na Conferencia dos Sete Mil (xaneiro de 1962) para promover a reprobación oficial da figura de Mao como promotor do II Plan Quinquenal non foi finalmente utilizado na súa contra, senón que Liu decidiu usalo para reprobar a Zhou Enlai e ás autoridades locais polo sucedido, quen enganaran ao líder.
Mao puido quedar así politicamente vivo e, sendo xa sabedor do pretendido, decidiu emprender o golpe que lle permitiu restablecer coa súa caudillaxe tamén á solución radical.