As Linguas da Península Ibérica: Diversidade, Historia e Presenza Global

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,09 KB

As Linguas da Península Ibérica: Diversidade, Historia e Presenza Global

A Península Ibérica é un crisol de linguas, cada unha coa súa historia, características e situación actual. A continuación, exploramos as principais linguas faladas neste territorio e máis aló.

Asturiano e Mirandés

Procede do antigo asturleonés. Fálano máis de 300 000 persoas en Asturias, en Castela e León e en Miranda do Douro (Portugal), onde recibe o nome de mirandés. O mirandés é recoñecido como lingua oficial en Portugal, mentres que o asturiano non ten este recoñecemento en Asturias. Conta cunha Academia da Lingua Asturiana e ten algunha presenza na escola. É unha lingua románica e actualmente sofre unha situación de minorización.

Aragonés

Procede do antigo navarroaragonés e conserva preto de 30 000 falantes no norte de Aragón. Aínda que o estatuto de autonomía propugna a protección do aragonés, este non é considerado lingua oficial.

Aranés

É unha variedade do occitano falada por máis de 4 000 persoas no Val de Arán (Lleida). Esta lingua está recoñecida de xeito oficial polo Estatuto de Autonomía de Cataluña ao carón do castelán e do catalán.

Castelán

É lingua oficial do Estado español; fálase en diversos países de América e nos territorios africanos de colonización española. Conta aproximadamente con 300 millóns de falantes. O andaluz, o canario, o estremeño, o murciano... son variantes xeográficas do castelán (dialectos).

Catalán

Fálano máis de 8 millóns de persoas e localízase en Cataluña (5 millóns), na franxa oriental de Aragón (“Franxa de Poñente”, 50 000), en Andorra, nas Illas Baleares (500 000), na Comunidade Valenciana (onde se denomina valenciá) (2 500 000), no Rosellón francés e na cidade de Alguer (na Sardeña). Hoxe, coma o galego e o éuscaro, está en proceso de normalización, impulsado activamente pola Generalitat de Cataluña.

Éuscaro (ou Vasco)

É a única lingua non románica da península. Fálano case un millón de persoas en áreas do Estado español (en Euskadi 600 000, en Navarra 115 000) e do francés. O Goberno Vasco e a Academia da Lingua Vasca encárganse de potenciar o seu uso normalizado.

Galego

É a lingua propia de Galicia. O galego ten uns 2 millóns e medio de falantes (e máis de 2 800 000 habitantes). A distribución do galego é xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o seu uso. É a lingua propia de Galicia e está en proceso de normalización. Se temos en conta que no mundo se falan actualmente 6 500 linguas, o galego, pola súa condición de lingua cooficial e polo seu amplo uso social, constitúe unha lingua de tamaño medio no ámbito europeo. Os seus límites xeográficos van máis aló do territorio administrativo de Galicia, xa que tamén é falada por aproximadamente 200 000 persoas nas zonas máis occidentais de Asturias, León, Zamora e Val de Ellas (Estremadura). Ademais, e polas circunstancias históricas que explican a emigración por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidade galega que conservaron a súa lingua como vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida. Persisten amplas comunidades de falantes en cidades como Barcelona, Zúric, Montevideo ou Bos Aires.

O coñecemento de máis dunha lingua supón vantaxes para chegar a aprender outras. Desde o galego non é difícil acceder ao castelán, ao italiano, ao francés e, por suposto, ao portugués, lingua tamén da Península Ibérica que nos tende pontes cara á lusofonía.

Portugués

Falado aproximadamente por 250 millóns de persoas en todo o mundo:

  • Brasil
  • Macau
  • Timor Leste
  • San Tomé e Príncipe
  • Cabo Verde
  • Portugal
  • Angola
  • Mozambique

Entradas relacionadas: