As Vangardas na Literatura Galega
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,94 KB
En 1922, Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro asinaron o manifesto A poético Máis alá, no que expresan a necesidade de que a literatura galega rompa coa tradición e co ruralismo e busque novos camiños, sempre tendo en conta a individualidade do autor e a súa liberdade creadora. No mesmo manifesto fan unha forte defensa da lingua galega e critican duramente os escritores galegos que publicaban en castelán e renunciaban a formar parte do proceso de construción dunha literatura galega propia.
Primeiras manifestacións
Ao redor de 1925, un grupo de escritores, fundamentalmente poetas, fai a súa aparición pública nunha serie de importantes revistas como Alfar (1920), Ronsel (1924), Resol (1932), Yunque (1932), Papel de color (1930) ou Crisol (1932), onde tamén colaboran poetas e ilustradores estranxeiros como André Breton, Jorge Luis Borges, Federico García Lorca, Picasso ou Dalí. Esta xeración achégase así aos movementos de vangarda europeos, aínda que cómpre ter en conta que a vangarda galega non vai ser tan rupturista, pois nace nun contexto de clara conciencia nacionalista e vinculada ás Irmandades da Fala e ao Grupo Nós, especialmente a Risco. Os poetas galegos desta xeración incorporan novidades das vangardas á súa obra, pero non renuncian ao sentimento nin a outras características propias da literatura galega do Rexurdimento. Deste xeito, non existe unha vangarda organizada que procura imitar as tendencias europeas, senón unha poética individualizada que asimila trazos vangardistas e que se concreta en tres correntes fundamentais:
- O hilozoísmo ou imaxinismo, de Luís Amado Carballo
- O neotrobadorismo, de Fermín Bouza-Brey e Álvaro Cunqueiro
- O creacionismo de Manuel Antonio
O hilozoísmo
O hilozoísmo presenta a natureza como un ser animado. Este movemento, que terá un grande éxito na literatura galega, caracterízase por combinar elementos da tradición, como a temática paisaxística e esquemas métricos populares, con novas imaxes de carácter vangardista. O poeta describe unha paisaxe onde o ser humano desaparece mentres que os elementos inanimados se personifican a través dunha combinación de imaxes de carácter sensorial que conecta directamente coas escolas de vangarda, por iso recibe tamén o nome de imaxinismo. O seu principal representante é Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927), autor dos libros de poemas Proel (1927) e, de xeito póstumo, O galo (1928). Neles mestura elementos tradicionais, como a métrica popular e a paisaxe rural e mariñeira, con outros innovadores, como a ausencia da figura humana e a creación de imaxes sensoriais nas que ofrece unha visión plástica e humana da natureza.
O neotrobadorismo
O neotrobadorismo é un movemento singular que xorde como consecuencia da recuperación e difusión dos cancioneiros medievais galego-portugueses en 1928 por José Joaquim Nunes. A influencia da lírica medieval aparece na utilización de numerosos elementos temáticos, formais e estilísticos propios dos trobadores, como os temas amorosos e o paralelismo, que se mesturan con imaxes e metáforas propios da poesía de vangarda, ofrecendo unha síntese de tradición e modernidade. Os principais representantes deste movemento son Fermín Bouza-Brey con Nao Senlleira (1933) e Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Riveira (1933).
O creacionismo
O creacionismo ten un único representante na vangarda galega: Manuel Antonio. A súa obra poética supón unha verdadeira ruptura coa tradición literaria anterior, porén non quixo seguir ningún movemento vangardista concreto e asimilou características de moitos deles, entre as que sobresae a construción de imaxes propias do creacionismo.
Características comúns das vangardas
- Reivindicación da arte pura: que se considera unha experiencia autónoma, sen necesidade de ter conexión co mundo real. O artista crea unha nova realidade en lugar de imitala, sen ningún propósito máis que a propia finalidade estética.
- Antisentimentalismo: a obra de arte é produto da intelixencia, do rigor e do cálculo e non do sentimento.
- Ruptura coa tradición: afástanse das normas estéticas anteriores, na procura de novas formas de expresión artística.
- Liberdade creativa: como un valor supremo do artista. Búscase a orixinalidade de forma obsesiva a través da experimentación formal e temática. Na poesía, a métrica e a rima desaparecen e substitúense polo verso libre.
- Renovación da linguaxe poética: desaparecen a sintaxe, desapareceron os signos de puntuación, concédeselle grande importancia á disposición tipográfica dos versos (como nos caligramas) e amplíase a base semántica das figuras literarias, con imaxes irracionais e coa metáfora como base do discurso poético.
Influencia europea
Na década de 1920, iniciouse en Galicia un proceso de renovación da arte e da literatura galegas que tomou como referencia os movementos artísticos coñecidos como vangardas que se desenvolveran en Europa tras a Primeira Guerra Mundial, e adaptouno á realidade social e cultural galega. Estes movementos supuxeron unha ruptura radical co xeito de concibir a arte que existia ata o momento e afectaron a todas as súas manifestacións, como a literatura, a pintura, a danza, a música ou o cinema. Os primeiros textos vangardistas chegaron por primeira vez a Galicia a través da revista Nós, como parte do proxecto de europeización da literatura galega dos seus fundadores. O propio Vicente Risco publicou en 1920 un poema de carácter futurista nas súas páxinas.