As Vangardas na Literatura Galega: Xeración do 25 e os seus Ismos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,84 KB

As Vangardas

Nas primeiras décadas do século XX xorden en Europa diversos movementos artísticos que pretenden unha renovación total da arte: as vangardas.

Estes movementos teñen en común a ruptura coa tradición literaria e a procura de novos camiños expresivos. Comparten as seguintes características:

  • Actitude romántica e antisentimental.
  • Defensa da total liberdade creativa e reivindicación da súa independencia e orixinalidade.
  • Defensa da arte pola arte: renuncia a calquera finalidade exterior ao propio discurso artístico, procura da arte pura.
  • Renovación da linguaxe literaria (cultivo do verso libre, eliminación dos signos de puntuación, novas funcións de imaxes e metáforas...).

Entre estas correntes ou ismos destacan: futurismo, cubismo, dadaísmo, surrealismo, etc. Todos eles difunden as súas propostas renovadoras a través de manifestos.

A Xeración do 25

Nos anos vinte e trinta xorde en Galicia un grupo de escritores, nados arredor de 1900, que leva a cabo a renovación da poesía galega mediante a incorporación das novidades das vangardas literarias europeas. Constitúen a Xeración do 25, tamén chamada Xeración do 22 ou Xeración das Vangardas.

Manteñen estreitas relacións cos compoñentes das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. Participaron na creación do Seminario de Estudos Galegos e na formación do Partido Galeguista. Neles conflúen as novidades vangardistas coa conciencia nacionalista.

Empregaron como medios de expresión os órganos periodísticos do momento (revista Nós, A Nosa Terra) e publicaron revistas literarias de creación propia, entre as que destacan: Alfar (A Coruña, 1920-27; Montevideo, 1927-29), Ronsel (Lugo, 1924), Cristal (Pontevedra, 1932-33), Resol (Santiago, 1932-36), Yunque (Lugo, 1932), Papel de color (Mondoñedo, 1933-35), nas que difunden os seus versos e, ao tempo, dan a coñecer entre nós aos principais representantes da vangarda española e mundial: Lorca, Picasso, Dalí, Borges, André Breton...

A Poesía de Vangarda en Galicia

As vangardas galegas centráronse fundamentalmente na poesía. Podemos agrupar as diversas correntes poéticas deste momento en dúas grandes liñas:

  • Vangarda que fusiona tradición e innovación: A que, sen romper totalmente coa tradición literaria autóctona, renova a poesía galega mediante a asunción de certos presupostos vangardistas. É dicir, correntes que funden a tradición coa vangarda. Inclúense aquí dous ismos netamente galegos: o hilozoísmo e o neotrobadorismo.
  • Vangarda plena: A que rompe totalmente coa tradición literaria galega e segue o camiño marcado polas literaturas vangardistas europeas. Esta liña de vangarda plena corresponde principalmente co creacionismo.

Hilozoísmo

O hilozoísmo, animismo ou imaxinismo ten como tema principal do poema a natureza, que aparece humanizada e animada mediante constantes personificacións. Esta estética combina a tradición paisaxística procedente do século XIX coa riqueza das imaxes e metáforas características da poesía de vangarda. A poesía imaxinista amosa así unha gran sensualidade; a súa meta é a creación de imaxes nas que se reúnen elementos visuais e auditivos, con predominio das cores fortes e vivas. A métrica é sinxela, fundamentalmente versos curtos de rima asonante.

O iniciador e principal cultivador desta tendencia foi Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927). Publicou dous libros de poemas: Proel (1927) e O galo (1928), xunto cunha novela (Os pobres de deus) e algúns relatos.

Amado Carballo tivo unha grande influencia na literatura, xa que foron moitos os autores que seguiron os presupostos estéticos desta corrente poética, que se prolongou ata os anos sesenta, cando fai presenza a poesía social (Celso Emilio, unidade 8). Entre os cultivadores da poesía hilozoísta cabe destacar a Blanco Amor, Eugenio Montes, Manuel Luís Acuña, etc.

Neotrobadorismo

Esta escola poética nace tras o descubrimento e difusión da poesía medieval galego-portuguesa grazas á edición dos cancioneiros realizada por José Joaquim Nunes.

Os poetas novos, marabillados ante a beleza das vellas cantigas, introducen na súa poesía numerosos elementos temáticos, formais e estilísticos da lírica medieval: o tema amoroso, a ambientación espacial, o paralelismo, o refrán... Combinan os temas e técnicas dos cancioneiros medievais con atrevidas imaxes vangardistas.

