O Antigo Réxime: Estrutura Social e Económica da Europa do Século XVIII

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,06 KB

O Antigo Réxime: Sociedade, Economía e Política no Século XVIII

O Antigo Réxime era o sistema político, social e económico vixente en Europa no século XVIII. Caracterízase por ter unha sociedade estamental, unha economía agraria e a monarquía absoluta como forma de goberno.

Unha sociedade desigual

A sociedade estamental organizábase en tres grupos chamados estamentos ou estados: a nobreza, o clero e a xente do común ou Terceiro Estado. Os trazos fundamentais deste tipo de sociedade eran:

  • A existencia de privilexios. Os dous estamentos privilexiados (nobreza e clero) posuían importantes vantaxes respecto á xente do común, como ser xulgados por leis especiais ou non pagar impostos.
  • O inmobilismo. A pertenza a un ou outro estamento, salvo no caso do clero, dependía do nacemento e resultaba moi difícil ascender socialmente.

A Nobreza

A nobreza dividíase en alta nobreza e baixa nobreza. A alta nobreza tiña grandes propiedades, percibía ingresos polos seus dereitos señoriais e monopolizaba os altos cargos da Administración e do Exército. A baixa nobreza, con peor situación económica, tratou de emparentar coa burguesía adiñeirada.

O Clero

O clero dividíase tamén en alto clero e baixo clero. Os membros do alto clero (bispos, arcebispos...) adoitaban ser os fillos menores das familias nobres. Os integrantes do baixo clero (sacerdotes, monxes...), en cambio, procedían da xente común.

O Terceiro Estado ou Xente do Común

A xente do común ou Terceiro Estado era a maioría da poboación (campesiñado e burguesía):

  • O Campesiñado

    O campesiñado era o grupo máis numeroso, pero a súa influencia social era moi pouca. A maioría traballaba nas terras da nobreza ou da Igrexa como arrendatarios, xornaleiros ou servos, e debía pagar rendas aos señores para explotar as súas terras. Os campesiños tamén pagaban impostos ao rei e entregaban o décimo (décima parte da colleita) á Igrexa. Os servos non podían abandonar a terra sen permiso do seu señor.

  • A Burguesía

    A burguesía estaba formada por comerciantes, médicos, artesáns... Parte da burguesía acumulara grandes fortunas, aínda que o seu poder político era escaso e limitábase ao goberno das cidades. A burguesía reclamou maior participación no Goberno e igualdade xurídica, pero os privilexiados trataron de impedir que lograse estes obxectivos.

Un sector agrario importante pero pouco produtivo

No século XVIII, a agricultura e a gandaría eran as principais actividades económicas. En gran parte de Europa practicábase unha agricultura de subsistencia con ferramentas rudimentarias, dedicada sobre todo ao cultivo de cereais. A agricultura dependía fortemente do clima e cando se daban fenómenos meteorolóxicos adversos (secas, inundacións...), perdíanse as colleitas, escaseaban os alimentos, subían os prezos e chegaban as grandes fames.

A maior parte da terra era propiedade da nobreza e do clero. As terras da nobreza non se podían dividir porque, ao ser morgados, a lei obrigaba a transmitir todo o lote ao fillo máis vello. Parte das terras do clero tampouco podía venderse por estar baixo protección directa do rei. Por iso, moitas terras non se explotaban ou traballábanse de forma inadecuada.

O desenvolvemento da artesanía e do comercio

Actividades Artesanais e Gremios

As actividades artesanais eran controladas polos gremios. Estes eran asociacións de artesáns do mesmo oficio que regulaban a produción, o que dificultaba as innovacións. Os artesáns traballaban en pequenos obradoiros e usaban ferramentas sinxelas.

Manufacturas Reais

A monarquía potenciou a creación de manufacturas reais ou reais fábricas. Eran instalacións similares a grandes obradoiros artesanais, que se centraron na elaboración de armas e artigos de luxo.

Comercio Exterior e Compañías Privilexiadas

O comercio exterior medrou grazas ao aumento dos intercambios con América e Asia. As compañías privilexiadas, como a Compañía Inglesa das Indias Orientais, monopolizaban as relacións comerciais en certas zonas do mundo, desde onde importaban a Europa té, algodón... Así, a Coroa e os propietarios da compañía conseguían grandes beneficios.

O Comercio Triangular

Tamén se desenvolveu o comercio triangular: os barcos europeos dirixíanse a África, intercambiaban produtos de pouco valor por escravos e levábanos a América para vendelos. Cos beneficios que obtiñan compraban algodón, azucre... que revendían en Europa.

Entradas relacionadas: