Arte Paleocristiá: Historia, Arquitectura e Simbolismo

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,66 KB

Arte Paleocristiá: Orixe e Características

Denomínase arte paleocristiá a que desenvolven os primeiros cristiáns dentro do Imperio Romano e que, aínda que utiliza os mesmos elementos clásicos que a arte pagá, acaba por ter unha personalidade propia que influirá na arquitectura e artes figurativas de épocas posteriores.

Periodización da Arte Paleocristiá

Na arte paleocristiá distínguense dous períodos principais:

  1. Etapa Clandestina (Século II ata o ano 313)

    O cristianismo non é unha relixión recoñecida e ás veces é perseguida, o que inflúe nas súas primeiras manifestacións artísticas.

  2. Etapa Post-Constantiniana (Dende o ano 313)

    No ano 313 promúlgase o Edicto de Milán, que converte o Cristianismo nunha relixión tolerada, e máis tarde na única oficial. Isto fai que a arte paleocristiá se desenvolva plenamente, construíndo edificios axeitados ao novo culto e adoptando novas iconografías a partir de elementos clásicos.

A Arte na Etapa Clandestina

Arquitectura Clandestina: As Catacumbas

Non hai unha arquitectura ao aire libre. A edificación máis característica son as catacumbas. Son galerías soterradas dedicadas á inhumación de cadáveres. Estes dispóñense en nichos (loculi), moitas veces superpostos (columbarios), escavados nas paredes, ás veces protexidos baixo un arco (arcosolium).

As galerías poden contar con pequenos espazos (cubicula), que podían comunicarse co exterior mediante aberturas de ventilación e iluminación no teito (lucernarios).

En canto aos lugares de culto, estes estaban nas propias casas particulares (domus ecclesiae).

Artes Figurativas e Simboloxía

A pintura é semellante en estilo ás pinturas romanas da mesma época.

Temas Simbólicos e Alegóricos

Dado o carácter clandestino da relixión, os temas van ser simbólicos ou alegóricos:

  • As Cruces: Símbolo da paixón de Cristo.
  • O Crismón (XP): Combinación das letras gregas Chi (X) e Rho (P), primeiras letras do nome de Cristo en grego. Ás veces flanqueado cunha Alpha (A) e unha Omega (Ω) (principio e fin, símbolo de eternidade), e cun traveseiro, figurando a cruz.
  • Uvas e Espigas: Simbolizan o pan e o viño, carne e sangue de Cristo, presentes no sacramento da Eucaristía.
  • Peixes (ΙΧΘΥΣ): Son un anagrama de Iesus Xristos Theou Yios Soter (Xesús Cristo, Fillo de Deus, Salvador), que dan a palabra peixe en grego. Tamén o peixe está relacionado cos apóstolos, xa que algúns eran pescadores no mar de Galilea, e seguiron a Cristo cando lles dixo que serían "pescadores de homes".
  • A Áncora: Simboliza a esperanza (da vida futura).
  • O Año: Ás veces acompañado dunha cruz (Agnus Dei). Representa o cordeiro ou año que se leva ao sacrificio, e que se asimila con Cristo, que foi sacrificado para expiar os pecados dos homes.
  • Paxaros:
    • As pombas representan o Espírito Santo.
    • Os pavos reais representan a vida eterna (críase que estas aves non morrían).
    • A Ave Fénix representa a resurrección (rexurde das súas cinzas).
  • Outros Temas Pagáns Reinterpretados: Outras veces repítense temas pagáns, aos que se lles dá outro significado: o moscóforo (representación do Bo Pastor), Eros e Psique (Cristo e a alma), Orfeo (resurrección), etc.

Entradas relacionadas: