Arquitectura Paleocristiá: Basílicas e Mausoleos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,14 KB
Etapa Constantiniá e Posterior
Arquitectura
Pódese distinguir entre a arte que se fai na parte occidental do Imperio e a da parte oriental.
Imperio Romano de Occidente
Despois do Edicto de Milán, coménzanse a construír edificios especificamente adicados ó culto cristián, seguindo tipoloxías xa existentes da propia arte romana. Distinguimos dous tipos de edificios segundo as súas plantas:
As Basílicas
Son herdeiras das basílicas paganas, só con algunhas leves variacións. A basílica deixa de ser un edificio de uso civil para acoller á asemblea (ekklesia) dos fieis, de aí a palabra igrexa. Teñen as seguintes características:
- Son de planta rectangular, dividida en naves (normalmente tres) separadas por columnas. Estas columnas sosteñen arcadas ou entablamentos adintelados.
- A nave central adoita ser máis alta que as laterais. A diferencia de altura entre as naves aprovéitase para abrir fiestras que iluminen a nave central (claristorio). A nave dereita (mirando ao altar) é a nave da epístola, e a esquerda a do evanxeo, porque dende cada un deses lados se fan as respectivas lecturas dos textos sagrados, e tamén serven para a segregación dos fieis por sexos.
- As cubertas adoitan ser arquitrabadas, con artesoados de madeira.
- Na cabeceira, orientada ó leste (en dirección aos Santos Lugares), ábrese unha ousia ou ábsida semicircular, onde se atopa o altar. Ao abrirse cara a nave central (de alzado cuadrangular), adopta unha disposición semellante a un arco triunfal (un semicírculo inscrito nun cadrado), e será obxecto dun tratamento decorativo especial.
- Ás veces, na cabeceira hai unha nave transversal ou transepto, que se destaca en altura, adoptando a planta unha forma semellante a unha cruz.
- Nos pés da basílica, na entrada, disponse un espacio separado, o nartex. A súa función é servir de vestíbulo e acoller aos catecúmenos (os que aínda non se bautizaron, e que non poden asistir a todo o rito).
- Tamén, diante do templo, pode haber un adro porticado (atrium), con fonte.
Edificios de Plan Central
Os edificios de plan central son os que se dispoñen arredor dun punto central, adoptando unha forma circular ou poligonal. Este tipo de planta resérvase a batisterios (construccións exentas ás basílicas, destinadas ao bautismo dos fieis) e edificios de carácter funerario.
O Mausoleo de Santa Constanza ergueuse para acoller a tumba da filla de Constantino. Ten planta circular cuberta cunha cúpula e rodeada por un corredor circular (deambulatorio) abovedado, separado do espacio central por 12 pares de columnas. Estas columnas pareadas están unidas entre si por pequenos entaboamentos sobre os seus capiteis, o que inspiraría posteriormente o cimacio bizantino. Estes entaboamentos serven de imposta a unha arcada. Santa Constanza terá paralelos con outros edificios posteriores de gran trascendencia, como San Vital de Rávena, e posteriormente a capela palatina de Aquisgrán.