Análise da Obra de Eduardo Pondal e Rosalía de Castro

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,81 KB

Queixumes dos pinos

  • Pondal foi un decidido defensor do carácter celta de Galicia, polo que o celtismo constitúe un apartado decisivo no seu mundo poético. Non obstante, os datos acerca desa celtidade eran escasos. Mais, convencido de que os topónimos galegos (especialmente os das bisbarras de Bergantiños, Xallas, Costa da Morte) ocultaban antropónimos de remotos e esquecidos guerreiros, Pondal acudiu a eles para inventar os protagonistas dun pasado mítico: Gundar, Froxán…

  • Xorde a figura do bardo. O bardo é o poeta, o vate visionario cuxa misión reside en instruír, guiar o pobo. O seu labor non sempre é grato; moitas veces é vítima da incomprensión.

  • A voz da Natureza, o latexar da terra, configuran outro aspecto fundamental da súa lírica. A terra constitúe o elemento perdurante da idade dos heroes e, a través da paisaxe, o poeta participa de elementos de carácter simbolista.

  • Os versos de Pondal transmiten sempre unha ética castrense; dentro dela rexistramos un decidido aprecio por todos aqueles elementos que se refiran á virilidade. Pola contra, todo o que resulta débil, doce… (feminino) é obxecto de desconsideración. Neste dualismo, xorden tamén as referencias helenísticas.

  • O papel das mulleres na poesía de Pondal levou a falar dunha actitude misóxina (cando non abertamente machista) na súa obra. Outras lecturas apuntan a que cabe interpretar que o rol das mulleres nas súas obras é consecuencia do mundo épico no que a muller tiña un papel secundario.

Os Eoas

O máis fervente desexo de Pondal como poeta foi escribir unha obra que servise para demostrar a validez do galego para cantar os máis elevados feitos e que o viñese consagrar a el mesmo como un auténtico vate nacional. Nesta liña, traballaba no que máis tarde, por volta de 1858, serían Os Eoas. Xa fose polo seu afán de corrixir versos ou por diversas dificultades editoriais, o certo é que o poeta faleceu sen ver publicada a que el consideraba a «obra magna»; feito que só se produciu recentemente (2005).

O poema conservouse en fragmentos e papeletas reunidas nunha maleta que Pondal legou á RAG antes de morrer.

En Os Eoas atopamos, daquela, un verdadeiro compendio do mundo poético pondaliano (celtismo, bardismo…) posto ao servizo dun proxecto sintetizador: o desexo de cantar unha xesta, hispánica e galega, que demostrase as capacidades idiomáticas da lingua galega e a propia altura como literato do autor.

Participando da tese de que Colón nacera en Galicia, a través do heroe e da súa fazaña, Pondal une nun todo Galicia, España, Iberia e a vocación de expandir o cristianismo na extensión dun novo continente. En consecuencia, Os Eoas configúranse como unha verdadeira epopea fundacional.

Follas Novas (Temática)

Visión intimista

As angustias presentes no primeiro libro convértense nunha postura máis radical, onde os sentimentos de soidade son os seus constantes compañeiros. Rosalía gaña conciencia de que a existencia é unha fonte de dor. O amor tamén está condenado a fracasar; para Rosalía, o amor é unha ilusión que se destrúe co tempo. Tamén adquiren protagonismo cousas como o odio, a vergoña ou o resentimento. A morte identifícase co repouso (é a única e verdadeira realidade sen respostas); tamén se chega a contemplar o suicidio como fuxida do sufrimento. As constantes oscilacións entre as dúbidas e as crenzas revelan a conflitividade humana e un radical sentimento de saudade. No seu poema “Negra Sombra” exprésase de forma simbólica a traxectoria espiritual ante a dor de vivir, desde a esperanza de escapar dela ata o convencemento de que é inseparable da súa vida.

Visión social

Neste libro tamén aborda a situación da muller escritora e os límites que lle impón a sociedade do século XIX. Rosalía era consciente de que a súa traxectoria estaba á marxe das modas e tendencias, polo que recibiu hostilidades e ofensas. A voz de Rosalía tamén soubo ocuparse das «penas alleas», fustrigando con dureza as inxustizas e hipocrisías sociais. Tamén desenvolve o tema da emigración. Rosalía mostra a emigración no seu libro con mulleres desgraciadas que, incapaces de vivir, buscan o seu repouso na morte.

Cantares Gallegos (Temática)

A obra de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, foi publicada no ano 1863. A publicación desta obra foi de gran importancia para a chegada do Rexionalismo en Galicia. Nesta obra podemos distinguir varios temas:

  • O lirismo popularizante: son composicións artelladas a partir das vivencias de personaxes do rural cotián. Aínda que non é infrecuente que estas composicións estean cheas de penurias, inxustizas sociais ou deshonras destes personaxes, é máis habitual que Rosalía empregue un ton desenfadado. Dentro deste tema, destaca a temática amorosa.

  • Rosalía promove unha ollada en clave de «voz de muller» ao longo da obra. As mulleres do rural aparecen reflectidas na complexidade da súa psicoloxía. Nalgunha ocasión, a protagonista atrévese a desvelar os seus desexos máis íntimos.

  • A obra tamén ofrece glosas dunha maior carga social e patriótica con temas como a emigración, a miseria e marxinación que sofren os galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia. A emigración preséntase como unha reivindicación de beleza e dos valores da propia terra fronte a Castela e unha denuncia do seu maltrato. Tamén se fala dos males que sofre Galicia e a negación da españolidade dos galegos.

Á temática presenta recursos populares. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muiñeira ou as formas de arte menor, aínda que tamén dá uso de cuartetas, redondillas, etc.

Proceso de construción da lingua estándar

  • Galego popularizante: do século XIX a comezos do XX

  • Galego diferencialista: do século XX a 1936

  • Galego protoestándar: desde a Guerra Civil ata 1981

  • Galego estándar: de 1981 (Estatuto de Autonomía) ata hoxe

O Rexurdimento Literario

Na década de 1840 xorde o movemento galeguista contra o carácter centralista do Estado español. Na evolución do galeguismo distínguense tres etapas sucesivas: Provincialismo, Rexionalismo e Nacionalismo.

O Provincialismo xorde como un movemento político que perseguía facer de Galicia unha única provincia, aínda que acaba centrando a súa actividade na cultura e reivindicación do galego. Os escritores máis destacados nesta época son Francisco Añón e, sobre todo, Xoán Manuel Pintos, pois son os que prepararon o camiño para o Rexurdimento.

A data máis emblemática do Rexurdimento é a publicación de Cantares Gallegos no ano 1863, onde Rosalía critica aos que menosprezan a Galicia e o galego ata o último verso.

No ano 1860 publícanse os primeiros diccionarios da lingua galega.

No ano 1880 lévase a cabo a publicación de obras de alta calidade literaria que consolidan o renacer das letras galegas: Follas Novas, Aires da miña terra ou Saudades galegas.

Por esta época apareceu o Rexionalismo, que foi un movemento galeguista que reúne tendencias políticas distintas, unhas progresistas e outras conservadoras, unidas pola concepción de Galicia como unha rexión diferenciada. O Rexionalismo serviu de transición entre o Provincialismo e o Nacionalismo.

Significación da Obra de Rosalía de Castro

Rosalía foi a precursora da poesía cívica en Galicia. Á espontánea reacción fronte ás aldraxes, á defensa da Galicia explotada, marxinada e calumniada, hai que engadirlle a comuñón coa voz dos seus compatriotas, especialmente as mulleres das clases populares, falando do seu pobo cunha linguaxe vivamente expresiva. Cantares Gallegos marcou, entón, o punto de partida para o Rexurdimento. Follas Novas significa unha continuidade e afondamento nesa actitude de denuncia e, co tempo, vén marcar tamén unha corrente innovadora tanto pola métrica como pola temática, sinalando o camiño da poesía moderna do século XX.

Por último, Rosalía sentiuse allea ao mundo de falsa feminidade no que se move a maioría da literatura feminina do seu tempo. O canto á intimidade e aos máis fondos problemas comúns a homes e mulleres marcan tamén unha disidencia e unha clara posición feminista. Rosalía fai unha reflexión sobre a condición da muller escritora que pode verse no seu artigo «Las literatas».

Tipos de variedades lingüísticas

  • Variación temporal: é a consecuencia do paso do tempo e permítenos distinguir, por exemplo, o galego medieval do actual.

  • Variación xeográfica: dá lugar a variedades dialectais segundo os trazos lingüísticos de cada zona.

  • Variación social: depende do estrato social dos falantes ou doutras características como idade ou sexo.

  • Variación situacional: permite diferenciar distintos rexistros en función das características contextuais de cada acto comunicativo.

O divino sainete

O divino sainete (1888) constitúe un texto fundamental tanto na obra de Curros como no conxunto das letras galegas. A historia comeza en Madrid, nun día de Nadal. Curros encóntrase co espírito de Francisco Añón. Ambos os dous deciden viaxar cara a Roma, onde se celebra a xubilación do papa León XIII. Añón conduce a Curros polos vagóns dos sete pecados capitais. É unha obra de sátira e farsa onde o autor ataca a carlistas, frades corruptos e tamén a personaxes como Emilia Pardo Bazán. A claridade expresiva é un recurso esencial no estilo de Curros.

Entradas relacionadas: