Análise de "Habitas rúas de medo" (Xulio L. Valcárcel) e a Memoria
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 10,17 KB
Introdución á Análise Poética
Despois dunha primeira lectura, observamos que estamos ante un poema lírico, xénero literario ao cal pertencen as obras escritas en verso e que expresan sentimentos análogos.
Funcións da Linguaxe e Recursos Estilísticos
Ao tratarse dun texto literario, unha das súas funcións predominantes é a poética, que se fai patente nos seguintes recursos:
- Personificacións: campás melancólicas.
- Imaxes: anchos corredores.
- Sinestesias e xogos de sensacións: frías caricias, flores artificiais, que embelecen a mensaxe.
Xunto a esta función, tamén temos a emotiva-descritiva, presente no propio contido e asunto do poema. É un poema intimista escrito nun ton melancólico, pausado e lento, que busca recuperar o pasado esquecido a través da memoria. Está expresado nunha lingua actual acorde co estándar.
Análise do Contido: "Habitas rúas de medo"
O título do poema, «HABITAS RÚAS DE MEDO», sérvenos de guía orientadora cara ao corazón da proposta temática e dálle unha certa autonomía a esta composición fronte a outras pertencentes ao poemario de Alba de auga sonámbula, de Xulio L. Valcárcel, poeta e narrador pertencente á Xeración dos 80.
O Eu Lírico e o Autodiálogo
En Habitas rúas de medo, a voz dominante é a dun eu lírico presente ao longo do poema, un eu que aparece desdobrado nunha segunda persoa, o ti, como podemos observar nos seguintes versos:
«hábitas rúas de medo e buscas / en cada neno que cruzas aquel neno que fuches...»
«...esculcas cadros / que te miran desde aló, obxectos / que outras mans tocaron»
Estes versos amosan o autor reflectido nun espello, como se falase consigo mesmo; trátase da técnica do autodiálogo. As formas verbais da segunda persoa do singular do presente de indicativo agochan os sentimentos do autor, o cal fai unha viaxe interior desde o presente ao pasado, máis concretamente á súa nenez, a aquela infancia perdida:
«por anchos corredores cruzan sombras que te precederon / néboa de pregos esvaecidos nunha luz neboenta»
A Forza Devastadora do Tempo e a Memoria
O autor intenta recuperar «ese neno que xoga» por medio da palabra e dos recordos do pasado, «de invernos longuísimos de cinza da túa historia». É tremenda a forza devastadora do tempo, onde nada escapa ao seu poder, convertendo en cinza (é dicir, en morte, en paso do tempo) o que foi chama vital:
«chegan a ti campás melancólicas días sen paxaros / misais, rosarios remol de leitos onde se amou»
Nesa lembranza do pasado xorde na súa memoria, unha memoria que non é lineal nin obxectiva, senón oblicua: «a luz oblicua da memoria». Trátase dunha memoria selectiva que escolle aquilo que máis lle impactou da súa nenez, época na cal o tempo pasa amodiño («invernos longuísimos»). Escolle aquilo que aínda co decorrer do tempo permanece «no clarescuro desfarrapado da lembranza».
Así, a voz poética «esculcas cadros / que te miran desde aló, obxectos que outras mans tocaron / frías caricias no muro da derrota». O pasado volve a el. Os obxectos producen nel sensacións que ás veces un xa tiña esquecido, pero que perviven agochados, difuminados nese «clarescuro desfarrapado da lembranza».
Lembranzas, recordos, sensacións, olores: todo envolve o universo do protagonista desta historia, que é a propia voz poética (o autor). Nun ton intimista e ás veces cun tinte existencial, ofrécenos un desacougo fronte ao tempo xa pasado, pero tamén unha esperanza que xorde nos últimos versos do poema:
«e recoñeceraste nese neno que xoga / neses ollos inmensos que miran asustados»
Asustados porque non sabe o que lle depara o futuro, mais o poeta si o sabe e xa pode reflexionar sobre a súa nenez porque xa a viviu, xa pasou.
O Tema Central: Desacougo e Esperanza
O tema en torno ao que xira este asunto é: o desacougo, a sensación de baleiro e a angustia polo medo de se saber incapaz de recuperar aquilo que foi a súa máis absoluta e íntima vivencia persoal. Poderiamos ir máis alá e dicir que é unha vivencia colectiva, xa que nós, como lectores e adultos, tamén nos vemos reflectidos e recoñecémonos neses nenos que habitan as rúas de medo (o paso do tempo).
Temos un tema moi intimista, melancólico e intenso que flúe ao longo dos 23 versos que constitúen esta composición dunha maneira lineal e engarzada, sen división estrutural. Todo vai fluído, como transcorre pola nosa mente cando a través de sensacións obtemos un recordo e asociamos. É un poema pechado a través da técnica de recapitulación do último verso, que recolle o neno do primeiro verso.
Coordenadas Espazo-Temporais
Neste poema melancólico, as coordenadas espazo-temporais están moi difuminadas, pois o máis importante é a emotividade interna. De aí que debamos falar máis que dun tempo externo (manifestado nas formas verbais de presente, pasado e futuro), dun tempo interno, lento e estático no pasado, nun momento da súa vida: a nenez.
Este tempo está en relación co espazo, que é tamén interno, xa que temos a propia memoria do autor. Hai unha paisaxe interior, enigmática, chea de lembranzas... parece como se viaxásemos por unha galería, a da memoria, onde van fluíndo imaxes como:
- Os leitos onde un amou.
- Os rosarios, as misas.
- As caixas de música.
Todos son elementos que producen sensacións no autor que o levan a reflexionar sobre ese pasado sen retorno. Pois todos camiñamos cara adiante e non hai volta atrás. Este contido de gran carga sentimental reflíctese na propia forma, como veremos a seguir.
Análise da Forma e Estrutura
Estrutura Métrica e Ritmo
Desde o punto de vista da forma, estamos perante un poema monoestrófico e heterométrico, composto por 23 versos libres. O seu ritmo é lento, acorde co tema tratado, e isto acentúase coa abundancia de encabalgamentos suaves que intentan non romper o ritmo interno do poema, axudando a que este sexa máis fluído, aínda que lento. Exemplos:
- «...buscas en cada neno que cruzas...» (v. 1, 2)
- «...onde se perden as horas en...» (v. 3, 4)
- «...o ar que outros deixaron en mestas atmósferas de desarraigo...» (v. 15, 16)
Recursos Fónicos: Aliteración
Cómpre salientar neste apartado a aliteración do fonema /s/ nos dous primeiros versos, fonema que abunda ao longo da composición xunto co vibrante /r/, talvez contrastando o mundo silencioso da memoria coa realidade:
- /s/ (Silencio/Memoria): as horas en labirintos escuros... mestas atmósferas... frías caricias...
- /r/ (Realidade/Desarraigo): desarraigo, deixaron, desfarrapado, recoñeceraste cando saías á rúa.
Este efecto fónico tamén terá a súa correspondencia no plano semántico.
Nivel Morfolóxico e Sintáctico
O Uso de Adxectivos
A nivel morfolóxico, é ineludible facer referencia á grande abundancia de adxectivos (oblícua, escuros, longuísimos, melancólicas) que aparecen sempre connotando ao substantivo ao cal acompañan, limitando e cualificando (luz oblícua, labirintos escuros, luz neboenta; campás melancólicas).
Distinguimos entre:
- Adxectivos pospostos: Determinan e teñen menos carga subxectiva e expresiva.
- Adxectivos antepostos: anchos corredores, frías caricias; mestas atmósferas.
A abundancia desta categoría non só embelece o poema, senón que tamén realza e enfatiza os sentimentos do autor, intensificando a nivel formal o que xa vimos no contido.
Tensión Temporal nos Verbos
En canto á categoría verbal, predominan formas de presente (habitas, buscas, cruzas...) que fan referencia ao momento en que fala a voz poética e no cal se sitúa para volver ao pasado (precederon, tocaron...). O poema acaba no último verso coa única forma de futuro (recoñeceraste), que indica a esperanza.
Recorrencias e Enumeracións
Do mesmo xeito que os adxectivos, hai outros recursos que outorgan expresión e beleza ao poema, como a recorrencia na utilización de cláusulas de relativo que modifican o substantivo. Presentan anáfora co relativo que:
- «luz neboenta / que che trae ecos silenciosos»
- «cadros / que te miran desde aló»
- «obxectos / que noutras mans tocaron»
- «ar que outros deixaron...»
Tamén atopamos enumeracións, que son fenómenos intensificadores por acumulación:
«misais, rosarios, remol de leitos, onde se amou... flores artificiais, caixas de música, funerarias monecas...»
Nivel Léxico-Semántico e Figuras
O tema, a nivel léxico-semántico, é moi rico en sensacións. Atopamos unha gran riqueza de figuras estilísticas relacionadas coas sensacións auditivas, táctiles e visuais:
- Sinestesias: «ecos silenciosos» (v. 10), «frías caricias» (v. 14), «mestas atmósferas» (v. 16).
- Personificación: «campás melancólicas».
Conclusión e Contextualización
Podemos concluír de todo o visto que este poema achéganos a un mundo interior onde a poesía abandona o carácter social e a temática ruralista (moi cultivada a partir da posguerra). Achégase a un tema de carácter intimista, onde a palabra toma outros valores e a forma deixa de estar sometida a unhas regras clásicas, sendo máis libre, pero sen esquecelas.
Isto lévanos a contextualizar o poema na década dos 80, escrito polo autor pertencente a esta xeración, Xulio L. Valcárcel.