As Faces do Franquismo en Galicia: Da Sublevación Militar á Construción do Novo Estado (1936-1975)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 25,46 KB
As Diferentes Caras do Franquismo (1936-1975)
A Sublevación Militar: Tentativas Precedentes e o Golpe de 1936
Debemos ter en conta que a planificación golpista se atopaba en marcha incluso con anterioridade ás eleccións do 36, iniciándose esta planificación no momento mesmo da proclamación da República. O proceso sería un golpe falido de Sanjurjo en setembro do 1932 (golpe que era de restauración da monarquía e volta de Afonso XIII); posteriormente unhas eleccións en novembro do 1933 que dan maioría parlamentaria á CEDA, colocando estes no 1935 a Gil Robles como ministro de Guerra, e que propiciará nestes meses un golpe brando, isto mediante o control do Ministerio de Guerra e un control do exército. Isto fracasará precisamente pola disolución de Cortes e proclamación electoral realizada por Alcalá Zamora, disolución que non lle beneficia porque este, nunha segunda disolución, debe abandonar segundo a Constitución do 1931, pero esta disolución serve para frear a posibilidade do golpe brando.
Convócanse as eleccións de febreiro do 36, gañando a Fronte Popular de maneira sorpresiva contra o Bloque Contrarrevolucionario, cuxas perspectivas foron sempre de vitoria. A partir deste momento, a dereita política protagonizada pola CEDA practicamente desaparece, non contemplándose xa a opción de golpe brando, polo que, desde o día seguinte ao coñecemento da vitoria da Fronte Popular, comezan a tomar cada vez máis corpo apoios para botar abaixo este novo goberno. O que vai unindo aos sectores será botar abaixo a orientación da República, non botar abaixo en si a República.
Datas Clave na Planificación do Alzamento
- Tras o día mesmo da vitoria electoral da Fronte Popular, o 19 de febreiro, establécese nos mandos do exército da Coruña a vixilancia da sala de bandeiras de Atocha, isto por posibles elementos involucionistas.
- A segunda das datas estipuladas para un posible golpe sería o 19 de maio, que ten lugar tras a prohibición de Falanxe, a anulación das eleccións municipais previstas para abril de 1936, os desfiles do 14 de abril de 1936, pero, sobre todo, a grande repercusión serían os desfiles do 1 de maio de 1936.
Non hai especialmente conflitos, sendo os meses de goberno do Frente Popular un momento no que os conflitos van en descenso. O efecto apocalíptico do impacto do que supón a derrota electoral, na medida do posible ten que beneficiar a esa sublevación, polo que a planificación do golpe faise da maneira máis rápida posible. Non vai ter practicamente repercusión en España ese 19 de xuño excepto en Valencia e, sobre todo, na Coruña, onde saen os camións á rúa dende o Cuartel de Atocha dirixíndose cara San Pedro para tomar o control. Cando saen e ven que as guarnicións de cuarteis de toda España non lles seguen volven dentro. Máis alá diso estaría combinado cunha planificación de asasinato que se intentou levar a cabo do gobernador civil da Coruña, Pérez Carballo, por parte dos sectores militares da cidade.
O Golpe Militar do 17 de Xullo: Desenvolvemento e Reacción
Vemos así que o golpe non ten nada sorpresivo, tratándose esta planificación do golpe dun constante no que a violencia política estaba asumida, sendo o acelerador do proceso o asasinato de Calvo Sotelo, sucedendo o golpe debido a isto dous días antes do previsto, comezando a mobilizarse as tropas de Marrocos. Como é o proceso? Trátase dun proceso de pronunciamentos, sublevación de cuarteis que agardan que o resto de cuarteis fagan o mesmo. No caso galego os ollos sempre estarán postos na cabeceira dos militares en Galicia: o cuartel da Coruña, que ten antecedentes de sublevación.
O caso é que o 17 de xullo comeza a coñecerse as primeiras noticias, inmediatamente o movemento obreiro tenta organizar unha defensa, montando barricadas e organizando patrullas de militantes pola noite. O fin de semana do 18-19 de xullo o que acontece no goberno do estado é unha notable indecisión entre Casares Quiroga e Azaña sobre varios puntos como son a resposta a esta sublevación, se darlles ou non armas á poboación, manifestacións multitudinarias en Madrid, entrada de Martínez Barrio para negociar, nomeamento de José Giral, etc.
A Resistencia e a Toma de Decisión en Galicia
Na cidade da Coruña hai esa visualización da resistencia por parte dos milicianos. O goberno civil, como non ten ordes de Madrid ata o domingo 19 pola noite, o que fai é enviar camións de militares para dar tranquilidade á cidadanía. A resistencia está caracterizada por unha elevada incerteza.
Nos ámbitos da conspiración hai moito nerviosismo: calquera militar que se coloque ao lado dunha sublevación contra o poder establecido sabe o que será o seu futuro se esta fracasa. Neste momento, nesta data, a toma dunha decisión compromete o futuro, é un fío de navalla no cal colócase dun lado ou doutro, sendo unha decisión difícil, pois estás a enfrontarte contra o teu propio compañeiro de armas, non contra un inimigo exterior; débese entender dende esta perspectiva. Boa parte da sublevación sucederá non por parte dos mandos primarios senón dos secundarios, pois Casares Quiroga eliminara a cúpula.
Observamos así como o capitán xeral da división da Coruña, Enrique Salcedo Molinuevo, estaba agardando escoitando noticias de ambos lugares, poñendo este unha condición para sumarse á sublevación, buscando que o Xeral Sanjurjo contacte con el de maneira directa e lle pida sumarse. Contactan así directamente con Valladolid, xa tomada polos sublevados, esperándose que Sanjurjo entrara en España por Galicia, de aí que se monte durante estes días unha grande vixilancia de costa e aérea, e dende Valladolid lle menten dicindo que falaron con Sanjurjo, algo que non creu o capitán xeral, polo que non actuou.
O Luns 20 de Xullo: A Suma das Guarnicións
No primeiro momento do conflito, a liña entre un lado ou outro foi moi fina. Todos estes mandos da Garda Civil chegan a captar boa parte dos mandos militares secundarios e de terra, entre os que están a buscar a maneira de saír coas tropas á rúa. Isto non o farán ata o luns 20 de xullo pola mañá, e ese fin de semana todas as guarnicións galegas estaban agardando a ver que faría o goberno.
O 20 de xullo comezan a sumarse guarnicións por toda a península, tamén a da Coruña, na que saen as tropas dende o cuartel de Atocha ás primeiras horas da tarde. Hai tentativas por parte dos milicianos de entrevistarse co Gobernador Civil para ir ao cuartel e quitar de alí aos militares, algo para o que non reciben permiso do Gobernador Civil. En canto saen o luns pola mañá o Gobernador Civil é apuntar dous morteiros con gardas de asalto cara o cuartel de Atocha, cos milicianos nunha segunda liña e nunha situación na que non son capaces de frear aos militares, que instan ao Gobernador Civil a renderse, pero este non o fai. Os militares lanzan cañonazos cara o Goberno Civil, chegando a entrar nas estancias varios destes, polo que ao final se reúnen militares co Gobernador Civil, onde len o bando de guerra que faculta ás forzas sublevadas a tomar o mando.
Desenvolvemento da Batalla na Coruña
Isto non remataría aquí, pois estas forzas que saen dos cuarteis chegan nunha primeira fase ata o límite da Pescadería, sendo esta a parte máis curta do istmo e a parte que comunica ambas orillas. Neste momento van chegando antes do luns camións cargados dende toda Galicia cargados de milicianos para a defensa da cidade da Coruña, sen embargo, no primeiro momento os que se atopan ante esa primeira liña dos sublevados que avanzan por Juana de Vega serán outros militares republicanos, mandos e soldados da garda de asalto e carabineiros. O que se fai é algo semellante ao “Abrazo de Vergara”: os mandos da garda de asalto colócanse detrás dos militares sublevados e cargan contra os milicianos.
Este “Abrazo de Vergara” será visto posteriormente doutra maneira: asumen a derrota, pero como non foron eses mandos membros da conspiración dende o primeiro momento foron sometidos a procesos militares coa redución das penas militares, non por ser republicanos senón por non ter estado dende o primeiro momento. Os procesos de depuración da ditadura son tamén de carácter interno, con sospeitas permanentes. A resistencia dos milicianos da cidade aguanta ata o día 23, con miles e miles de milicianos que tiveron que volver ás súas casas, que neses dous días de combate xa foran tomados polas forzas sublevadas.
A Situación noutras Cidades Galegas
- Vigo: Ás primeiras horas da tarde do luns 20, cando xa se coñece o estado da Coruña, o modelo será un destacamento militar que se dirixa cara a Porta do Sol de Vigo. A medida que vai avanzando este destacamento militar, todas as testemuñas falan de que esta columna vai ir contando con persoas dos barrios obreiros así como milicianos. Miles de persoas rodean. Enfrontamento que se saldará con 20 mortos e 50 feridos. A resistencia de Vigo será un proceso semellante ao da Coruña, recibindo milicianos das zonas colindantes da cidade e das comarcas limítrofes, que acoden á defensa da cidade. En Vigo aguantará a defensa ata o día 26.
- Ferrol: É un lugar especialmente interesante, sendo este o lugar máis transcendente de Galicia para o bando sublevado. Conta co Departamento Marítimo do Atlántico-Cantábrico. Haberá un amotinamento da marinería con amotinamento dalgúns mandos intermedios que controlan o Arsenal Militar de Ferrol, que quedará controlado polos mariñeiros e soldados da propia estancia. O control doutra base marítima naval de Galicia: Marín, que conta cunha base de hidroavións, fundamentais pois a aviación será parte importante da guerra. Os avións de Marín bombardean o Arsenal de Ferrol para que a marinería e os cabos liberen o lugar. Conseguen que abandonen o lugar e diríxense cara o Concello e a Casa do Pobo (pola maioría socialista existente en Ferrol), tomando as institucións do poder.
- Santiago de Compostela: O punto de inicio é o luns 20, cando chega de retorno de Madrid Ánxel Casal, alcalde do Partido Galeguista, e ponse á fronte do Concello. Nos días previos, nomeáronse comité de axuda á República, toma o concello e, o primeiro que fai é entrevistarse cos mandos militares da guarnición, localizados no que hoxe en día é o Parlamento de Galicia. Vai falar con Bermúdez de Castro, o que lle di que non se vai sublevar e que se sumará á defensa da cidade. Entre a noite do luns 20 e martes 21 saen as forzas militares dese cuartel e toman a cidade de forma sorpresiva e montan barricadas. O martes Santiago está tomado polos sublevados sen ningún enfrontamento.
- Lugo e Ourense: En Lugo a resistencia será fundamentalmente en zonas de fóra da capital provincial, como nas vilas ou Quiroga e na Mariña, resistencia de días. Viveiro caerá o 21, Ribadeo o 23 e Pontenova o 24. Monforte caerá o mesmo día 20. Na provincia de Ourense, Agudiña aguanta ata o día 25, e tamén houbo unha resistencia notable en Tui.
Ao final do mes de xullo toda Galicia estaría baixo o control dos sectores sublevados. Nas zonas vilegas, dependendo dos casos, produciríanse resistencias armadas propiciadas pola última disposición de Giral na madrugada do día 20, decretando este quitar as armas á Garda Civil e resistir como se puidese. Serán os propios alcaldes, en moitos casos, os que capitanearían esta resistencia coa axuda do movemento obreiro, montándose barricadas, especialmente na zona das rías, onde a comunicación por ponte era máis frecuente, tratándose dun elemento moi utilizado, cortándose árbores e montándose barricadas para dificultar o acceso dos sublevados.
En algúns casos, veremos resistencia con armas, como nas zonas de Mañón e Ortigueira, onde chegan militares de Viveiro que disparan desde a ponte, sen afectar a case ninguén. Todos estes elementos de resistencia, logo no proceso represivo vai propiciar procesos militares esaxerados, pois, simbolicamente era algo que a imaxe dun exército vitorioso non podía aceptar, polo que estes procesos xudiciais posteriores van con bastante ensañamento.
A Guerra Civil na Retagarda Militar: A Construción do “Novo Estado”
Despois de tomado o poder en Galicia, cun control das guarnicións militares, gobernos civís e poder local das principais cidades a finais de xullo de 1936, Galicia está no poder dos sublevados. Este proceso acontece no resto das comunidades autónomas a distintos ritmos. Tras a toma dos principais cuarteis e cidades hai un proceso de varios días que dura ata finais de mes e faise chamar a “pacificación do territorio”: control do territorio dende as principais vilas ata todos os lugares de Galicia. Na maioría dos casos non hai nada que pacificar e os destacamentos da garda civil achéganse aos concellos a tomar o mando. O que se fixo foi eliminar ou facer fuxir a todas as bolsas de resistencia popular que existían en Galicia.
O que temos en Galicia non é un exército, senón a Garda Civil e un notable apoio civil, con moito elemento militar xubilado que toma o mando das institucións locais, e, en moitos casos, nestes primeiros momentos o novo poder estará moi representado por antigos persoeiros políticos locais da Ditadura militar de Primo de Rivera.
A Incerteza Lexislativa e a Lóxica da Represión
Non hai dúbida de contra quen se combate, pero si sobre o que facer dende ese momento, o como se vai definir o réxime. Non hai unha definición explícita de ir contra a República, senón que o rumbo da República non é acertado. Non hai unha definición rápida sobre que facer: dende mediados de xullo ata principios de setembro non hai actividade oficial de nada, todo o goberno desaparece e hai unha toma do poder de parte duns mandos militares, pero non hai nada máis, é como se as institucións desapareceran. Isto ten a súa lóxica, pois neste momento estase a levar a cabo a fase máis dura da represión: canto menos control, máis represión.
A maior parte deles son coñecedores de que o outro bando saben quen son, pois isto non é nada sorpresivo, todos saben que esta segunda aposta pola sublevación lles leva á morte se fracasan, polo que a represión ten que ser o máis dura posible: esta é unha lóxica moi clara, non efectúan a represión porque o diga Mola, senón porque están a enfrontarse á morte no caso de fracasar.
Os Pivotes Fundamentais na Construción do Réxime
Hai tres grandes pivotes na construción do réxime dos sublevados, tres pivotes que fornecen de valores culturais, que van dar a esencia do réxime, algo que se manterá ata a morte de Franco:
- Exército e os seus valores: Sendo este o elemento fundamental dende o principio, dende a toma do poder ata o final da ditadura. Este non é un exército alleo, é un exército cun poder enormemente protagonista na política española (a excepción dos catro anos da República), cun claro protagonismo político, con capacidade para cambiar o rumbo político do país.
- Igrexa Católica: Que non está tan expresa nas primeiras intencións dos sublevados, non sendo o catolicismo o elemento mobilizador fundamental do golpe, pero... A pesar disto, é evidente que os pertencentes á igrexa serán achegados ao réxime, facéndose esta relación máis evidente a partir das persecucións da igrexa nas zonas controladas pola República (deste modo inicia esta idea de Guerra Civil como “cruzada”). Veremos unha implicación tal que, o cambio de réxime, simbolicamente falando, ata setembro non comezan a aparecer actos simbólicos do cambio de poder, acto reiterado en todas partes, que sería o restablecemento do crucifixo nas escolas.
- Base Social de Apoio Civil: Non explicitamente militar ou católica necesariamente que apoia a sublevación. Atopamos un apoio civil por parte dos sectores que retroalimentan o novo estado franquista, pois a mobilización e apoio, nunha sociedade deste estilo, poder ser precisamente a ausencia de apoio: a sublevación vai directamente contra a democracia, sendo o obxecto da represión non só os “roxos”, senón todos os que traballaron por conseguir unha España democrática; democracia e ditadura son conceptos opostos, polo que se ti, dende unha perspectiva civil, participas dunha acción ditatorial ou autoritaria, deixas a túa capacidade como cidadán a unha persoa ou a un grupo, polo que a mobilización social, a partir deste momento, prántase para actos multitudinarios organizados dende o poder, sen contar a sociedade con participación política en ningún sentido. O único que quere a ditadura é que non te opoñas a ela, polo que a mobilización social non é soamente a dos que se comprometen co réxime, está tamén a non oposición.
A Cultura do Silencio e as Vías de Fuga
A desconfianza aséntase ante a falta de liberdade, bucle que se vai contaxiando e que vai aumentando ante a represión do estado e a incapacidade de falar libremente. Non falar implica recluír o pensamento ao ámbito privado, a vivir nunha cultura do silencio. As reaccións máis evidentes que veremos, pola contra, ante todo isto, da xente que participa na democracia, serían varias:
- Agardar na casa: Sobre todo nos primeiros días, un arresto domiciliario das elites do poder civil, dos anarquistas, funcionarios públicos, defensores da democracia, etc.
- Fuxir: Que sería de dúas maneiras: durante os primeiros meses houbo moita xente que tentou saír de Galicia, ben cara Asturias ben cara Portugal. As fronteiras portuguesas quedan pechadas dende o primeiro momento, pois Portugal colabora de xeito decidido co apoio á sublevación, sendo perfectamente conscientes do que estaba a pasar do outro lado do Miño. Todos os localizados que cruzaban a fronteira tiñan dúas opcións:
- Pasar coa colaboración das autoridades sublevadas, o que acontecería sobre todo pasado un tempo da sublevación, contando con redes e comunicación que permiten que algunhas elites republicanas fuxan, creando as autoridades un salvoconduto para fuxir dende os portos portugueses cara América Latina.
- Todo aquel que fora detectado que quixera pasar cara Portugal se lles enviaba a un campo de retención, dentro mesmo da fronteira portuguesa, habendo ata dous destes campos no país, e nestes campos o que se fai é agardar á visita daqueles que te poidan recoñecer no outro lado da fronteira para que estes te leven e saias do campo.
- Vía marítima: Podían tentar unha chegada ás costas portuguesas, pero estas contaban cunha ampla vixilancia costeira, sendo a outra das opcións o saír cara Asturias a cargo de barcos pesqueiros, sendo esta unha fuxida moi arriscada polo control marítimo-naval do Cantábrico.
- Os Maquis: Serían, fronte a todo o anterior, unha última forma de reacción destes individuos reprimidos, sendo estes maquis conformados por aquelas bolsas de xente que fuxe cara ao monte por non ter mellor alternativa.
O silencio será a resposta maioritaria e o que se produce é a fractura da sociedade civil, asistindo cada unha das comunidades e de colectivos a unha división irreconciliable entre vencedores e vencidos. Isto non significa que unha metade oprima a outra, pois todo o mundo é vixiado, tamén os vencedores, pois o Estado non permite réplica, non admite capacidade de crítica ou debate de nada, polo que todo o mundo está baixo sospeita: todo o mundo é culpable ata que se demostre o contrario (xustiza ao revés).
O Proceso Represivo e as Estruturas de Control
Sobre o proceso represivo: todo o mundo é sospeitoso e hai dous elementos claves no Estado franquista. Un será a aplicación da violencia, con varios graos co paso dos anos; e a información como segunda peza. Xa dende o primeiro momento do proceso represivo se multiplican as estruturas dos servizos de información do Estado, habendo xa uns primeiros pasos a finais da República, pero realmente cando se institucionaliza de maneira eficaz será durante os primeiros anos da Ditadura. Cada grupo e estrutura, sexa militar ou non, terá os seus propios servizos de información.
A Escala de Mando da Represión
Na escala de mando hai catro niveis: de arriba cara abaixo, quen decide se si ou non é o Exército, o segundo dos niveis é a Garda Civil, o terceiro dos chanzos son os sectores comprometidos ideoloxicamente (Falanxe e Camisas Vellas), e o cuarto os paramilitares, grupos que proceden de contornas políticas ou non, estando estas milicias paramilitares estendidas por toda a xeografía galega. Todas estas estruturas represivas teñen servizos de información independentes que se vixían mutuamente.
A primeira gran oposición para ser funcionario de servizos de información realizáronse no ano 1937 cunha oferta de máis de 1000 prazas. O Estado, por enriba destes, tamén contaba cos seus propios servizos de información, sendo estes unha peza clave: cando dicimos que o Estado era forte era porque este tiña información de todos, dirixindo non só ao Estado senón mesmo á propia oposición deste, tendo información da oposición tanto do interior como do exterior, algo fundamental para entender a pervivencia do Estado Franquista.
Campos de Retención e Depuración Educativa
Toda Galicia terá os anteriormente mencionados campos de retención, observando varios en San Simón, Silleda, Padrón, Cedeira, Lavacolla... e tamén cárceres provinciais e locais, depósitos municipais que funcionarán para a retención e clasificación dos prisioneiros. As depuracións serían unha constante tamén, falándosenos de arredor de 20 mil casos, observando depuracións na administración como sucedera co caso dos mestres, sendo moitos suspendidos. Houbera un grande interese da II República polo ámbito educativo, con grandes oposicións de profesorado que serían suspendidos do seu emprego e sometidos a investigacións por parte do Estado Franquista, absoluta prioridade para controlar a educación na medida do posible, e así, as mentes da poboación. Só existe unha única España e un único pensamento oficial.
Establecemento das Novas Institucións Locais
Os primeiros pasos para montar as novas institucións do Estado sucederán a partir de mediados de setembro, comezando a aparecer reunións nas principais institucións públicas e, en cada sociedade local galega vanse crear corporacións (sen ningunha continuidade ou case mínima coas da República) e se van a nomear estas sen eleccións de ningún tipo, dende o Goberno Civil Militar. Estas terán unha cor ou outra dependendo das sociedades locais, é dicir: hai moitas corporacións onde a maioría serán homes procedentes da Ditadura de Primo de Rivera.
Só vai haber un cambio xeracional naquelas sociedades onde precisen dunha imaxe modernizadora, por exemplo, boa parte das xuventudes da CEDA participarán destas novas corporacións en zonas locais onde a influencia dos obreiros fose importante, instalándose a vella política de Primo de Rivera en practicamente todas as corporacións. A designación faise a dedo, pero as primeiras estruturas responderán a representacións parroquiais, por ser esta a mellor distribución considerada en Galicia para as corporacións locais debido á influencia da igrexa e do catolicismo dentro da mensaxe das novas autoridades.
Selección de Cargos e o Papel da Falanxe
Á hora de buscar este relevo, os designados serían non tanto falanxistas formados (pois a maioría destes irán cara a gobernos civís ou deputacións provinciais, postos máis elevados), senón que se buscarán persoas recoñecidas localmente polo seu conservadorismo e pola súa oposición ao sistema republicano, non buscando persoas, por exemplo, da CEDA, senón a outras como as vencelladas a Renovación Española ou ao Bloque Nacional (pois ás autoridades franquistas non lles convence a participación da CEDA na República), sendo o obxectivo non acabar coa orientación de esquerdas senón coa práctica democrática. Da CEDA, en cambio, si que se aproveitarán as súas xuventudes, máis formadas en traballar coas masas e no seu convencemento.
Habería, ademais, moi poucos voluntarios para cubrir estes cargos, isto debido aos anos de Guerra Civil e do posterior conflito mundial. Buscarán como representantes na política da ditadura a xentes que posúan a súa mesma cultura, non a políticos como tal (“xente rústica, boa, honrada, relixiosa, independente e apolítica”). Ningún desempeñou ningún cargo público, ademais de non ter estes vinculación coa democracia anterior e, se non participou na ditadura de Primo aínda mellor. Evidentemente estes serían máis manexables polas autoridades militares e se tratarán de persoas moito máis disciplinadas.
Falanxe, como ben sabemos, a finais da República son poucos. A partir da vitoria dos sublevados en Galicia é evidente que os Camisa Vellas eran unha elite maioritariamente formada que estaría fundamentalmente en institucións, debendo desbotar a idea de que a represión foi levada por falanxistas ou por paramilitares senón polos militares e os gardas civís (escala anteriormente mencionada de poder).