Análise de Situacións Educativas e Estratexias Didácticas na E.I.

Enviado por Chuletator online y clasificado en Química

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,25 KB

A. Vivencia, Representación e Interpretación do Espazo

Carme é profesora da aula de Educación Infantil e planifica unha saída á cidade para traballar o contido: “Vivencia, representación e interpretación do espazo, empregando a imaxinación en debuxos, planos, fotografías, mapas ou outros”. O alumnado, coa axuda dun mapa, terá que orientarse e chegar a un punto concreto. Para isto, Carme dará pistas, orientacións, poñerá exemplos e instrucións.

1. Xustificación da Situación Educativa

Por medio dunha situación educativa, lévase a cabo o proceso de ensino-aprendizaxe. Neste caso, trátase dunha situación formal, xa que se transmite en institucións recoñecidas cunhas actividades:

  • Estruturadas e intencionais.
  • Obrigatorias e incluídas dentro dun proxecto curricular.
  • Con obxectivos a longo prazo.

Ademais, esta situación educativa conclúe cunha certificación, xa que todo o que realizan é obxecto de avaliación.

2. Tipos de Aprendizaxe Recorrentes

Para aprender este contido, a profesora recorre a dous tipos de aprendizaxe:

  1. Interacción con obxectos e materiais do contorno: Carme traballa a interacción con obxectos xa que empregan debuxos, mapas ou fotografías para poder chegar á meta da actividade proposta.

  2. Interacción social: Foméntase a interacción social, xa que se están relacionando entre os membros da clase, coa profesora e incluso permite relacionarse cos habitantes da cidade.

Ambas as teorías afirman que debemos partir de onde o neno ou nena chega para acceder a novos niveis, sendo imprescindible desenvolver situacións educativas na E.I. nas que ambas estean presentes.

3. Intelixencias Múltiples Traballadas

As intelixencias múltiples que se traballan coa actividade anterior son:

  • Cinético-corporal: Posto que os nenos e nenas estarán en continuo movemento na busca dun punto concreto.

  • Visuo-espacial: O propio contido fala da interpretación do espazo, e os alumnos teñen que desenvolvela para entender e seguir o mapa.

  • Naturalista: Xa que as criaturas estarán en contacto co medio urbano.

  • Interpersoal: Porque se relacionan co grupo clase e coa profesora.

  • Lingüística: Xa que precisan relacionarse e comprender aos demais por medio da lingua oral para chegar ao obxectivo.

4.a/ Concepción da Aprendizaxe da Profesora

Esta profesora concibe a aprendizaxe dende a construción de significados. Aquí, aprender é interpretar os materiais de coñecemento de maneira persoal e activa. O alumnado, a través desta experiencia, modela a aprendizaxe sendo autónomo e activo. Tamén posúe habilidades metacognitivas e fomenta a competencia de aprender a aprender.

A profesora, pola súa banda, ensina ao alumnado a adquirir coñecementos. É activa e actúa como mediadora do proceso, aínda que ten como protagonista ao alumnado.

4.b/ Tipo de Ensino Seguido

Segue un modelo de ensino por descubrimento, posto que os contidos non son dados directamente, senón que os alumnos teñen que ir asimilando, integrando, transformando e reorganizando a información ata alcanzar os contidos. Tamén é significativo, posto que no proceso de busca van adquirindo coñecementos novos en relación cos que xa tiñan.

B. Traballando as Cores e a Motivación

Outro día, Carme, para traballar “as cores”, propón facer un cadro recortando dunha revista anacos de diferentes cores e logo pegándoos de forma alternativa uns encima doutros.

5. Fomento de Metas de Aprendizaxe

Dado que as actividades se poden facer para conseguir diferentes metas, Carme tería que dicir explicitamente o seguinte para fomentar tres metas diferentes:

Meta 1: Consecución de Incentivos Externos

Exemplo: “Quen acabe antes de pegar os anacos gañará un caramelo de fresa.”

Xustificación: Pertence a unha meta de consecución ou non de incentivos externos. Isto pode provocar que desapareza o interese intrínseco sobre a actividade e que o alumno só se esforce polo mero feito de obter unha recompensa, e non porque vaia adquirir coñecementos.

Meta 2: Busca de Xuízo Positivo (Aprobación)

Exemplo: “Ao que faga o mellor cadro de todos poreille un dez.”

Xustificación: Os alumnos traballarán na busca de acadar o mellor resultado posible, interesándose só por aprobar, e estimulando así unha aprendizaxe memorística, na que se prexudica a comprensión e a asimilación.

Meta 3: Orientación á Aprendizaxe (Motivación Intrínseca)

Exemplo: “Imos facer un cadro, e hai que facelo ben para poder aprender máis sobre as cores.”

Xustificación: O alumno traballará intrinsecamente motivado, pedindo axuda e intentando entender os contidos. Contará, polo tanto, cunha motivación intrínseca.

6. Patrón Atribucional de María

Carme díxolle a María, unha alumna da aula, que o cadro lle saíu moi ben, ante o cal ela responde: “É porque traballo moito con cores na casa”.

O patrón que manifesta María é adaptativo, xa que persegue metas de aprendizaxe. Aquí tratan de incrementar a súa competencia adquirindo novas habilidades e coñecementos. María atribúe o seu éxito a factores internos e ao seu esforzo, que é controlable, aínda que sexa inestable.

C. Emocións e Traballo Cooperativo

Despois da lectura do conto “Unha manchea de bicos” de Antonia Ródenas, publicado pola editorial Xerais de Vigo no ano 2002, Carme ten preparadas as ilustracións do conto e propón unha actividade para que, por grupos, identifiquen as personaxes cos seus sentimentos: as que se queren, a que está furiosa, a que está triste.

7. Referencia Bibliográfica

Ródenas, A. (2003). Unha manchea de bicos. Vigo: Xerais.

8. Competencias Emocionais Traballadas

As subcompetencias e competencias emocionais que se están a traballar son:

  • Conciencia emocional
  • Recoñecemento de sentimentos e emocións nas demais persoas
  • Empatía

9. Caracterización da Colaboración entre Iguais

Tendo en conta as distintas formas de organizar as situacións cooperativas, Carme elixiu a colaboración entre iguais. Este tipo de organización da actividade constitúe un tipo de situación cooperativa no que o grao de igualdade entre uns e outros é moi alto, e na cal todos traballan conxuntamente en todas as actividades.

A diferenza da aprendizaxe cooperativa (onde se dividiría o traballo segundo as aptitudes) ou da titoría entre iguais (onde un titorizaría aos demais), na colaboración entre iguais os alumnos terán unha maior sensación de ser elixidos, apoiados e aceptados. Ademais, haberá un mellor uso da información dos compañeiros, menos dificultades de comunicación, máis aceptación e máis confianza nas ideas.

10. Expectativas da Profesora sobre Serxio

Durante o transcurso da actividade, Serxio está despistado, non participa e non amosa interese. Porén, Carme ten altas expectativas sobre este alumno.

10.a/ Tratamento Probable de Carme a Serxio

Dado que Serxio non participa, non amosa interese e está despistado, Carme, ao ter altas expectativas, é probable que lle dea:

  • Máis tempo de espera para que emita a súa resposta.
  • Máis pistas e reforzos apropiados.
  • Maior número de interaccións durante o proceso de instrución.

10.b/ Factor que Mantén as Expectativas (Teoría de Jussim)

Segundo a teoría de Jussim, un dos factores que poden facer que esta profesora siga mantendo estas expectativas a pesar das actuacións contrarias do alumno é a reputación do alumnado. Outros factores que interveñen son os estereotipos, a existencia de diagnósticos e as actuacións propias do alumnado.

Entradas relacionadas: