Arte Bizantina: Historia, Características e Influencias

Enviado por Chuletator online y clasificado en Ciencias sociales

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,21 KB

Arte Bizantina

Á morte do emperador romano Teodosio, no ano 395, o Imperio romano foi dividido en dúas metades: a occidental para o seu fillo Honorio, con capital en Roma, e a oriental, para o seu outro fillo Arcadio, con capital en Constantinopla, cidade fundada medio século atrás por Constantino. No século V o Imperio romano desapareceu, desintegrado en múltiples reinos gobernados por reis xermanos. Sen embargo, o Imperio de oriente continuou a súa existencia independente. Co emperador Xustiniano, no século VI, Bizancio (o antigo nome de Constantinopla) acada o cumio do seu poder e da súa extensión territorial, ao pretender reconquistar outra vez as ribeiras do Mediterráneo. Malogrado este obxectivo, o Imperio sobreviviu con máis ou menos fortuna durante un milenio, ata a conquista da súa capital polos turcos no ano 1453.
Bizancio foi unha extensión no tempo do Imperio romano cristián, rexido por un basileus ou emperador, xefe político e relixioso, independente da autoridade do Papa de Roma dende o cisma da Igrexa en 1054 (Cisma de Oriente), que dividiu o mundo cristián entre católicos e ortodoxos.

Influencias da Arte Bizantina

A arte bizantina é produto dunha dobre influencia:
  • Da arte romana vai conservar a importancia concedida aos espazos interiores na arquitectura, e o uso de materiais (tixolo, morteiro) e técnicas construtivas (arcos, bóvedas...).
  • Da arte cristiá oriental toma a preferencia polos edificios de plan central e o uso da cúpula nas cubertas, as proporcións grandiosas, o luxo nas decoracións e moitísimos temas iconográficos.

Periodización da Arte Bizantina

A arte bizantina pode dividirse en tres períodos coñecidos como Idades de Ouro:
  • I Idade de Ouro: século VI, coincidindo co reinado de Xustiniano. Tras o reinado de Xustiniano, iníciase un longo período de decadencia, marcado pola perda de territorios, e pola "querela iconoclasta", que enfrontou aos inimigos do culto ás imaxes (iconoclastas, ou destructores de imaxes) contra os iconódulos.
  • II Idade de Ouro: séculos IX - XII, tras as loitas iconoclastas, entre os séculos IX e XII Bizancio vive un novo período de esplendor, coas dinastías dos Macedonios e os Comenos, que finaliza coa conquista de Constantinopla polos cruzados en 1204.
  • III Idade de Ouro: séculos XIV- XV. En 1261, os bizantinos expulsan aos cruzados de Constantinopla, e restauran o Imperio, recaendo a coroa na dinastía dos Paleólogos. Comeza así unha terceira Idade de Ouro que durará ata a caída de Constantinopla ante os turcos, aínda que as súas características perviven nos países eslavos.

Arquitectura Bizantina

A tipoloxía principal da arquitectura bizantina serán os edificios relixiosos, as igrexas, relacionadas non só coa importancia da Igrexa Cristiá oriental, senón tamén co poder político do emperador (basileus), que se apoiaba nela para xustificar o seu Imperio. Moitos templos serán patrocinados polos emperadores, polo que esta é unha arte áulica, cortesana, que expresa a un tempo a gloria de Deus e do emperador consagrado por el.

Entradas relacionadas: