Arte Grega: Características, Etapas e Influencia
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en gallego con un tamaño de 8,05 KB
Unidade IV: A Arte Grega
A arte é a expresión da realidade ou do imaxinado segundo a visión persoal do artista, manifestada mediante recursos arquitectónicos, pictóricos, lingüísticos e musicais. Tamén reflicte a época ou situación social do artista.
A arte grega presenta as seguintes características:
1. Antropocentrismo: ten como centro de interese o ser humano.
2. Harmonía e beleza: busca a harmonía nas proporcións e a simplicidade e beleza das formas.
3. Subordinación aos intereses das pólis: créase para satisfacer as necesidades tanto individuais como colectivas dos cidadáns da pólis.
4. Relixiosidade: expresa dalgún xeito a relación cos deuses.
Os Comezos da Arte Grega
Arte Minoica ou Cretense (2000-1400 a.C.)
Desenvolveuse en Creta. En arquitectura destaca pola construción de grandes pazos, con elementos como un patio central de forma rectangular, numerosas habitacións, zona de almacéns etc. As columnas eran vermellas. Conservamos restos dos de Cnossos, Festos e Haxia Tríada.
Polo que respecta á pintura, os minoicos crearon pinturas ao fresco para decorar os muros, caracterizadas pola fina execución e pola viveza das cores. Os temas representados eran festas de touros, escenas da vida cotiá, motivos vexetais etc. Unha das pezas máis famosas é o Príncipe dos lirios.
No campo da escultura, destacan as figuras de sacerdotisas ou deusas vestidas con saias en forma de campá, con cintura estreita e grandes peitos que levan serpes nas mans.
Arte Micénica (1600-1400 a.C.)
Moi influído polo cretense, xurdiu no continente e os núcleos principais foron Micenas e Tirinto. As creacións que presenta son as propias dunha sociedade guerreira. Son características desta civilización as grandes fortalezas, cun pazo no centro. A parte principal do pazo era o mégaron, sala rectangular con columnas, precedida dunha antecámara e un pórtico. Tamén destacan as tumbas de corredor, de entre as que destaca a de Agamenón, tamén coñecida como Tesouro de Atreo en Micenas.
Polo que respecta á escultura, destaca a Porta dos Leóns en Micenas.
Arquitectura e Urbanismo
O Templo
Era a morada do deus e o lugar onde se gardaban as ofrendas, pero non lugar de reunión.
A súa estrutura baseábase nunha sala central ou naos, diante un vestíbulo ou pronaos. Finalmente, tamén había unha sala posterior para gardar as ofrendas, chamada opistódomos. Estaban construídos en pedra, con formas rectilíneas e rodeados de columnas, que podían pertencer a unha das seguintes ordes:
a) Dórica: as columnas tiñan un fuste ou parte central percorrido por 20 estrías e lixeiramente ensanchado. Estaban rematadas por un capitel sen decoración e levantábanse directamente sobre o estilóbato (gradas). Exemplo: Partenón.
b) Xónica: as columnas non están ensanchadas e levan 24 estrías. Van sobre un soporte chamado basa e o capitel está decorado con volutas. Ex: Erecteion.
c) Corintia: é como a xónica, pero os capiteis están decorados con follas de acanto. Ex: Zeus Olímpico.
A Cidade Grega
Para os gregos a cidade, concibida como un conxunto no que todos os elementos estaban interrelacionados, tiña un trazado ortogonal ou hipodámico, que consistía en trazar rúas paralelas e perpendiculares, formando cuadrículas xeométricas.
Os gregos construíron os edificios cunhas dimensións a medida do ser humano e sen empregar o arco nin a bóveda. Ademais dos templos, nunha cidade grega había os seguintes recintos e edificios:
a) Ágora: praza pública no centro da cidade, normalmente porticada e de forma cadrada. Nela ou nas proximidades estaba o mercado e tamén os principais edificios públicos.
b) Stoa: edificio porticado con establecementos comerciais.
c) Bouleuterion: edificio para reunións políticas e xudiciais.
d) Ximnasio e palestra: edificios destinados á práctica de exercicios físicos e loita.
e) Teatro: construído ao aire libre e de planta semicircular, tiña as seguintes partes: cavea (graderío, aproveitando a pendente dunha colina), orquestra (espazo circular no que actuaba o coro), proscenio (parte lixeiramente elevada respecto á orquestra, na que actuaban os actores) e escena (que servía de decorado). O mellor conservado é o de Epidauro, do século IV a.C.
Escultura
Na súa evolución presenta tres etapas fundamentais:
Escultura Arcaica (séculos VIII-VI a.C.)
De forte influencia oriental, as esculturas deste período son os kouroi (mozos espidos) e as korai (mozas vestidas). Conservan a rixidez e frontalidade orientais e presentan ollos amendoados, longas guedellas e sorriso forzado.
Escultura Clásica (séculos V-IV a.C.)
A escultura grega acada a máxima perfección. Os escultores plasmaron nas súas obras a beleza física, a expresión ou exteriorización dos sentimentos e o movemento. Os escultores máis importantes son Mirón (Discóbolo), Fidias (frisos do Partenón e esculturas de Atenea e Zeus), Polícleto (Doríforo), Praxíteles (Afrodita de Cnido e Hermes con Dioniso neno) e Lisipo (Apoxiomenos).
Escultura Helenística (finais do século IV a.C.-período romano)
Amosa un afán polo colosal e o idealismo clásico substitúese por un realismo case patético. Póñense de moda o desequilibrio dos corpos, a expresión dramática e a fealdade dos monstros.
As obras máis representativas son os relevos do Altar de Zeus en Pérgamo, Laoconte e os seus fillos, Touro Farnesio, Galo moribundo, Vitoria de Samotracia e Venus de Milo.
Cerámica
En Grecia, a produción de cerámica acadou o momento culminante durante os séculos VI-IV a.C. e os principais centros produtores foron Atenas e Corinto. Había dous tipos, o de figuras negras e o de figuras vermellas, así como diversos tipos de recipientes: ánfora (para almacenar e transportar líquidos), crátera (para mesturar viño e auga), hidria (para conter viño ou auga) etc. A peza máis representativa é o Vaso François (570 a.C.).
2º Exame
:
-Dia: por, a tavés de.
-Peri: alrededor.
-Sin: xunto, con.
-Alxia: dor.
-Itis: inflamación.
-Faxia: feito de comer.
-Fonía: son, voz.
-Gamia: matrimonio.
-Grafía: escritura, descrición.
-Tica: relativa a.