As Vangardas na Literatura Galega: Movementos e Autores Clave da Xeración de 1925
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,78 KB
As Vangardas na Literatura Galega: Orixe e Desenvolvemento
O século XX caracterizouse pola actitude crítica contra a arte pasada e a ruptura coa tradición herdada. En Europa, nun contexto de guerra, con grandes cambios sociais e novas formas de percibir a realidade, creáronse unha serie de movementos estéticos: cubismo, futurismo, creacionismo, etc., que procuran a renovación total das distintas manifestacións artísticas.
As Vangardas en Europa: Contexto e Características Xerais
Estes movementos chámanse Vangardas e as súas características principais son:
- Oposición ao tradicional e normal cunha nova reinterpretación da realidade.
- Reivindicación da liberdade absoluta para crear.
- Difusión dos seus postulados artísticos a través dos manifestos.
A Xeración de 1925 e a Vangarda Galega
En Galicia, ao tempo que os escritores das Irmandades e do Grupo Nós desenvolvían o seu labor cultural e literario, xorde unha xeración de poetas máis novos que incorporan á literatura galega os movementos de vangarda europea.
O Manifesto "¡Mais Alá!"
Publicouse ¡Mais Alá! (asinado por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro), onde se anima a empregar o galego na literatura, desperezando a autores galegos con obra en castelán (Valle-Inclán). Criticouse o presente da literatura galega e defendeuse a ruptura total coa tradición.
Características da Vangarda Galega
Esta xeración defende unha renovación estética e temática, afastada do ruralismo decimonónico, e avoga pola absoluta liberdade creadora. Constitúe unha defensa da lingua galega e do ideario nacionalista.
A xeración de poetas de vangarda coñécese como Xeración de 1925. Espallan a súa obra poética polas revistas literarias da época e participan na formación do Seminario de Estudos Galegos xunto co Grupo Nós. Realizan a actualización e modernización da lírica galega, poñéndose en relación coas grandes correntes europeas, sen perder a súa singularidade.
A "Vangarda Enxebre"
O seu compromiso co galeguismo dentro dunha cultura galega non normalizada e periférica explica que non houbese na vangarda galega unha ruptura total coa tradición, dando lugar á coñecida como Vangarda Enxebre.
Liñas Poéticas da Vangarda Galega
As liñas poéticas seguidas polos diferentes autores van desde a asunción plena dos procedementos vangardistas ata a reformulación da tradición medieval ou popular:
- Vangarda Plena: Asunción total dos procedementos vangardistas (ex: Manuel Antonio).
- Vangarda Moderada: Reformulación da tradición medieval ou popular (Neotrobadorismo e Hilozoísmo).
Principais Movementos Vangardistas en Galicia
Neotrobadorismo
Autores galegos descobren a existencia da nosa lírica medieval. Moitos volven a esa tradición, pero os neotrobadoristas non a imitan, senón que collen recursos temáticos e formais, pero con intención innovadora e cunha linguaxe poética do século XX.
- Autores destacados: Bouza Brey con Nao senlleira e Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Riveira.
Hilozoísmo
É o máis cultivado e o que máis perdurou no tempo. É resultado da suma de tradición e renovación. Ten recursos tradicionais como a paisaxe personificada e a sinxeleza métrica, pero combinados con recursos vangardistas como elementos visuais e auditivos ou imaxes ultraístas (metáforas con elementos que non teñen asociación coa realidade). Nesta paisaxe humanizada case nunca aparece o ser humano.
- Autores destacados: Amado Carballo con Proel e O galo.
Surrealismo
Álvaro Cunqueiro foi poeta surrealista en Poemas do si e non, onde presenta unha historia de amor a través do mundo do subconsciente e do onírico, e en Mar ao norde, onde a crítica tamén ten falado de influxo cubista e dos haikus xaponeses.
Creacionismo
Representada por Manuel Antonio, que só publicou De catro a catro (Follas dun diario d'abordo). O creacionismo rexeita a imitación da realidade. Procura a creación poética dunha realidade autónoma, fuxindo do sentimentalismo, a musicalidade e a rima, usando como recurso a imaxe vangardista.
Foco en "De catro a catro" de Manuel Antonio
Temática e Estrutura
De catro a catro é un conxunto de 19 poemas que teñen o mar como tema central, feitos durante a primeira navegación de Manuel. É a crónica dunha viaxe que vai desde a ilusión á saudade, pasando polas incidencias da vida cotiá no mar, dominadas pola monotonía e a soidade. A viaxe é tamén interior e leva a reflexionar, a unha visión defraudada da vida e á identificación coa paisaxe marítima. O proceso da viaxe marítima segue unha liña temporal, dotando dunha estrutura circular ao poemario (partida-navegación-recalada-regreso).
O Paso do Tempo
O paso do tempo é un tema recorrente que se manifesta a través dos elementos da natureza (sol, lúa, estrelas, alba, etc.) e a través dos elementos técnicos de medición (reloxo, almanaque, días, horas, etc.). O eu lírico séntese preso dun tempo presente, monótono e lento, onde as vivencias sempre son as mesmas.
Características Formais
No aspecto lingüístico destaca a utilización de léxico da navegación e estranxeirismos. Na linguaxe poética abundan:
- Imaxes creacionistas.
- A especial disposición tipográfica.
- A utilización dos espazos en branco.
- A ausencia de rima.
- A ruptura da sintaxe formal.
- O heterosilabismo dos versos, etc.