O Antigo Réxime: Sociedade, Economía e Política en Europa

Enviado por Nuria y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,53 KB

Que foi o Antigo Réxime?

O Antigo Réxime é o conxunto de relacións políticas, sociais e económicas que caracterizaban as monarquías europeas do século XVIII. Tiña tres características fundamentais:

  • O mantemento da sociedade estamental de orixe feudal.
  • Un sistema económico baseado no sector primario, predominantemente na agricultura.
  • Un sistema político de monarquía absoluta, baseado na concentración do poder no rei e na centralización do sistema administrativo (modelo de goberno e administración en que as decisións se toman por unha soa institución ou persoa sen delegar autoridade).

A sociedade estamental

A sociedade estamental era a forma de organización social característica do Antigo Réxime. Orixinouse na Idade Media e dividía a sociedade en tres ordes ou estamentos: o clero, a nobreza e o pobo raso (ou terceiro estado). Tiña dúas características fundamentais:

  • O inmobilismo vertical, que significaba que un representante do pobo raso non podía ascender para pertencer á nobreza, salvo raras excepcións.
  • A existencia do privilexio, que lles permitía á nobreza e ao clero ter certos beneficios fronte ao resto da sociedade, como non pagar impostos ou ter leis e tribunais propios.

A nobreza

A nobreza dividíase en alta e baixa. A alta nobreza tiña moitas propiedades no campo e recibía grandes cantidades de diñeiro grazas aos seus dereitos señoriais, polo que levaba unha vida fastosa. A baixa nobreza tiña unha situación económica máis delicada, polo que pouco a pouco empezou a buscar matrimonios coa burguesía máis adiñeirada, que á súa vez desexaba enobrecerse.

O clero

O clero tamén se dividía en alto e baixo. O alto clero estaba composto polos fillos menores das familias nobres e concentraba os señoríos eclesiásticos. O baixo clero estaba formado por persoas procedentes do pobo raso e vivían nun estado de miseria próximo ao do campesiñado.

O pobo raso ou terceiro estado

O pobo raso abranguía o resto da poboación e estaba composto principalmente pola burguesía e o campesiñado. O campesiñado era o grupo máis numeroso (arredor do 85% da poboación en países como España e Francia), pero a súa influencia na sociedade era escasa. Sobre o 10% eran propietarios das súas terras; o resto estaba sometido ao réxime señorial, traballando nas terras da nobreza a cambio dunhas rendas. A burguesía era cada vez máis importante. Ao non vivir no campo, non estaban baixo o réxime señorial. Con todo, non podía acceder ao poder político, que estaba monopolizado pola alta nobreza e polo alto clero.

A economía do Antigo Réxime

A propiedade da terra

A propiedade da terra estaba fundamentalmente nas mans dos estamentos privilexiados, donos dos señoríos, que supoñían preto do 40% da superficie cultivable a finais do século XVIII.

A industria e os gremios

A industria do Antigo Réxime foi impulsada principalmente polos reis, xa que a nobreza e o clero, que concentraban o capital, non podían investilo na industria e preferían facelo en terras. Tampouco a burguesía podía investir con facilidade o seu capital na industria, xa que os gremios (asociacións profesionais de artesáns) controlaban a produción de manufacturas e fixaban unhas condicións determinadas para acceder ao oficio e para elaborar os produtos, o que dificultaba as innovacións. A monarquía intentou renovar o sistema produtivo e creou as chamadas Reais Fábricas, pero estas instalacións eran máis ben grandes obradoiros artesáns que industrias modernas.

O comercio

O comercio exterior crecera moito grazas ao desenvolvemento dos intercambios entre Europa e América. En cambio, o comercio interior tiña problemas debido ao control dos gremios, á existencia de pesos e medidas rexionais diferentes e ás alfándegas interiores, o que dificultaba o intercambio de produtos entre as diferentes rexións dun mesmo país. Aínda así, foi a actividade comercial a que lle permitiu á burguesía enriquecerse e gañar influencia social.

O sistema político: absolutismo e mercantilismo

O absolutismo monárquico

O absolutismo era o sistema político que rexía na maior parte de Europa a principios do século XVIII. O rei concentraba todo o poder (lexislativo, executivo, militar, etc.), xa que decidía as leis, tomaba as decisións de goberno e dirixía o exército. Naceu en Francia no século XVII durante o reinado de Luís XIV. Apoiábase en teorías de pensadores como Bossuet, que defendían a orixe divina da monarquía, polo que nada nin ninguén podía estar por riba do rei.

O mercantilismo

O mercantilismo era un sistema económico desenvolvido polo ministro de Facenda de Luís XIV, Jean-Baptiste Colbert, e que defendía tres ideas principais:

  • Un estado era máis rico que outro canto máis ouro e prata tivese, polo que había que acumular eses metais.
  • Para captar os metais preciosos había que desenvolver o comercio exterior e implantar un proteccionismo económico, é dicir, poñerlles impostos (aranceis) aos produtos estranxeiros para evitar que se vendesen dentro do país.
  • O Estado debía intervir noutros aspectos da economía, como o desenvolvemento de industrias.

A crise do Antigo Réxime e as novas ideas

A monarquía parlamentaria inglesa

O conflito entre o rei e a burguesía en Inglaterra provocou o desenvolvemento das revolucións de 1642 e 1688, que remataron coa expulsión da dinastía Estuardo do trono inglés e o triunfo da monarquía parlamentaria.

O liberalismo político

O liberalismo político foi a base teórica da monarquía parlamentaria inglesa, enunciada por John Locke, que definiu os seus principios básicos: a liberdade, a igualdade ante a lei e a propiedade como criterio de diferenciación social.

A Ilustración

A Ilustración foi un movemento intelectual que se desenvolveu en Europa ao longo do século XVIII. Os ilustrados partían de tres principios:

  • A posibilidade de analizar a sociedade aplicando a razón.
  • O ser humano como centro das súas teorías (antropocentrismo).
  • A tolerancia como base da convivencia humana.

Os ilustrados opuxéronse á sociedade estamental porque crían que era un sistema baseado na tradición, onde o máis importante era a posición da familia. Fronte a isto, defendían un sistema de igualdade social e legal, en que o progreso social estivese aberto a todos os individuos e respondese ás capacidades das persoas, non aos privilexios económicos ou familiares.

O despotismo ilustrado

O despotismo ilustrado é un sistema político que nace da aplicación das ideas ilustradas por parte da monarquía absoluta ("todo para o pobo, pero sen o pobo"). Este sistema apoiouse na fisiocracia, unha teoría económica enunciada por Quesnay. Para os fisiócratas, a riqueza dunha economía dependía da agricultura.

As revolucións burguesas e o liberalismo

Chamámoslle revolucións burguesas ao proceso de conquista do poder por parte da burguesía, como por exemplo, a Revolución Francesa (1789). O liberalismo revolucionario foi o pensamento en que se apoiaron estas revolucións e do que se extraeron dous conceptos esenciais: a separación de poderes e a soberanía nacional.

O liberalismo económico

O liberalismo económico é a doutrina económica que vai unida ás revolucións burguesas. Os seus principios son:

  • Librecambismo: Os intercambios exteriores debían facerse sen que o estado protexese os produtos propios mediante impostos fronteirizos (aranceis).
  • Lei da oferta e a demanda: Se se producen bens que non se demandan ou se os produtos son máis caros do que se quere pagar por eles, non se venden. Así mesmo, se uns produtos son mellores ca outros, os consumidores prefiren compralos.

Glosario de termos clave

Desamortizar

Privar da propiedade da terra aos propietarios que non a explotasen correctamente.

Entradas relacionadas: