As ideas fundamentais do pensamento ilustrado

Francés3,4 KB

A Ilustración foi o movemento intelectual máis característico da Europa do século XVIII. Partindo da crítica ao pensamento tradicional e á sociedade do seu tempo, a Ilustración defendeu o coñecemento baseado na razón para loitar contra a superstición e a ignorancia, así como fomentar as ciencias experimentais, as reformas sociais e políticas que levarían ao progreso e ao benestar.

Os pensadores ilustrados insistían en que a procura da felicidade debía ser a base dun novo ideal humano. Así pois, debíase lograr unha organización social racional onde se respectase a liberdade individual e a igualdade de dereitos e obrigacións de cada persoa. Por todo isto, cuestionaban os fundamentos da sociedade estamental, baseada na desigualdade de dereitos.

A Ilustración en España

O triunfo do pensamento ilustrado en Europa tivo o seu reflexo en España. O movemento afectou ás elites intelectuais do país: a maior parte dos ilustrados eran fidalgos (pequena nobreza sen título), burgueses e clérigos.

A través dos seus estudos identificaron os problemas da España do século XVIII: o analfabetismo, o atraso económico, a debilidade da agricultura ou os privilexios estamentais, por exemplo. Centrados nestas problemáticas, a idea central dos ilustrados españois foi elevar a cultura do país, como elemento indispensable para superar o atraso e poder prosperar.

O Despotismo ilustrado e as reformas

Este afán reformista e a busca do progreso seduciu aos gobernantes, que desenvolveron na segunda metade do século XVIII unha variante do absolutismo coñecida como Despotismo ilustrado, que pretendía a aplicación desas reformas co fin de potenciar o desenvolvemento económico do Estado. Neste ámbito destaca sen dúbida Carlos III, que encargou unha serie de reformas para fortalecer o Estado (regalismo) e mellorar o sector primario, o comercio e as manufacturas.

Principais figuras ilustradas

Entre os primeiros ilustrados destacou Fray Benito Jerónimo Feijoo, que combateu a superstición nas súas obras. Xa na segunda metade do século XVIII, no campo da reforma agraria e económica, non podemos deixar de mencionar a Jovellanos, Olavide ou Campomanes. Campomanes, ministro de Facenda, criticou as propiedades rurais invendibles en mans da Igrexa ou de señoríos nobiliarios (amortizadas) e patrocinou as Sociedades Económicas de Amigos del País.

As Sociedades Económicas de Amigos del País

A primeira das Sociedades Económicas de Amigos del País fundouse no País Vasco. Foron o principal vehículo de difusión das ideas ilustradas. Buscaban o desenvolvemento das comarcas onde se asentaban, publicaban e traducían obras estranxeiras, promovían innovacións técnicas, editaban periódicos e celebraban debates.

O fin do impulso reformista

O temor que a Revolución Francesa provocou na Coroa poñerá fin aos proxectos reformistas e afastará da Corte a ilustrados como Campomanes e Jovellanos.

O fracaso da Ilustración

O fracaso da Ilustración xurdiu de que o que buscaban reformar implicaba os intereses dos privilexiados do Antigo Réxime. Os ilustrados non quixeron ou non se atreveron a levar as súas ideas ata o final. Farano os liberais do século XIX, e con iso poñerán fin ao Antigo Réxime.

Descargar

PDF Word HTML