Análise de Manet e Gauguin: O Almorzo e a Visión

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,09 KB

O almorzo sobre a herba: Édouard Manet

O almorzo sobre a herba: o cadro foi rexeitado tanto polo seu tema como pola maneira de estar pintado. Manet rompe coa perspectiva tradicional ao suprimir o fundido dos planos. Os personaxes aparecen recortados, case sen relevo, planos, aínda que aparecen en escorzo, colocados ante a paisaxe que está ao fondo como un simple decorado. Esta maneira de entender a composición atopa unha orixe posible na arte xaponesa, naquel intre de gran influencia entre as novas xeracións de artistas. O pintor atense á perspectiva tradicional na natureza morta; nestes elementos hai profundidade e un lixeiro modelado, quizais para demostrar que, ademais do seu estilo persoal, é quen de seguir as ríxidas normas académicas.

A composición baséase nunha gran V aberta, como no caso das Fiandeiras de Velázquez, deixando o centro libre para dirixir a nosa ollada cara á rapaza do fondo, agachada nunha paisaxe luminosa. Á súa vez, a composición subdivídese en varios triángulos:

  • Dous teñen por vértice as cabezas masculinas.
  • Repítense outros máis pequenos nas pernas da moza e do home á dereita.
  • Outro triángulo maior ten o seu vértice na moza do fondo.
  • Un último engloba as catro figuras e ten como vértice o paxaro de vivas cores na parte central superior.

O tratamento da luz, ou máis ben a súa falla de tratamento, mostra os corpos faltos de todo volume. As diferentes formas da obra xa non están modeladas de xeito tridimensional, desaparecendo o claroscuro tradicional. Non obstante, vemos contrastes fortes de luces e sombras, nas que desaparece o negro, que é substituído por diversos matices de verde. O foco lumínico está invertido: o fondo é máis claro que o primeiro termo da obra.

A cor está aplicada con grandes manchas de cores planas, superpostas ás zonas claras (espido, camisa branca, pantalóns grises) coas escuras (zapatos, gorro, chaquetas) de forma violenta, sen gradacións. Finalmente, é a cor quen suxire os volumes; o debuxo previo non ten apenas importancia. Os corpos presentan formas recortadas, como figuras dunha baralla ou elementos dun collage. Os fondos da follaxe e os reflexos na auga están só esbozados, insinuados con pinceladas frouxas. Esta revolución estética atrae os novos pintores impresionistas, que o van admirar e seguir. Manet vai contribuír a liberar a pintura das limitacións academicistas da época. Hai un antes e un despois desta obra.

O cadro escandalizou polo seu claro contido erótico: colocar mulleres espidas xunto a homes vestidos. Tratábase, ademais, dun espido non idealizado, senón realista, afastado da perfección. A xente estaba afeita a espidos alegóricos e mitolóxicos, pero neste cadro están representados sen a coartada da beleza ideal e idealizada, o que se considerou vulgar e indecente.

A visión tras o sermón: Paul Gauguin

A visión tras o sermón foi pintada por Paul Gauguin (1848-1903) en 1888 cando, esgotado da vida parisiense, decide trasladarse á Bretaña, unha das rexións máis illadas de Francia. Nesta etapa realiza este cadro de temática relixiosa coa idea de doalo á igrexa local, aínda que o párroco decide finalmente rexeitar a doazón.

Gauguin elixe o tema da loita de Xacob contra o anxo. O relato parte da historia de Xacob e as consecuencias derivadas tras o intento de engano ao seu pai para arrebatarlle a primoxenitura ao seu irmán, Esaú. Tras estes feitos, é expulsado do seu fogar ata que recupere o camiño do Señor. Gauguin elixe un dos moitos sufrimentos que tivo que pasar Xacob para recuperar o favor de Deus e da súa familia. Neste caso, aparece loitando co anxo enviado por Deus, que lle vai revelar o seu novo nome: Israel.

A escena móstrase como unha aparición ante un grupo de mulleres bretonas que están a pregar piadosamente mentres ocorre a visión. A pesar de basearse nun tema relixioso, incorpora elementos locais e é tratado dunha maneira moi persoal e simbólica. As mulleres bretonas, ataviadas con traxe negro e cofia branca, sitúanse formadas case en liña e de forma envolvente sobre a aparición. O gran tamaño das mulleres no primeiro plano chega a cubrir máis da metade da obra, decrecendo coa perspectiva, onde tamén podemos ver unha vaca trazada sinteticamente.

Unha rama de maceira divide diagonalmente a composición. Na outra metade aparece a loita descarnada entre Xacob e o anxo. Xacob, con túnica e pelo negro, contrasta co anxo louro de túnica azul e grandes ás de cor alaranxada. Nas mulleres do primeiro plano vemos uns trazos bastos e moi xestuais, configurados como liñas de contorno que, sen dúbida, son de influencia oriental (a estampa xaponesa). Estas liñas delimitan os campos de cor case plana con que configura cada unha das formas.

As figuras están rematadas de xeito rápido e sintético, fuxindo da representación mimética da realidade e da tradición pictórica occidental. Tras esta concepción máis simbólica renace unha idea de misticismo e pureza formal que podemos rastrexar ata as figuras realizadas mediante a técnica denominada cloisonnisme, utilizada en vidreiras e esmaltes. Consiste en crear a figura a partir dun debuxo que remarca as partes con grosos trazos negros, deixando o interior resolto con cores planas.

O uso da cor é completamente simbólico. Non se axusta á realidade, polo que podemos concluír que, máis que reflectir un feito para que pareza real, Gauguin interpreta a realidade á súa maneira. Non se quere representar unha visión real; o que o pintor pretende é levar o espectador ata o escenario dunha aparición, dunha visión mística non suxeita ás regras do mundo real. Algunhas das vangardas posteriores, como o simbolismo ou o surrealismo, tomarán esta premisa como parte das súas composicións artísticas.

Entradas relacionadas: