Análise Detallada: O Matrimonio Arnolfini de Jan Van Eyck (1434)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,73 KB

O Matrimonio Arnolfini: Análise Detallada

Autor: Jan Van Eyck. Cronoloxía: 1434. Tipoloxía: Óleo. Estilo: Gótico-flamenco. Localización: National Gallery (Londres).

Contexto Histórico e Cultural

Na Baixa Idade Media, os Países Baixos flamencos viviron unha evolución distinta ao resto de Europa. En Flandres, o desenvolvemento das actividades mercantís (Ámsterdam era o centro do comercio mundial de panos) provocou a aparición dunha puxante burguesía, unha nova clase social con suficiente poder económico como para permitirse o luxo de encargar obras de arte, pero con actitudes estéticas moi distintas ás da nobreza ou o clero, tradicionais patróns da creación artística.

A pintura flamenca é unha pintura burguesa, intimista. Sen abandonar a temática relixiosa, introduce novas preocupacións:

  • Renovado interese polo retrato.
  • O gusto pola exhibición dos interiores domésticos (móbeis e obxectos que testemuñan o estatus social dos seus posuidores).
  • A pintura, sen abandonar o simbolismo medieval (agora “disfrazado”), prantéxanse os problemas da representación tridimensional, descubrindo pola súa conta a perspectiva matemática e a perspectiva aérea, que serán os grandes logros do Renacemento italiano.

Con todo, a pesar das novidades que supón no terreo da representación tridimensional e do realismo, a súa pintura segue sendo medieval pola súa concepción simbólica e porque descoñece a temática clásica, o compoñente mitolóxico, fundamental do Renacemento.

Análise Iconográfica

Trátase dun cadro nupcial encargado por Michele Arnolfini para conmemorar a súa voda.

Os Esposos e a Cerimonia

Os esposos aparecen retratados de pé, vestidos luxosamente como corresponde ao seu estatus social, dándose a man mentres o esposo fai un xesto de bendición, co que se celebraba un matrimonio da época, cando aínda non era necesaria a presenza dun sacerdote (anterior ao Concilio de Trento).

Porén, Arnolfini suxeita a súa esposa coa man esquerda, non coa dereita, o que sería o normal. Este rasgo foi interpretado por Panofsky como signo da desigualdade social, o que cadraría perfectamente co matrimonio de Michele, casado cunha plebea, Elisabeth, da que se descoñece o apelido e a procedencia (para algúns, o representado é Giovanni coa súa esposa Giovanna Cenami). Os Arnolfini eran orixinarios de Lucca (Toscana), eran adiñeirados comerciantes asentados en Bruxas.

O Espazo e as Testemuñas

A cerimonia transcorre nun confortable dormitorio burgués que Van Eyck representa con todo detalle e coa súa habitual mestría técnica. Ao fondo, nun espello, aparecen reflectidas as persoas: unha, o propio Van Eyck, e outra, un personaxe descoñecido, que actúan como testemuñas da cerimonia. Sobre o espello, na parede, aparece a firma de Jan, pero cunha firma de notario, non de pintor: Johannes de Eyck fuit hic (“Estivo aquí”, non “o fixo” ou “o pintou”, que sería o normal).

O truco do espello, que representa a realidade que está fóra do cadro, é un recurso típico da pintura flamenca e será máis tarde utilizado por Velázquez nas Meninas.

O Simbolismo Oculto

Aparentemente o cadro é só un retrato nupcial, unha “foto de voda”, pero, diseminados pola habitación, aparecen unha serie de obxectos, frecuentes nunha estancia burguesa, aos que Van Eyck dotou dun carácter simbólico, convertendo a táboa nunha representación alegórica do matrimonio:

  • A vela acesa: Aínda é de día e, por tanto, completamente innecesaria, unha vela acesa luce na magnífica lámpada de bronce que colga do teito. É un símbolo de Cristo que santifica a unión matrimonial e utilizábase nas cerimonias, pero tamén é a chama do amor que nunca debe apagarse.
  • Mans xuntas: Unión nunha soa carne.
  • Laranxas: Que aparecen como por azar no alféizar da ventá, son a froita do paraíso, símbolo dos praceres do matrimonio.
  • O canciño: Aos pés dos esposos, simboliza a fidelidade.
  • Calzado: Están descalzos (fogar: chan sagrado). As zapatillas dela, tiradas mirando cara dentro, indican que o seu labor está no fogar. As zapatillas del miran cara fóra (o seu traballo está fóra do fogar).
  • A cama e Santa Margarida: A figura de Sta. Margarida, protectora dos nacementos, aparece tallada na cabeceira da cama. O “embarazo” ficticio (man no ventre) da señora Arnolfini alude á procreación como finalidade do matrimonio (a cor verde: fertilidade e continuidade da liñaxe). O leito simboliza a unión conxugal.
  • A escobiña: Que pende ao fondo, representa a Santa Marta, patroa do fogar.
  • O espello e o rosario: O espello do fondo é un atributo da virxinidade. O “rosario” de contas colgado na parede simboliza a castidade (regalo que lle fai o noivo á noiva). Ao redor do espello, dez medallóns relátannos as escenas da Paixón de Cristo, imitando esmaltes cun virtuosismo inigualable.

Análise Estilística e Técnica

No terreo estilístico, é un cadro dunha excelente mostra de virtuosismo técnico do pintor.

Ninguén como el é capaz de describir as calidades dos obxectos: o metal da lámpada, o terciopelo do traxe de Elisabeth, as peles de Arnolfini... Todo aparece representado cun detallismo tipicamente flamenco. Se a iso engadimos o sabio uso da luz (hai dous focos, un na ventá e outro no frontal que ilumina os rostros dos esposos), unha coherente construción da perspectiva, a cor e a habilidade para o retrato, teremos os ingredientes para considerar O Matrimonio Arnolfini unha obra mestra.

Influencia e Traxectoria

A súa depurada técnica realista foi aceptada en boa parte da pintura flamenga da segunda metade do século XV e XVI e posteriormente en pintores de distintos estilos como o Barroco, destacando a figura de Velázquez (xa comentadas as influencias no cadro das Meninas).

O cadro foi adquirido, a finais do século XV, polo embaixador dos Reis Católicos nos Países Baixos, quen o regalou á infanta Margarida de Austria, futura esposa do malogrado infante Xoán, fillo dos Reis Católicos. Chegou así a Castela, onde estivo no Escorial ata principios do século XIX, sendo roubado polas tropas de Napoleón e acabando logo nos fondos da National Gallery de Londres.

Entradas relacionadas: