O Antigo Réxime e a Ilustración: Transformacións en Europa e América

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 20,93 KB

O Antigo Réxime

Na Europa dos séculos XVII e, sobre todo, XVIII, os cimentos do Antigo Réxime foron socavados por:

  • As novas actividades económicas
  • O ascenso da burguesía
  • O movemento ideolóxico da Ilustración

Estas transformacións levaron á formación do mundo contemporáneo.

A supervivencia da sociedade estamental

A sociedade do Antigo Réxime está dividida nas tres ordes ou estamentos conformados na Idade Media:

  • O clero
  • A nobreza
  • O terceiro estado: son os plebeos, un grupo que engloba as persoas que exercen calquera ocupación ou oficio: campesiños, comerciantes…

Esta organización social está baseada na desigualdade legal, social e económica.

Clero e nobreza son os estamentos privilexiados:

  • Gozan de dereitos e privilexios
  • Están exentos de impostos
  • O seu enorme poder provén da acumulación durante séculos de terras, empregos, títulos e cargos

O terceiro estado é o vulgo:

  • Non ten privilexios
  • Debe soportar todas as cargas fiscais (impostos)
  • No século XVII representa un 85 % da poboación europea
  • Pero o seu peso nas decisións do Estado e no control da terra é moi escaso

Os estamentos son grupos pechados aos que se pertence por nacemento ou por formar parte da Igrexa.

  • O ascenso ou promoción social é posible dentro do propio estamento, pero moi difícil entre a condición de plebeo e nobre.
  • Só algúns membros da burguesía máis rica ascenden á nobreza.

Unha economía agraria e señorial

A principios do século XVIII, a agricultura é a fonte máis importante de riqueza, pero:

  • É moi pouco produtiva
  • Está tecnicamente moi atrasada

O maior problema para aumentar a produtividade reside na forma de propiedade e explotación:

  • A maior parte da terra está vinculada:
    • Está ligada a un título nobiliario, á Igrexa, a un concello ou á Coroa.
    • Os seus titulares poden sacar proveito económico, pero non vendela.
  • A terra está concentrada en moi poucas mans.
    • Os seus propietarios son rendistas que cobran dereitos señoriais.
    • Non invisten en mellorar os seus señoríos.
  • Os campesiños están obrigados a:
    • Pagar prestacións en produtos ou en traballo.
    • Pagar rendas ao seu señor: o censo.
    • Entregarlle á Igrexa a décima parte das colleitas: o décimo.
    • Entregarlle ao Estado outros tributos: talle, gabela…

Os escasos excedentes en mans dos agricultores dan lugar a unha agricultura de subsistencia, dedicada a:

  • O policultivo, basicamente de cereais.
  • O autoconsumo, en gran medida.

O comercio interior é moi reducido.

  • Só se compra o indispensable en feiras e mercados locais.

Xa que logo, a produción de obxectos manufacturados é escasa.

  • Dende a Idade Media está rixidamente controlada polos gremios.
  • Os gremios son organizacións de artesáns que exercen o control sobre as materias primas, a elaboración e a venda de produtos.

Unha poboación estancada

Como en séculos anteriores, a principios do século XVIII, o crecemento demográfico é escaso ou nulo por mor de:

  • Unha mortalidade moi elevada, entre un 30 ‰ e un 40 ‰.
    • Incide especialmente nos recentes nados.
    • Causada pola subalimentación, a falta de hixiene e os escasos recursos médicos.
    • A consecuencia é unha esperanza de vida baixa.
  • Unha natalidade tamén moi alta, entre un 35 ‰ e un 40 ‰.
    • Ademais, nunha economía agraria a subsistencia, a produción de alimentos non medra ao ritmo da poboación.

Nos períodos de grave escaseza de alimentos aparecen as chamadas crises de subsistencia.

  • As enfermidades e epidemias asáñanse cunha poboación subalimentada debido a varios anos de malas colleitas.
  • Provocan unha mortalidade catastrófica e deciman os efectivos de poboación.
  • En ocasións van acompañadas de auténticos motíns pola suba do prezo dos produtos básicos: revolta do pan.

Poder político e relacións internacionais na Europa do século XVIII

  • O absolutismo monárquico
  • A contestación ao absolutismo
  • Tratado de Utrecht
  • A política do equilibrio europeo

O absolutismo monárquico

O eixo central do sistema político do Antigo Réxime é a monarquía absoluta de dereito divino.

O monarca posúe un poder absoluto ao concentrar todos os poderes na súa persoa:

  • Goberna o reino.
  • Dirixe a política exterior.
  • Dita as leis.
  • Administra xustiza ou nomea os maxistrados que a exercen no seu nome.

O monarca absoluto non se somete a ningún tipo de control:

  • Non comparte a soberanía, é dicir, o poder, con ninguén.
  • É a encarnación do Estado.
  • Todos os habitantes son os seus súbditos e están sometidos a el.
  • Este dereito xustifícase pola orixe divina do seu poder, xa que:
    • Recibe esa autoridade de deus.
    • Exércea no seu nome.

Para poder exercer a súa autoridade, os monarcas son asistidos e asesorados por Consellos, ministros e secretarios.

Un gran número de funcionarios encárgase de:

  • Administrar o reino.
  • Recadar impostos.
  • Facer cumprir as ordes reais.

Se ben concentra todo o poder, o monarca debe respectar os privilexios tradicionais da nobreza e do clero.

  • Posúen dereitos de xurisdición (señoriais) nos señoríos, unha parte importante do reino onde:
    • Cobran impostos.
    • Administran xustiza.

O poder do monarca tamén está limitado polas Cortes e Parlamentos.

  • Xurdiran na Idade Media.
  • Están integrados por representantes dos tres estamentos.
  • Teñen competencia para:
    • Crear novos impostos.
    • Ratificar os novos monarcas.

A contestación ao absolutismo

Aínda que en Europa o sistema monárquico é o predominante, o absolutismo critícase en moitos lugares.

  • En Inglaterra e Holanda producíranse a finais do XVII revolucións que implantaran o control do Parlamento sobre os monarcas.

Ademais, no século XVIII, moitos monarcas absolutos son conscientes da necesidade de mellorar a economía e a administración dos seus países.

  • Introducen melloras, en moitos casos seguindo as novas ideas ilustradas, presionados por:
    • O baixo crecemento demográfico e económico.
    • As novas ideas ilustradas.

Tratado de Utrecht

O século XVIII iníciase cun grave conflito internacional: a Guerra de Sucesión á Coroa española (1700-1713).

  • O seu resultado marca o declive do Imperio español.
  • Significa o inicio do reinado da dinastía borbónica en España.

Os tratados de Utrecht e Rastatt póñenlle fin ao conflito.

  • Outórganlles unha serie de beneficios territoriais a Rusia, Prusia, Ducado de Saboia e as Provincias Unidas (Holanda).
  • Así mesmo, confirman como gran beneficiario o Reino Unido:
    • Consegue o monopolio do tráfico de escravos con América.
    • Consolídase, xunto con Holanda, como a gran potencia marítima e comercial.
  • Francia, Austria e Rusia tamén se afirman como grandes potencias.
    • O dominio continental élles disputado por Prusia, un Estado en ascenso.

A política do equilibrio europeo

No século XVIII ábrese unha nova época nas relacións internacionais.

  • Fin do dominio dos Austrias españois en Europa.
  • Consolidación de diversas potencias económicas e militares.

Fronte ás longas guerras do século XVII, os países europeos manteñen unha política de pactos e escasos enfrontamentos militares.

  • É o que se coñece como equilibrio europeo.
  • Outorga espazo para un crecemento económico, baseado en gran parte na expansión colonial.

Porén, os enfrontamentos polo control das colonias e do seu comercio dan orixe a algúns conflitos parciais, como a Guerra dos Sete Anos.

Mais, en xeral, mantense unha relativa paz no continente por mor de:

  • Un complexo sistema de alianzas entre os diversos países.
    • Por exemplo, os pactos de familia entre os Borbóns de España e de Francia.
  • Unha activa diplomacia.

A monarquía de poder limitado: o parlamentarismo inglés

En Inglaterra, dúas revolucións no século XVII acabaron coa monarquía absoluta da dinastía Estuardo.

  • O monarca Carlos I pretendera impor a súa autoridade e gobernar sen respectar os dereitos tradicionais e sen o control do Parlamento.

En 1649, o descontento provocou unha primeira revolución, dirixida por Oliver Cromwell, que derrocou e executou o rei.

  • Despois dun breve período republicano, o novo monarca, Carlos II, aceptou o Habeas Corpus (1679), a lei que lle garantizaba a todo detido comparecer ante un xuíz e poder defenderse.

En 1689, unha segunda revolución destronou definitivamente os Estuardo.

  • O Parlamento elixiu un novo monarca, Guillermo de Orange, e obrigouno a xurar e aceptar a Declaración de Dereitos (The Bill of Rights), que limitaba os poderes do monarca e sometía algunha das súas decisións ao Parlamento.

A monarquía parlamentaria non favorecía a todos:

  • Só unha minoría (grandes propietarios, nobres, burgueses, etc.) tiñan dereito a voto.
  • Os habitantes das colonias non estaban representados no Parlamento.
  • Aceptábase a escravitude.

O parlamentarismo inglés foi un exemplo para quen desexaba acabar noutros lugares co absolutismo.

  • O filósofo inglés John Locke fíxose eco destes cambios na súa obra Dous tratados sobre o goberno civil (1689) que tivo unha grande influencia no pensamento ilustrado e na revolución americana.

Transformacións económicas e sociais no século XVIII

O crecemento da poboación

Ao longo do século XVIII prodúcese un aumento da poboación nalgúns países de Europa debido a:

  • Un aumento da produción agraria por mor da introdución de:
    • Novos cultivos: pataca, millo…
    • Novas técnicas agrícolas.
  • A redución da mortalidade catastrófica ligado a:
    • A ausencia de grandes epidemias.
    • A ausencia de graves conflitos bélicos.
    • A menor frecuencia das grandes fames.

O aumento da produción: as manufacturas

Aumenta a necesidade de produtos manufacturados debido a:

  • O aumento da poboación.
  • O crecemento da demanda nas colonias europeas de América.

Isto estimula os comerciantes e algúns artesáns a buscar novos sistemas produtivos para fuxir do control dos gremios, que dificulta o aumento da produción.

Con este obxectivo, empézase a estender o traballo doméstico:

  • Unha familia campesiña recibe dun artesán-comerciante a materia prima e os instrumentos de traballo para elaborar produtos no seu propio domicilio.
  • Despois o comerciante encárgase de comercializar o produto nos mercados urbanos ou coloniais.

Por outra banda, durante o século XVIII difúndese un modelo de produción industrial: as denominadas manufacturas.

  • Son establecementos subvencionados, impulsados polas monarquías absolutas co fin de producir obxectos de luxo e frear as súas importacións.
  • O Estado tamén lle autoriza a instalación destas fábricas á iniciativa privada.
  • O proceso de produción é completamente manual.
  • A súa novidade consiste en concentrar baixo un mesmo teito un número moi elevado de traballadores que perciben un soldo.
  • Neste sentido, as manufacturas constitúen un precedente das fábricas modernas.

O comercio colonial

Boa parte dos produtos manufacturados teñen como destino o comercio coas colonias debido á grande expansión do comercio marítimo.

  • Os produtos obtidos en ultramar son ben recibidos e apreciados polas sociedades europeas: cacao, tabaco, café, azucre, algodón…
  • Así mesmo, as colonias son excelentes mercados para os produtos europeos e permiten o auxe de numerosas manufacturas.

No século XVIII ábrense novas rutas marítimas.

  • O comercio colonial convértese nun factor de estímulo para as economías europeas e danlles grandes beneficios a:
    • Os comerciantes.
    • Os armadores: propietarios de barcos.
    • Os industriais.
    • A propia monarquía, que cobra taxas e impostos.

O ascenso da burguesía

O crecemento da economía converte a burguesía no grupo social máis dinámico.

  • Os burgueses posúen os negocios, as manufacturas e as compañías comerciais.
  • Controlan os grandes capitais e as institucións financeiras.
  • Actúan como prestamistas da nobreza e da monarquía.
  • Moitos deles teñen, ademais, unha sólida formación intelectual.

Este poder económico contrasta coa súa posición social e política na sociedade estamental.

  • Non só están sometidos a fortes impostos e a unha discriminación legal fronte á nobreza.
  • Senón que carecen, na maioría dos países, de poder político para cambiar as leis.

Ante esta situación, a burguesía aspira a profundos cambios no sistema social do Antigo Réxime.

  • Demandan a fin dos privilexios estamentais, a igualdade de dereitos e poder participar en política.
  • Teñen poder económico, influencia e formación para intentar liderar eses cambios.

Que papel desempeñou o comercio colonial nos cambios económicos de Europa

Durante os séculos XVI e XVII, os europeos:

  • Abriran novas rutas marítimas.
  • Exploraran continentes.
  • Colonizaran territorios.

No século XVIII, o comercio cos territorios de ultramar acadou un extraordinario auxe.

  • Ás tradicionais potencias coloniais, España e Portugal, súmanselles países como Francia, Holanda e sobre todo Inglaterra, que se converte na primeira potencia marítima e comercial da época.
  • Estes países crean grandes compañías comerciais, como a das Indias Orientais e Occidentais, que teñen extensas flotas e monopolios de explotación dun produto ou dun territorio.

Unha das principais rutas é a do comercio triangular, que se leva a cabo entre Europa, África e América.

  • Os barcos parten de Europa con produtos manufacturados.
  • Son cambiados en África por escravos.
  • Estes véndense posteriormente en América aos donos das plantacións.
  • Os barcos volven a Europa cargados de produtos coloniais: café, azucre, tabaco…

A necesidade de capitais para financiar as expedicións comerciais favorece:

  • A ampliación dos mecanismos de crédito, das compañías de comercio e das institucións financeiras (bancos).
  • A proliferación de mercadores e prestamistas.

Moitos historiadores caracterizan a este período preindustrial como o de capitalismo comercial xustificándose en:

  • O gran movemento de capitais.
  • A súa acumulación arredor do comercio colonial.

A Ilustración: novas ideas fronte ao Antigo Réxime

As bases do pensamento ilustrado

A Ilustración é un movemento intelectual que se desenvolve no século XVIII en Europa, especialmente en Francia.

  • Os filósofos ilustrados sosteñen que a razón (a intelixencia humana) é o único medio para entender e explicar o mundo.
  • Fronte á concepción medieval, baseada na relixión ou na tradición.

Os ilustrados:

  • Defenden a liberdade de conciencia e pensamento.
  • Rexeitan a superioridade de calquera relixión sobre as demais.
  • Afirman que as relacións sociais deben basearse na tolerancia entre os homes e as súas ideas.
  • Afirman que os seres humanos nacen para ser felices.
  • Propoñen, de acordo con estas ideas, un novo modelo de organización política e social baseado nos principios de liberdade e igualdade.

As súas ideas:

  • Axudaron a socavar os principios ideolóxicos do Antigo Réxime.
  • Afirmaron a conciencia crítica da burguesía.
  • Marcaron o camiño das revolucións americana e francesa.

A crítica do Antigo Réxime

En primeiro lugar, os filósofos ilustrados:

  • Critican o absolutismo.
  • Configuran a base dunha nova doutrina política que coñecemos co nome de liberalismo.

Así:

  • Montesquieu propugna a división de poderes: lexislativo, executivo e xudicial.
  • Rousseau defende a necesidade dun contrato social entre gobernados e gobernantes.
    • Formula o principio de soberanía nacional, segundo o cal o poder emana do libre consentimento de todos os cidadáns expresado mediante o voto.
  • Voltaire proclámase defensor da liberdade de conciencia: tolerancia relixiosa.

Os ilustrados tamén se opoñen á sociedade estamental.

  • Defenden a mobilidade social, a igualdade de orixe e o mérito e a valía segundo a intelixencia e o esforzo de cada un.
  • Proclaman que ninguén pode herdar o honor, o prestixio ou os privilexios en nome dos seus antepasados.

O despotismo ilustrado

A influencia do pensamento ilustrado acada as cortes europeas.

  • Algúns soberanos, sen deixar de ser monarcas absolutos, levan a cabo experiencias reformistas.
  • Pretenden unir a autoridade real coas ideas de progreso da Ilustración.
  • Houbo monarcas ilustrados en boa parte de Europa: Federico II en Prusia, María Teresa en Austria, a tsarina Catarina en Rusia, Gustavo en Suecia e Carlos III en España.

Os trazos comúns da actuación destes monarcas son:

  • A racionalización da administración.
  • O fomento da educación.
  • A procura da modernización económica.

Todos eles:

  • Promoven programas de desenvolvemento agrícola e industrial.
  • Facilitan a liberdade de comercio.

Porén, estas experiencias teñen un alcance moi limitado.

  • Non se poden impulsar reformas económicas e ao mesmo tempo manter intacta a sociedade estamental e o poder absoluto.

Así pois, as contradicións do despotismo ilustrado ábrenlles camiño ás revolucións que acabarán co Antigo Réxime.

O nacemento dunha nación: os Estados Unidos de América

No continente americano tamén se expandiron:

  • As ideas ilustradas.
  • Os anhelos de cambios sociais, económicos e políticos.

Os habitantes das trece colonias inglesas establecidas dende o século XVII na costa leste de América do Norte:

  • Protagonizan no século XVIII unha insurrección contra a súa metrópole.
  • Animados polas ideas de liberdade e de igualdade que lles chegaban de Europa.

A revolución americana alumeou unha nova nación, os Estados Unidos de América.

  • O primeiro país que se rexeu polos principios do liberalismo.

Entradas relacionadas: