Antropoloxía Platónica: O Dualismo Alma-Corpo e a súa Relación coa Polis Ideal
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
español con un tamaño de 5,16 KB
Antropoloxía Platónica
O Dualismo Alma-Corpo
O dualismo entre o mundo intelixible e o mundo sensible tradúcese na antropoloxía platónica no dualismo corpo/alma, pois son as dúas partes que constitúen o ser humano.
O corpo é considerado unha cárcere para a alma. A alma ten unha natureza ben diferente: é espiritual, eterna, inmortal, simple e pertence ao mundo intelixible. O corpo e a alma encóntranse vinculados no mundo sensible, pero a alma pertence a outro mundo e desexa liberarse do corpo para volver a onde pertence.
A Estrutura Tripartita da Alma
A alma está estruturada en tres partes diferentes, tal como é presentada na súa obra Fedro. Estas partes son:
- Racional: A parte superior, inmortal, intelixente, de natureza divina e situada no cerebro.
- Irascible: A fonte das paixóns nobres (valor, coraxe, fortaleza), situada no tórax e inseparable do corpo, polo tanto, mortal.
- Concupiscible: A fonte das paixóns innobles (apetitos, desexos corporais), situada no abdome e tamén mortal.
Neste mito, Platón tenta solucionar o problema da tensión entre o racional e o irracional no ser humano. Platón comprende a complexidade da mente humana.
Inmortalidade da Alma e Ética
Para Platón, a alma (especificamente a parte racional) é inmortal. Nesta concepción da alma inmortal, Platón ten claras influencias da teoría pitagórica.
A ética desenvolvida por Platón baséase nestas ideas antropolóxicas:
- Platón pensa que os conceptos morais poden ser universais e absolutos, e coa súa teoría das Ideas atopa o carácter absoluto dos conceptos ético-políticos.
- Para Platón, a ética ten como finalidade que o individuo acade a felicidade, e esta atópase na práctica da virtude.
- A virtude (Areté) é o equilibrio ou harmonía das tres partes da alma, onde cada parte cumpre a súa función baixo o goberno da razón.
Vinculación da Alma á Cidade: A Polis Ideal
Platón fala no diálogo A República da vinculación entre a alma e a polis ao determinar en que consiste a xustiza no individuo e na polis, e ao relacionalas. Relaciona igualmente a vinculación da alma á cidade coa “teoría tripartita” da alma.
Contexto e Obxectivo
Ante a decadencia da polis ateniense, Platón busca superar o relativismo, individualismo e irracionalidade que nela imperan por culpa, segundo el, da segunda xeración de sofistas. Sócrates (como personaxe no diálogo) trata de averiguar en que consiste a xustiza no individuo, pero como esta é unha virtude tanto do individuo como da polis, primeiro tentará saber en que consiste a xustiza na polis para entender como afecta o individuo.
Estrutura da Polis Ideal
A natureza e estrutura da polis será analizada en base á construción dunha polis ideal que busca integrar nela aos individuos, acomodar o irracional dentro do estado e sometelo á harmonía e ao goberno da razón para manter a orde e a unidade. A organización da polis en clases especializadas está baseada na natureza predominante da alma nos individuos:
- Gobernantes-Filósofos: Predomina a alma racional (amor ao coñecemento). A súa virtude é a prudencia ou sabedoría (sophía).
- Gardiáns (Guerreiros): Predomina a alma irascible (desexo de honores e valor). A súa virtude é a fortaleza ou valentía (andreía).
- Produtores (Artesáns, Campesiños): Predomina a alma concupiscible (desexo de bens materiais). A súa virtude é a temperanza ou moderación (sophrosyne).
A Xustiza na Polis e no Individuo
A xustiza na polis consistirá na harmonía entre estas tres clases sociais, onde cada unha cumpre a función que lle é propia segundo a súa natureza e virtude específica, baixo a dirección dos gobernantes-filósofos. A xustiza no individuo é tamén a harmonía entre as distintas partes da alma, onde a razón goberna as paixóns (irascible) e os apetitos (concupiscible).
O Papel da Educación (Paideia)
Para que a polis sexa xusta é tamén necesaria a educación dos cidadáns, aínda que Platón a reserva principalmente para aqueles que podan chegar a ser gardiáns e gobernantes-filósofos. Así, esta paideia serve para desenvolver as dotes naturais dos homes. A educación dos gobernantes-filósofos está encamiñada ao coñecemento da Idea de Ben, porque só quen contempla a racionalidade e a verdade última está capacitado para gobernar con xustiza.
Comunismo Platónico
Platón plantexa tamén a abolición da propiedade privada e da familia para as clases superiores (gobernantes e gardiáns) co fin de manter a orde e a unidade da polis. Isto ten unha finalidade moral: acabar co egoísmo e a irracionalidade derivados dos intereses particulares e favorecer a dedicación exclusiva á defensa e ao ben común.