Este interese pola literatura medieval responde tamén á recuperación da tradición literaria galega emprendida polo pensamento galeguista daquel tempo. É dicir, a existencia da literatura medieval demostraba a continuidade da literatura galega.

Os principais representantes desta corrente foron:

  • Fermín Bouza Brey, co poemario Nao senlleira (1933).
  • Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama riveira (1933) e Dona do corpo delgado (1950).
  • Xosé María Álvarez Blázquez, membro da Xeración do 36, pon fin a esta tendencia con Cancioneiro de Monfero (1953).

Creacionismo

O principal poeta da vangarda galega foi Manuel Antonio (Rianxo, 1900-30), o poeta máis innovador e orixinal da Xeración do 25 e o prototipo do escritor vangardista do seu tempo.

A súa obra, incluída fundamentalmente dentro da estética do creacionismo, con pegadas futuristas e cubistas, caracterízase pola ruptura coa tradición literaria galega, á que considera excesivamente continuadora da obra dos poetas do Rexurdimento (Rosalía, Pondal e Curros), e aposta pola renovación temática e formal. En 1928 publica De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo, único libro editado en vida. Está formado por 19 poemas e estrutúrase en aparencia como a crónica dunha viaxe con tres etapas: partida - aventura - regreso. Admite diversas interpretacións: desde a simple evocación dunha viaxe por mar, ata outras de índole filosófica, metafísica, simbólica... O mar como aventura, a procura da plenitude vital, a soidade, o fracaso.

A súa morte en 1930 truncou unha importante e singular traxectoria literaria. En 1972 editouse postumamente a súa Obra completa, na que xunto con De catro a catro aparecen outros títulos que permaneceran inéditos: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais despois e Viladomar.

Manuel Antonio expón as súas ideas acerca da literatura en dous textos en prosa nos que teoriza sobre o tema: o manifesto «Máis alá» (publicado en 1922 xunto con Álvaro Cebreiro) e o «Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu» (1924).

O manifesto «Máis alá»

Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro expresan a necesidade de que a literatura galega rompa coa tradición e busque novos camiños, inspirándose nos movementos renovadores de vangarda, aínda que sen adscribirse ríxidamente a ningún, senón tomando de cada un e adaptándoos ás peculiaridades de cada escritor, de maneira que cada autor amose a súa independencia e orixinalidade. O ideal fundamental que defenden é a absoluta liberdade creativa. Amosan tamén o seu compromiso coa lingua galega, afirmando o seu monolingüismo e criticando os escritores que escollen o castelán como lingua literaria.

Outros Poetas Vangardistas

  • A parte da súa achega ao neotrobadorismo, Álvaro Cunqueiro participou tamén dos outros movementos de vangarda, sobre todo do cubismo -Mar ao norde (1932)- e do surrealismo -Poemas do si e non (1933)-. Ademais, nos anos de posguerra cultiva tamén a narrativa e o teatro, como veremos na unidade 6.
  • Eduardo Blanco Amor publica Romances galegos (1928), de liña popularista, próxima á poesía da Xeración do 27 castelá, e Poema en catro tempos (1931), libro de ambientación mariñeira escrito ao xeito dunha sinfonía. Nos anos de posguerra continuará o seu labor poético e desenvolverá unha importante obra en prosa, que veremos na unidade 5.
  • Manuel Luís Acuña é autor do poemario Firgoas (1933), no que manifesta a asimilación das técnicas vangardistas, fundamentalmente creacionistas.
  • Luís Pimentel só publicou en vida uns poucos poemas na revista Ronsel e un folleto de oito poemas, Triscos (1950). Postumamente editáronse Sombra do aire na herba (1959) e Barco sin luces (1960). A súa poesía caracterízase pola súa esencialidade e sinxeleza e amosa pegadas vangardistas: metáforas visionarias, fragmentación, verso libre...

A Prosa de Vangarda

Rafael Dieste (1899-1981) é o máis importante prosista desta xeración.

Escribiu Dos arquivos do trasno (1926), un conxunto de relatos de misterio, nos que retrata a psicoloxía da xente galega e presenta experiencias extraordinarias de tipo fantástico e marabilloso. «Sobre a morte do Bieito» (páxinas 34-35) é un dos contos que inclúe o libro.

Tamén publicou a obra de teatro A fiestra valdeira (1927), unha comedia de carácter simbólico na que aborda o tema da identidade cultural. O protagonista é un indiano cuxa familia quere ocultar a súa humilde orixe, mais no desenlace este reconcíliase co seu pasado mariñeiro e volve sentirse parte integrante da súa comunidade.

Entradas relacionadas: