Análise da Nova Canción Galega: Cohesión, Coherencia e Adecuación
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,07 KB
Análise do Texto: A Nova Canción Galega
O presente documento analiza un fragmento do texto A invención da Nova Canción Galega, centrándose nos seus aspectos de cohesión, coherencia e adecuación.
Cohesión Textual
Como corresponde á súa natureza de texto divulgativo, no texto non aparecen tecnicismos ou termos que poidan dificultar a súa comprensión. Pola contra, algunhas escollas léxicas outorgan ao texto un ton coloquial: (no Colexio Maior San Agustín paraba Eduardo Moscoso; por Madrid circulaba outro Xavier González; botei un par de cancións).
O campo semántico que predomina é o relativo á música (canción, recital, musicadores, papel pautado, disco, gravación...), ao que pertence o préstamo do inglés jingles ('melodía ou canción curta que acompaña os anuncios').
É de destacar o uso da adxectivación, que reflicte a subxectividade do autor nun tipo de texto en que adoita predominar a neutralidade e a ausencia do suxeito enunciador: (bo cantante e mellor guitarrista, voz fermosa, proveitosa axuda).
Os feitos que se expoñen no texto sitúanse no pasado, polo que os tempos verbais con maior presenza son os pretéritos (inventou, xurdiu...) e copretéritos (estaba, tiña...); tamén aparece o antepretérito (puxera, figurara), o pospretérito (ficarían) e o pretérito de subxuntivo (ficásemos). No último parágrafo achamos a temporalidade suspendida mediante o uso do xerundio (aproveitando) e da perífrase durativa (ía poñendo).
A sintaxe é clara, e predominan as secuencias breves, ben oracións simples (Guillermo Rojo puxera no papel pautado varios textos propios), ben compostas con elementos elididos (De cando en vez coa proveitosa axuda de Antón Seoane).
Como sucede nos textos expositivos, posto que a información debe presentarse de xeito organizado, os conectores textuais máis abundantes son os de tipo secuencial: (dunha banda, da outra, ao tempo, asemade...). Tamén aparece o reformulativo (quero dicir) e o aditivo (así mesmo).
Outros recursos cohesivos son a remisión catafórica (un par de ferroláns, Emilio e Fernando), a elipse (a [aula] número dous, creo) e a antonomasia (precursores).
Coherencia do Texto
Tipoloxía Textual
O texto é de tipo expositivo, xa que presenta de maneira organizada unha serie de informacións relativas a un feito. Atendendo ao tipo de receptor a que se dirixe, é divulgativo, xa que polo asunto tratado e polo nivel de lingua utilizado pretende chegar a un público amplo.
Tema e Resumo do Contido
O tema do texto son as orixes da Nova Canción Galega, movemento que daría lugar ao colectivo Voces Ceibes.
Non se pode atribuír a ninguén a aparición da Nova Canción Galega. Varias persoas en diferentes lugares estaban facendo simultaneamente música galega ou en galego: en Santiago, Benedicto, Xavier del Valle, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo; en Barcelona, Miro Casabella... entre outros. O propio autor fixo unha das súas primeiras cancións nunha sentada na universidade.
Estrutura e Progresión Temática
O fragmento presenta a introdución dun texto máis extenso, polo que non é posible identificar nel o desenvolvemento nin a conclusión.
A progresión temática é de tema constante, xa que se van enlazando diferentes informacións (cada un dos intérpretes que acabarían integrando o colectivo Voces Ceibes) relativas a un único asunto ou tema (o nacemento da Nova Canción Galega).
A información organízase seguindo unha estrutura dedutiva: primeiro exponse a tese e a seguir os datos ou informacións en que se sustenta.
Adecuación do Documento
Localización e Contexto
O texto pertence ao libro Voces Ceibes, do profesor e poeta Vicente Araguas. Nela fai a historia e dá a súa visión sobre o movemento da Nova Canción Galega dos anos sesenta e setenta, no que participou.
Elementos da Comunicación
O emisor do texto coincide co autor, que relata a súa experiencia persoal dirixíndose a calquera posible lector. A canle de difusión da mensaxe é o libro impreso, e o código, o galego estándar.
O referente é o grupo de músicos que se coñece baixo a denominación colectiva de Voces Ceibes, as circunstancias históricas en que apareceron e a súa evolución.
Intención Comunicativa e Funcións da Linguaxe
O texto ten unha finalidade informativa, xa que o autor pretende transmitirlle ao lector unha serie de datos e análises.
Polo tanto, a función da linguaxe que predomina nel é a referencial, xa que o elemento da comunicación que ten maior peso é o tema ou referente do texto. Hai trazos tamén da función fática nos momentos en que o emisor se expresa de xeito subxectivo (Sempre pensei que o exceso de seriedade é malo para o fígado e pon engurras na faciana).