As Vangardas Literarias do Século XX e a súa pegada en Galicia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 9,51 KB
As Vangardas Artísticas e Literarias
Refírese, na historia da arte e da literatura, ás correntes e movementos que, nas primeiras décadas do século XX, propoñen unha quebra total coa tradición e coas convencións estéticas vixentes. A creación vangardista é o froito dunha nova xeración de artistas e escritores que, partindo do individualismo romántico, tentan superar o discurso tradicional e ir máis alá da estética simbolista e expresionista. A súa actitude está condicionada polos acontecementos históricos, as convulsións sociais e os cambios culturais que experimenta o mundo occidental a comezos do século XX.
Contexto Histórico e Características Comúns
Factores condicionantes:
- A Primeira Guerra Mundial (1914-1918), que converteu os campos da civilizada Europa nun escenario de atrocidades.
- A Revolución Rusa (1917), que supuxo unha oportunidade histórica para o ascenso ao poder das clases populares.
- A crítica á sociedade capitalista desenvolvida polo marxismo.
- A mudanza na percepción do mundo provocada polo progreso das ciencias experimentais (teoría da relatividade, psicanálise...).
Difundían o seu ideario estético mediante manifestos. Entre esas correntes ou '-ismos' cómpre destacar o futurismo, o expresionismo, o dadaísmo, o cubismo, o surrealismo, o creacionismo e o imaxismo. Así, o termo 'vangardas' abarca unha serie heteroxénea de movementos que, non obstante, presentan algunhas características comúns:
- Orixinalidade e vontade de experimentación.
- Internacionalismo e cosmopolitismo.
- Actitude provocadora e desprezo do gusto burgués.
- Antirrealismo: Distorsión da realidade, subxectivismo.
- Actitude antirromántica: Rexeitamento do sentimentalismo.
- Renovación formal e da linguaxe: Busca de novas formas expresivas.
- Autonomía da arte: Defensa da arte pola arte.
As Vangardas en Galicia
Nesta etapa, a literatura galega acada uns niveis de calidade e produción altísimos. Os poetas desta época modernizarán a lírica galega mediante a superación dos moldes do século XIX e a incorporación das correntes vangardistas que axitaban o mundo artístico contemporáneo.
Como é ben sabido, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós (coa súa revista Nós) foron fundamentais para a lingua, a cultura e a literatura galegas. Abertos á universalidade e á modernidade, crearon un ambiente favorable ás vangardas literarias que xurdían na Europa de entreguerras.
Xorden novas revistas en diversos lugares de Galicia (Alfar, Ronsel, Resol...), que desenvolven tamén un papel destacado para a difusión en Galicia das novas ideas estéticas propostas polas correntes vangardistas da arte occidental. En 1922, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro asinan Máis alá!, considerado o manifesto do vangardismo galego, onde demandan unha nova literatura e critican a aqueles que escriben como no século XIX.
Os '-ismos' que máis relevancia tiveron na literatura galega foron o creacionismo (poesía composta de imaxes en libre asociación), o hilozoísmo e o neotrobadorismo.
As Xeracións Literarias
Aínda que á Xeración poética de 1925 corresponderalle o papel principal no desenvolvemento das vangardas en Galicia, tamén atopamos escritores doutras xeracións como a Xeración Nós e posteriores como a Xeración de 1936. Polo tanto, temos tres xeracións implicadas:
- Xeración Nós: Formada polos escritores máis destacados nacidos, aproximadamente, na década dos oitenta do século XIX (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao...).
- Xeración de 1925: Constituída polos autores nados entre 1895 e 1909 (Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Rafael Dieste...).
- Xeración de 1936: Configurada polos escritores nados entre 1910 e 1920 (Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño...), aínda que non toda a obra destes autores debe incluírse na vangarda.
As Liñas e Escolas Poéticas en Galicia
Liñas Poéticas
- A liña simbolista: Baseada na utilización recorrente de símbolos que transmiten valores de índole espiritual.
- A liña esteticista: Caracterízase pola investigación de novos códigos poéticos e a procura da beleza formal.
- A liña impresionista: Caracterizada pola forza das sensacións a través das imaxes poéticas.
- A vangarda pura: Imita de maneira máis directa e mecánica fórmulas experimentadas noutras literaturas.
Escolas Poéticas Relevantes
Hilozoísmo
Será a tendencia poética renovadora con maior eco en Galicia, probablemente porque se axusta á tradicional liña paisaxística galega. Introduce o recurso sistemático á imaxe poética humanizadora (personificación da natureza) que, xunto coas formas rítmicas sinxelas e populares, proporciona un aire novidoso. O seu máximo representante é Luís Amado Carballo.
Creacionismo
Pretende facer do poema algo novo, autónomo da realidade, transformando motivos tomados desta para darlles unha vida nova e independente no texto. Caracterízase por unha visión cosmopolita, o uso de léxico técnico e moderno, a ausencia ou flexibilización de rima e ritmo, e o escaso emprego dos signos de puntuación. O seu principal cultivador en Galicia foi Manuel Antonio (De catro a catro).
Outros Ismos con Presenza
Cubismo
Este '-ismo' aparece primeiro como escola pictórica con Picasso e a súa obra Les Demoiselles d'Avignon en 1907. Dous anos antes, Albert Einstein dera a coñecer a súa teoría da relatividade, á que algúns estudosos remiten para explicar o novo concepto espazo-tempo que propón o cubismo. Do mesmo xeito que a pintura descompón os obxectos en liñas e planos xeométricos que logo se recompoñen libremente no cadro, a poesía cubista, para reflectir a libre reconstrución da realidade, vai empregar imaxes visuais (mediante a disposición tipográfica dos versos, como nos caligramas) e distorsións sintácticas. Literariamente, o seu principal impulsor foi o francés Guillaume Apollinaire, especialmente famoso pola súa obra Calligrammes.
Dadaísmo
Tristan Tzara é considerado o pai deste movemento, que nace en Zürich en 1916 como repulsa violenta contra o racionalismo burgués que conduciu á devastación e horror da Primeira Guerra Mundial. Este foi o '-ismo' máis rupturista e provocador. O seu obxectivo era a destrución da sociedade e da cultura tradicional para redescubrir a auténtica realidade. Para conseguilo, servíase do azar e da irracionalidade. O dadaísmo reaccionou contra a razón e os convencionalismos, abrindo novos camiños na arte que serían aproveitados polo surrealismo. Substituíu o concepto de creación de arte polo de fabricación de obxectos (ready-mades). Con este movemento xurdiu a crise do concepto de literatura, da produción textual e da súa finalidade. A revolución tipográfica, a colaxe absurda presurrealista, a fotomontaxe e o deseño de revistas especializadas (a única rede de información coa que contaron as ideas programáticas Dadá) son algúns dos achados que significaron achegas fundamentais para a evolución do deseño gráfico.
Futurismo
Naceu en 1909 cando o italiano Filippo Tommaso Marinetti publicou o seu Manifesto futurista, onde facía unha furibunda oposición á poesía e á moral tradicionais. O futurismo exalta a civilización mecánica, a electricidade, a velocidade, a guerra e a cidade. Os poetas futuristas dinamizaron a linguaxe e, para conseguir unha maior rapidez verbal, suprimiron o uso dos adxectivos, dos adverbios e da puntuación ('palabras en liberdade'). Nas súas formulacións máis radicais chegaron a procurar a supresión do significado en textos construídos mediante onomatopeas ou combinacións arbitrarias de fonemas. Entre os seus principais representantes podemos citar a Marinetti ou Álvaro de Campos (heterónimo de Fernando Pessoa).
Tendencias Menos Renovadoras ou Paralelas
Neotrobadorismo
Foi considerado nun tempo a achega máis orixinalmente galega dentro das vangardas. Esta corrente xurdiu pola fascinación ante a lírica medieval galego-portuguesa. Foi cultivado por escritores da Xeración Nós e da de 1925, pero serán os poetas da Xeración de 1936 (como Álvaro Cunqueiro ou Fermín Bouza-Brey) os que o leven á súa máxima expresión, recreando temas, métrica e estilo trobadorescos.
Clasicismo
É unha tendencia que se desenvolverá principalmente na posguerra, coincidindo cunha liña semellante na literatura castelá. Busca a perfección formal e o equilibrio, a miúdo inspirándose en modelos clásicos. En Galicia, autores como Aquilino Iglesia Alvariño mostran esta tendencia.