Aprendizaxe Escolar Con Construtivismo: Claves e Estratexias
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,48 KB
A Concepción Construtivista da Aprendizaxe Escolar
A concepción construtivista da aprendizaxe escolar: Para Ausubel, só se aprende cando somos capaces de atribuír significados aos actos e de elaborar unha representación persoal dos mesmos. O alumno aprende un contido calquera cando é capaz de atribuírlle un significado, e construímos significados cada vez que somos capaces de establecer relacións substantivas e non arbitrarias entre o que aprendemos e o que xa coñecemos. A construción de significados plantexa unha serie de esixencias:
- Que o contido que se aprende sexa potencialmente significativo:
- Significación lóxica (estrutura lóxica interna. Dificultade para algúns contidos).
- Significación psicolóxica (relación non arbitraria do contido que vai aprender co que xa coñece).
- Unha actitude favorable: Isto fai referencia á intencionalidade do alumno para relacionar o novo material de aprendizaxe co que xa coñece.
A aprendizaxe significativa consiste en establecer vínculos entre as novas informacións que recibimos e os esquemas de coñecemento que xa temos, de tal xeito que poida haber transferencia do aprendido.
Os contidos que se transmiten e se aprenden na escola xa están elaborados e forman parte do coñecemento cultural; polo tanto, o alumno ten que construír e atribuír significados a algo que xa existe e, aínda que cada alumno lle atribúa un significado persoal, obriga ao proceso educativo a que as atribucións que se realicen teñan o sentido que a cultura e a convención social determinen para que cumpra co establecido socialmente. Pero ese alumno non pode actuar illadamente, é necesaria a presenza doutros elementos persoais, destacando o papel fundamental do profesor que se encarga de orientar, guiar e axustar a actividade do alumno.
A aprendizaxe significativa non pon a énfase na competencia intelectual do alumno, senón máis ben na existencia de coñecementos previos pertinentes para o contido a aprender, que dependen, por suposto, en parte da devandita competencia intelectual, pero tamén, e sobre todo, das experiencias previas de aprendizaxe, tanto escolares como extraescolares.
A aprendizaxe significativa supón un cambio radical no xeito de entender o proceso de ensinanza/aprendizaxe. Ponse de manifesto a importancia do coñecemento previo do alumno e os seus procesos de pensamento.
WITTROCK (1986) afirma que existe evidencia empírica de que, xunto ao coñecemento previo, existen outros aspectos ou procesos que actúan como mediadores entre ensinanza e os resultados da aprendizaxe: percepción que ten o alumno da escola, o profesor e as súas actuacións, expectativas diante do ensino, motivacións, crenzas, actitudes e atribucións, estratexias de aprendizaxe que sexa capaz de empregar, etc.
O sentido que os alumnos atribúen á tarefa escolar é consecuencia da complexa dinámica de intercambios comunicativos que establecen a múltiples niveis entre os participantes, entre os propios alumnos e entre profesor e alumno.
O Papel do Profesor na Construción de Significados
Na construción de significados ten un papel importante tamén o profesor, xa que os significados que constrúe o alumno non son significados calquera, senón que corresponden a contidos que, na súa maior parte, son creacións culturais.
O alumno é o responsable último da aprendizaxe na medida en que constrúe o seu coñecemento atribuíndo sentido e significado aos contidos da ensinanza, pero o profesor é o que determina coa súa actuación, coa súa ensinanza, que as actividades nas que participa o alumno posibiliten un maior ou menor grao de amplitude e profundidade dos significados construídos e, sobre todo, o que asume a responsabilidade de orientar esta construción nunha determinada dirección. O profesor é, pois, ao mesmo tempo, un guía e un mediador.
Se a aprendizaxe se fai deste xeito, haberá transferencia da aprendizaxe, é dicir, o alumno adquirirá unha capacidade de xeneralización ou aplicación do aprendido a situacións novas e distintas.
Tanto o proceso construtivo como os erros son elementos necesarios para o coñecemento, e querer suprimilos é intentar eliminar un percorrido para chegar a un fin. O coñecemento que non é construído ou reelaborado polo individuo non é xeneralizable, senón que permanece ligado solidamente á situación na que foi aprendido sen poder ser aplicado a contidos diferentes.