Aristóteles: Causas, Cambio, Ben e Virtude
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,66 KB
Relacións na Filosofía de Aristóteles
A Investigación das Causas en Aristóteles e os Filósofos da Grecia Arcaica
Para Aristóteles, os filósofos anteriores non souberon ver que había catro causas. Segundo el, os xonios falan unicamente da causa material. O Nous de Anaxágoras, aínda que parecía ser unha causa final, só é unha causa eficiente. Platón non considerou a causa final. Para Aristóteles, a causa final non foi claramente distinguida por ningún deles.
O Pensamento de Aristóteles e Parménides sobre o Cambio
O cambio en Aristóteles é posible no ser porque é a substancia, e non se trata dun paso do ser ao non-ser en termos absolutos, senón que hai sempre un substrato que permanece e no que se atopa a potencia para cambiar. É dicir, o substrato non é unha determinada forma, pero chega a ser esa forma en acto. Con todo, Parménides negaba o cambio no ser, dicindo que o ser non pode non-ser.
Teleoloxismo en Aristóteles, Platón e Anaxágoras
Para Anaxágoras, o teleoloxismo consiste no Nous. En Platón é o demiurgo. En Aristóteles pode apreciarse no primeiro motor, na potencia-acto e na teoría das catro causas.
A Concepción do Ben en Platón e Aristóteles
O punto de partida de Aristóteles é que a felicidade é o ben supremo. Para Aristóteles, o ben supremo ten que ser un ben ou un conxunto de bens que cumpra: ser fin en si mesmo, ser autosuficiente e ser acadable nesta vida. Aristóteles rexeita a identificación da felicidade co pracer e as honras, xa que estes só son medios para acadala. Ademais, critica a concepción platónica do ben ao considerar que o ben non pode ser nada separado da experiencia e que o ben non é unha realidade única.
A Concepción da Virtude: Grecia Arcaica, Sofistas, Sócrates, Platón e Aristóteles
- Grecia arcaica: A virtude remitía a calidades físicas ou relativas ao valor do guerreiro.
- Sofistas: As calidades tiñan que ver coa habilidade para a vida política.
- Sócrates: A virtude espiritualízase, é dicir, a excelencia queda remitida a calidades internas e chega a ser un concepto plenamente moral, xa que acadar a virtude require decisión racional por parte dos individuos.
- Platón: A virtude está ligada ao coñecemento do ben.
- Aristóteles: A virtude é un hábito, unha disposición que se adquire coa práctica e que consiste no termo medio entre dous extremos.